31/5/10

Arde Lucus 2010

Lemos na prensa que nos vindeiros 25, 26 e 27 de xuño vaise celebrar en Lugo unha nova edición do Arde Lucus. E digo lemos na prensa porque, como desgrazadamente é habitual, a menos dun mes para o inicio dos actos, na propia web do evento (de vistoso deseño pero cunha navegación difícil e engorrosa e escaso ou nulo contido) non podemos atopar nin o programa nin o cartel para 2010.
Pola prensa nos enteramos tamén de que este ano se vai poñer en marcha o "Tapitorium", unha rota de tapas polos bares da cidade. Outra aberración (lingüística como pouco) á que tamén nos teñen acostumados os organizadores (recordades o "comilonum"?).
Pero se isto fose pouco, tamén os diarios informan dunha especie de "evento paralelo", o Lux Nox Festival, onde poderemos ver a afamados DJs vestidos de romanos...!
Como vemos, non só non avanzamos nada dende o ano 2008, cando escribín o de "Arde Tarraco e Fumea Lucus", senón que mesmo retrocedemos. Podería repetir este ano as mesmas palabras que usara entón.
Seguimos empeñados na festa gastronómica como principal obxectivo, non hai oferta de actos culturais paralelos (conferencias, cine, talleres), nin se invita ás asociacións de recreación histórica, especialistas en darlle a cor necesaria a estes días (só participan as de Lugo), etc.
Só temos que darnos unha volta pola web de TarracoViva para darnos conta de ata onde se pode chegar con actos deste tipo. Con que aquí se fixese a décima parte, co mesmo criterio histórico e didáctico, daríame por contento.
Pero moi preto da cidade das murallas tamén nacen boas iniciativas, aínda que fóra da organización, como este desfile de moda protagonizado polos alumnos e alumnas de Cultura Clásica do IES de Melide.


17/5/10

Centauros de ouro 2010

Un ano máis, coincidindo coa celebración do día de Internet (17 de maio), Chiron concede os seus Centauros de Ouro, a aqueles blogs de temática clásica, mantidos por alumnos, que constitúen un exemplo a seguir e un estímulo para fomentar o amor polo mundo grecorromano.

Nesta cuarta convocatoria, o Centauro de Ouro correspondeu aos blogs:
-Viam stratam, blog de aula dos alumnos de clásicas do IES Manuel García Barros da Estrada (Pontevedra).
-Lingua Mater, blog persoal de Elena Recio, alumna de 4º de ESO do Instituto Santiago Apóstolo de Almendralejo (Badaxoz).


Ademais, Chiron desexa tamén premiar iniciativas sobre o mundo clásico dirixidas a alumnos. E, para ese efecto, outorga tamén un Centauro de Ouro ao Concurso de Cultura Clásica Odisea, organizado polas seccións da SEEC en Galicia, Valencia-Castellón e Alacante, e que xa culminou a súa quinta edición, polo seu decidido empeño en promover o coñecemento da civilización grecorromana entre os alumnos de secundaria. Unha iniciativa que busca e está preparada para crecer e agrupar en próximas edicións a todas as comunidades que estean interesadas en participar

Dende aquí a noraboa para os meus alumnos e alumnas "clásicos" do MGB, que fixeron posible a obtención deste prezado galardón da blogosfera clásica, e noraboa tamén a tódalas persoas que facemos posible ano tras ano a celebración do Concurso Odisea.

13/5/10

Plauto, os xemelgos.

Unha boa noticia para as Clásicas na Dives Gallaecia: a publicación dos "Xemelgos" de Plauto, en edición bilingüe Galego-Latín, a cargo de Xosé Antonio López Silva, amigo e compañeiro na directiva de SEECGalicia.

Publicada pola editorial Andavira (1ª edición, marzo 2010, Santiago de Compostela), a obra comeza cunha longa, extensa e moi ben documentada introdución, onde se abordan os temas do teatro en Roma e Grecia, o contexto histórico e escénico da comedia plautina, a comedia Palliata posterior a Plauto, a Comedia Togata, a evolución do xénero cómico, a farsa atelana literaria e o mimo, a traxedia latina, a influencia do teatro plautino e dos Menaechmi e a tradición manuscrita (acompaña tamén unha pormenorizada bibliografía)

Logo dos textos galego e latino, o autor inclúe unha guía de lectura da obra, pensada para traballar cos nosos alumnos de bacharelato, onde nos fala da trama, estrutura, espazo escénico, tempo escénico e de representación, personaxes, lingua e estilo e métrica.

