Logo de ser testemuña de curiosas metamorfoses docentes, creo que por fin atopei aos alumnos 2.0. Atentos, vivos, rápidos, participativos, semella que naceron xa pegados á pantalla do seu ordenador portátil.
O pasado venres celebrouse a terceira sesión do curso de "Iniciación á Metodoloxía Científica", organizado por SEECGalicia dentro do marco dos cursos de postgrao da USC, e dirixido fundamentalmente a estudiantes de Filoloxía Clásica (si, si, aínda quedan, e cunha bolsa de traballo que os reclama ao acabar a carreira, para que despois digan que o Latín e Grego non valen para nada...)
O curso está estruturado en catro partes. A primeira, impartida por Cecilia Criado, estivo enfocada ás Fontes Primarias e Secundarias: obras e autores antigos en soporte magnético (formas de citación, edicións e traducións, datación), formas de citación das referencias bibliográficas secundarias, convencións de normas de estilo, bases de datos bibliográficas, Google Books, publicacións periódicas en liña e revistas electrónicas de acceso libre. Na segunda Paco Cortés Gabaudán encargouse do uso de grego antigo en tipografías Unicode (Sibylla, Euclides), dos textos clásicos na Rede (Perseus, TLG-Demo, Chicago Homer, Dioscórides, Thesaurus Linguae Latinae) e das bases de datos bibliográficas (L´Année Philologique, Gnomon, TOCS-IN, Dialnet, Interclassica e Google Books). Na cuarta e última, a celebrar a partires do vindeiro venres, Xosé A. López Silva tratará dos paradigmas teóricos da Filoloxía Clásica.
A terceira, dedicada á Didactica das Clásicas, correspondeume a min. Falei sobre o noso proxecto, sobre Chiron. Unha vez presentada a nosa historia, as nosas seccións, os números (visitas, recursos, etc), algunha sombra e os plans de futuro, pasamos directamente ao Taller. Fixemos as contas nos correspondentes servizos 2.0 e por medio de tarefas na Aula Virtual aprendemos primeiro a pedirlle información ao Centauro (imaxes, presentacións, ligazóns, documentos, etc), para dar paso logo á subida de recursos propios, incrementando así o inmenso patrimonio que atesouran xa as súas estancias.
E rematamos fedellando na Rede Social, ad libitum, perdéndonos un pouco no seu labirinto...
Houbo tempo tamén para algunha sorpresa, semellante a aquela da amiga dunha amiga...

