28/02/11

A morte de Viriato (en vídeo)

Si, en vídeo, pero tal e como o conta Eutropio no seu liber IV, XVI. Este texto figuraba no exame da Selectividade en Galicia no pasado mes de setembro de 2010.
Os meus alumnos téñeno que preparar hoxe pola tarde na casa. É unha especie de ensaio, un adestramento de cara á proba de tradución que terán mañá na Aula. 
Acabo de colgalo na Aula Virtual. A idea é que o consulten esta noite, unha vez rematado o seu traballo, para que cada quen poida ver os acertos e erros cometidos.
É unha sinxela presentación elaborada con Keynote e logo exportada a vídeo (*.mov) dentro das opcións que ofrece o propio programa.


22/02/11

Reconstrución da Acrópole de Atenas.

Grazas a Neso e á sua túnica, que nos fala hoxe do azul exipcio, acabo de descubrir este impresionante vídeo onde se fai unha reconstrución virtual da Acrópole de Atenas e o Erecteión.
E o máis sorprendente de todo é que foi realizado polo Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da Universidade de Santiago de Compostela e dirixido por Carlos Hernández no ano 2001!

07/02/11

Premios Innovación Educativa 2010

Hoxe estivemos na Consellería celebrando o noso Triumphus particular, a falta do escravo que nos muiñe ao oído para recordarnos que somos mortais...

Recollimos o primeiro premio de innovación educativa 2010 na modalidade B "Introdución das competencias básicas na aula dixital", cun traballo que xa recibira o Premio Crearte.

Cómpre agraceder hic et nunc as ensinanzas e experiencias recibidas logo dun lustro xa co vello centauro. Botade unha ollada ao proxecto e recoñeceredes as súas pegadas.


Remata o concurso ODISEA 2011 para o MGB

Non puido ser, como din os comentaristas deportivos ante o fracaso do equipo local. Malia que o intentamos, malia as horas de busca e investigación ininterrumpidas, malia a todo o noso esforzo, uns erros a todas luces evitables conseguiron que ningún equipo do MGB chegase ao desempate da Fase Galega que terá lugar o vindeiro mércores.

Porque iso de poñer Marte cando se pide a pregunta expresamente "en latín", ou iso de acentuar ARGONAÚTICAS no u, pois só pode achacarse ás présas, aos nervios ou simplemente despiste (maneras de vivir...).

Tamén é certo que o famoso EPINETRON acabou con todas as nosas esperanzas, xa que ningún grupo do centro foi capaz de atopalo. Nótase, supoño, a falta de profesor de grego. O de latín, hai que recoñecelo, non estivo á altura. Porque a forza de poñer cera nos oídos para non oír as súplicas das sereas (e sereos), esqueceu proporcionar unha bibliografía axeitada para esta tarefa.

Pero así e todo estou más que satisfeito da nosa participación e moi contento coas gañas que puxeron todos os equipos (non abandonou ningún).

Así que a pensar xa na ODISEA 2012!