Por último engádense unhas actividades de traballo, cuestións referidas ao argumento, personaxes ou contido da obra, con suxerencias de debate (situación da muller, do escravo, o matrimonio no mundo antigo, etc.) e comentario de texto (comparación de The Comedy of Errors de Shakespeare e a obra plautina)

En resume, un recurso máis na nosa lingua, que chega xusto a tempo para afrontar as probas de Selectividade deste ano, onde é a obra elixida como lectura, e que completa o gran traballo dos profesores  ourensáns Manuel Rodríguez Santos e Mª Carmen Blanco Pardal, coa súa tradución do "Breviario da Historia de Roma" de Eutropio, que os propios autores autopublicaron en Bubok a un prezo que só recolle os custos de impresión (12€), e que merecen dende aquí o noso eloxio.

4/5/10

Heracles (Sócrates o semi-can)

Presentamos hoxe o primeiro volume da serie de "Sócrates, el semi-perro", firmada polos franceses Joan Sfar (guión) e Chistopher Blain (debuxos), que publica edicións Sins Entido.
Estamos ante a presentación do personaxe do que falabamos días atras: Sócrates, o semi-can, que posúe o don da palabra e que acompaña ao seu amo Heracles, presentado aquí como unha especie de "Miles Gloriosus", máis preocupado por fortalecer os seus músculos o seducir a canta muller lle saia ao paso que nas sesudas e brillantes reflexións deste incrible can, que nos fará pasar un bo rato a todos.

Queda aquí unha mostra das súas meditacións:
"A miña filosofía consiste en non facer nada. Canto teño fame, como, cando teño sono, durmo. Sigo ao meu amo onde quera que vaia, co que me aforro ter que tomar decisións".

"En principio fíome sempre do meu próximo, xa sexa home, besta ou monstro. Ou mesmo gato. Cando alguén se achega á nosa fogueira, sempre intento darlle a benvida. Aínda cando as súas intencións non son amistosas. Creo que calquera malentendido pódese resolver cun diálogo constructivo. Pero sexamos sinceiros. Pódomo permitir porque son o can de Heracles. Se non es máis que un canciño de lás, aprende primeiro a defenderte e logo a filosofar" (isto nos recorda aquilo de "primum vivere deinde filosofare!!)

"O Feito de que o ser humano faga exercicios de musculación demostra que ten conciencia de si mesmo. Que un can corra non demostra nada".

"O meu amo di que lle gustan as mulleres, pero o que lle gusta e gustarlles. É da opinión de que todas as mulleres deber ser agarimosas e tenras con el, que deben concederlle calquera capricho. Porque, para o meu amo, tódalas mulleres son nais, esposas e amantes. Non sei se a tódalas mulleres lle apetecerá ser nais, esposas e amantes. Pasa como cos cans: non se lles pide a súa opinión."

De entre as reseñas que podedes atopar na rede sobre esta obra, resalto a magnífica crónica de Ricardo dende o seu blog Helleniká, que data xa do ano 2008.
En Tirafrutas ou en Entrecomics, podedes ler outras críticas máis orientadas ao mundo do Cómic que ao seu aproveitamento didáctico.


2/5/10

Las Águilas de Roma. Cuestionario.

Como dicía na entrada anterior, un cuestionario de preguntas cuxa solución veña dada por una lectura atenta dos textos ou ben como resultado de pequenas investigacións, pode ser unha boa ferramenta para sacarlle todo o partido a este recurso. Hai tamén espazo para as reflexións persoais sobre algún tema como as razóns do matrimonio en Roma ou o trato e a consideración dos escravos.
As preguntas versan sobre Educación, Urbanismo, Clases sociais, Excravitude Mitoloxía, Historia, Etimoloxía, Ocio, Exército e Literatura Latina.
aguias_roma_cuestionario