22/06/10

Exame de Selectividade Latín 2010

Ben, aínda que foi difícil de conseguir este ano, aquí está xa por fin o exame das PAAU de latín 2010 (con apuntamentos de alumno incluídos...)
Dous textos moi accesibles, tanto o de Eutropio como o de Fedro (que por certo, fixemos en clase máis dun ano). Sin problemas tampouco nas cuestións gramaticais.
En literatura foi o turno para Cicerón e Plauto, a elixir. As cuestións do mundo clásico tamén entraban dentro do esperado (de actualidade o topónimo de Sobrado, da que falamos aquí hai ben pouco por mor dun Conselleiro mentireiro)
Un exame polo tanto correcto. Os meus alumnos están desaparecidos, polo menos no mundo Virtual, así que aínda non teño a súa opinión. Pero penso que han estar ben contentos (iso espero...)

15/06/10

Dairas, estrea o vindeiro 23 de xuño

Dairas é unha curtametraxe de animación realizada polo Taller de Creación Artística do MGB. Alguén dixo algunha vez que en realidade só existen dúas historias para ser narradas: unha sobre unha guerra e outra sobre o regreso ao fogar. Dairas é a historia de Ahmed, un neno que vive nos campamentos de refuxiados saharahuis de Tindouf, en Alxeria.
Os meus alumnos de TICs de 1º de Bacharelato realizaron varios Glogs (pósters multimedia) para a estrea da curta. Este foi o que máis gustou, aínda que a elección foi moi difícil, pois o nivel estaba alto. A súa autora foi Sue Sánchez. Grazas Sue! Podes velo mellor en Pantalla grande.

pd: as invitacións para o 23 de xuño están esgotadas. Faremos un segundo pase o luns 28 de xuño. Se alguén está interesado en asistir poñédevos en contacto comigo.

01/06/10

"La odisea de Giussepe Bergman", por Milo Manara

A segunda recreación corre a mans de Milo Manara, e leva o título de "La odisea de Giuseppe Bergman". Foi publicada por Planeta de Agostini en Barcelona no ano 2007, e reseñada anteriormente por Ricardo con abundantes imaxes que ilustran a trama.

É esta unha versión moi distinta da anterior, e dirixida especialmente ao público adulto. A quen coñeza as obras de Manara pode que non lle sorprenda nada do que ocorre nesta aventura. 

O forte erotismo que imprega todas as páxinas permítenos un profundo coñecemento da anatomía femenina dende tódolos ángulos posibles. Temos a un personaxe, unha fermosa rapaza, do que colga un falo de madeira durante gran parte da historia, e unha protagonista, tamén guapa ela, á que se lle están baixando os pantalóns páxina tras páxina. Por se o anterior fose pouco, tamén aparece unha especie de convención de moteiros heavys montados en Harleys, cunhas amigas un tanto, digamos, liberais...
A historia dun naufraxio da pé a unha narración de corte fantástico, onde o propio Ulises e o seu piloto Elpenor se lles aparecen misteriosamente aos protagonistas, que, coa axuda dun casco de extraordinarios poderes, serán transportados no tempo para aparecer sen ser vistos no pazo de Eolo, na praia das vacas do Sol, con Escila e Caribdis, coas sereas e finalmente na illa de Circe.


E quizais sexa isto último o que máis nos poida interesar, o fermoso debuxo que recrea os famosos episodios narrados por Homero, poboados, iso si, dun auténtico exército de velinas transformadas en sereas e deusas antigas...


A Odisea. Cómic por F. Villalobos e J. González.

Presentamos hoxe, dentro da serie dedicada aos "Tebeos Clásicos", dúas versións da inmortal obra de Homero.
En primeiro lugar falaremos da publicada por edicións SM, Madrid 2008, con guión de Federico Villalobos e debuxos de Jorge González. Encádrase dentro da serie editorial ¿sigues pensando que los clásicos son cosas del pasado?, así que semella perfecta para a introdución dos máis novos ao Mundo Clásico. 
Cun debuxo a coloríns, que nos recorda ás veces aos trazos expresionistas de Munch, un guión rápido e preciso percorre as aventuras máis salientables de Odiseo: a toma de Troia, a chegada ao pais dos Feacios, a estancia cos Lotófagos, o cíclope Polifemo, Circe, as sereas, Calipso e o recoñecemento de Ulises e posterior matanza dos pretendentes.
Podedes ler outras reseñas en ComicPasión ou no blog de Ricardo Helleniká.