30/09/10

30 de setembro, día de Google

Así deberíamos chamar dende hoxe a esta data, nun mes por certo ben cargado de efemérides.
Porque hoxe conflúen dous feitos que ben merecen esta reseña, y que cada vez outorgan máis valor a este mantra, que eu oín por vez primeira ao noso Dux Ubibene, durante a estancia de Chiron en Compostela:
"Google fixo (e fai) máis pola educación que moitos gobernos"
Dende logo bastante más que a Consellería de Educación da Xunta de Galicia, que hai un ano suprimiu a conta de correo-e edu.xove para os nosos alumnos e que leva todo este inicio de curso 2010/2011 con problemas no servidor onde están aloxadas todas as webs e Aulas Virtuais dos centros, o que se traduce na imposibilidade case total de traballar nestes ámbitos, xa que o sistema está colapsado ou caído unhas veces sí e outras tamén.

Pero volvamos aos feitos a destacar.
  • O primeiro: dende hoxe Google traduce latín. Ou iso proclama. Aínda que a xulgar polos resultados que lemos nos Dies de Dèdal creo que os nosos alumnos conseguirán mellores resultados traducindo eles mesmos. (Probade palabra a palabra, como un diccionario, a cousa mellora moito!!)
  • O segundo: Google vén de conceder hoxe ao noso centro un dominio de contas de correo para todo o alumnado e comunidade educativa, con todo o que iso conleva: acceso a todas as ferramentas de google, grupos de correo, calendario compartido, e moitísimas cousas máis que aínda estamos por descubrir. (Todo isto grazas ao gran traballo do meu compañeiro Sindo Monteagudo. Un crack!)
30 de setembro, día de Google

    27/09/10

    27 de setembro - CHIRON 2006/2010

    Despois das palabras de Luis e Ana non me queda outra que poñelo en imaxes...

    letter c letter H letter I R letter o letter N


    number 2 0 Copper Square Number 0 lego brick number 6


    number 2 zero 0 1 old thermometer 0

    25/09/10

    Latín: exame de Selectividade de setembro 2010

    Este foi o exame oficial na Comunidade de Galicia nas probas das PAAU de setembro 2010.
    Un exame, como o de xuño, que se axusta ao programa enviado polo coordinador. Textos moi asequibles, sobre todo o de Eutropio. O nivel xusto, creo eu, para un alumno de 2º de Bacharelato. 
    O texto de Fedro, como pasa case sempre ao quedar cortada a fábula, non se entende demasiado ben. O alumno, logo de traducir o texto latino, se antes non leu a fábula en tradución, pode quedar con moitas dúbidas sobre o verdadeiro significado desta fábula (con ese pauciño do final...), que Esopo creou para ilustrar a situación de descontento en Atenas coa chegada da dictadura de Pisístrato. Deberemos polo tanto recomendar ler as fábulas completas de Fedro previamente, para ter así unha idea de tódalas historias alí contadas.

    24/09/10

    Alfa e Omega

    Alfa e Omega. Principio e fin. Setembro e xuño.
    Chiron en Gijón, primavera do 2008. Un tema de Santiago Menor, dende Avilés.
    Imaxes: La mirada griega.
    Para Nausícaa e Ricardo, dende a Dives Gallaecia:

    18/09/10

    Omne principium difficile

    Como tódolos setembros produciuse outra vez a milagre, a cerimonia de transformación. O paso das estacións. Volvemos.
    Escoitamos con ledicia como outros compañeiros gañan fieis, e mesmo logran bula para abrir a igrexa a un só feligrés (aquí gastámolo todo na cidade da Cultura e logo pasa o que pasa...)
    Do meu recente periplo por terras catalanas, ademais do privilexio da visita a Girona con tan egrexio cicerone (outros non puideron asistir por mor dos males propios da xuventude), traio noticias sobre o novo calendario que nos espera, e que estreaban alí este curso: comézase unha semana antes e logo en febreiro-marzo vén unha semana de vacacións, comúnmente coñecida como semana branca, aínda que a xulgar polo visto na viñeta quizais habería que pensar na mudanza de calificativo. Tamén comezaba alí a implantación dos libros dixitais, algo parecido ao "Proxecto Abalar". En principio somos todos moi modernos e renovadores, quizais para acabar onde xa estabamos: cos libros tradicionais escaneados e presentados en pantalla.
    En Galicia comezamos o curso cun recorte importante de profesorado, con máis alumnos por aula, cun decreto para o uso do galego que vai ser ignorado olímpicamente nos Claustros, e cunha paixón colectiva, enfermiza case, polas seccións bilingües, aínda a risco de esquecer a nosa propia.
    No IES Manuel García Barros da Estrada desaparece o Grego neste curso. Despois de que apenas un par de alumnos escollesen a asignatura e dada a imposibilidade de crear grupos con tal número, a titular de Grego foi desprazada a un centro de Santiago. A situación desta materia semella xa desesperada. Se non se toman medidas rapidamente as cousas só poden ir a peor. Non creo que sexa toda a culpa da Administración. Son os rapaces os que non a piden. Ou se cambia o programa de xeito radical ou o descenso de alumnado será imparable. O aoristo, a voz media e a reduplicación terán que ceder o paso a outros contidos más axeitados para os rapaces do século XXI.
    Ademais do grego tamén perdemos, eu neste caso, o latín de 4º de ESO. A progresión desta materia foi alarmante: de 20 alumnos hai dous anos, 10 alumnos o ano pasado e ningún neste (só a pediron 2 e como optativa e o recén creado itinerario LATIN-MUSICA non foi escollido por ninguén!). É só un feito puntual? Cambiarán as tornas no futuro?
    Así comezamos este curso de 2010/2011. Algo nos avisa, na boca do estómago, que mañá subimos ao escenario.
    Con menos público.

    *Viñeta publicada no diario La Manyana, de Lleida