Hoxe queremos presentar aquí o excepcional traballo dun colega, Manuel González, profesor de historia no IES Concepción Arenal de Ferrol e responsable de Cliphistoria, un canal de YouTube (100.000 visitas!) que conta con máis de 1.000 fragmentos extraídos de preto de 400 películas e documentais, dende a Prehistoria ata o 18 de xullo de 1936, data que o autor se puxo como límite. 50 películas o separan de conseguir ese obxectivo.
"Trátase de parcelar a Historia de España, de América, e o que existe de Galicia, a través de pequenos clips, para que os alumnos vaian descubrindo como era cada época", explicaba nunha entrevista concedida ao diario El País o pasado agosto.
Manuel non é un recén chegado ao mundo da imaxe, como testemuña o seu paso pola Axencia Audiovisual Galega, promotora, entre outros moitos proxectos, da creación de Flocos TV, peza angular do audiovisual galego, que recollía tanto a nova produción como materiais históricos, e que co último cambio de goberno pasou a mellor vida: "esta web xa non está operativa", pode lerse, a modo de esquela, neste enderezo (estou seguro que coa metade do que custaron as baldosas que adornan o aparcadoiro da Cidade da Cultura podería manterse a web durante 10 anos máis).
O mundo clásico tamén está presente no canal. Temos unha lista de reprodución dedicada á historia de Galicia, onde podemos atopar, entre outros, clips sobre a vida castrexa, Lucus Augusti, Aquis Querquennis, a construción da Ponte Bibei, Gallaecia contra Roma ou o ouro do val do Sil. Pero hai máis: os gregos descobren Iberia, Aníbal sae de Hispania, Roma invade a península ibérica, etc.
Manuel falará con nós de todo isto e máis na charla que abrirá o curso Chiron en Compostela 2011, o vindeiro venres 25 de novembro ás 16:30 horas, no IES Xelmírez I de Santiago (Campus universitario), nunha actividade organizada por SEECGalicia.
(...) O clip ilustra o proceso final da construcción dunha ponte romana idéntica na forma e situación a magnífica ponte do Bibei (Poboa de Trives, Ourense). A ponte do Bibei é un fito senlleiro da enxenería da Hispania romana; obra mestra e peza fundamental da Vía XVIII (Vía Nova) entre Braga e Astorga, aínda hoxe está en uso sen ningún tipo de restauración, 2000 anos despois de seren construida (...)
