Mostrando entradas con la etiqueta Lugo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Lugo. Mostrar todas las entradas

9/3/10

Festival de teatro grecolatino de Lugo 2010

Onte os alumnos e profesores "Clásicos" do MGB asistimos ás representacións da primeira xornada do festival de teatro grecolatino de Lugo 2010, organizado por SEECGalicia.
Pola mañá o grupo de teatro Párodos, do IES Siberia Extremeña de Talarrubias de Badajoz, puxo en escea unha sobria versión de Electra, de Sófocles. Dadas as dificultades que presenta a montaxe dunha obra destas características, e máis ante un público de escolares, non podemos senón felicitar á súa directora Silvia Pérez Marco, polo grandísimo traballo dos seus actores.
Pero o punto forte deste grupo está sen dúbida na comedia. E así o demostraron pola tarde, facendo escachar coa risa aos case mil espectadores que ateigaban o Auditorio Gustavo Freire de Lugo.
Incrible o que están conseguindo neste pobo de pouco más de 3.000 habitantes, ubicado na chamada Siberia Extremeña. Segundo nos confesou Silvia (aparte da súa admiración por Ricardo, director do grupo Parrocha, antes Sardiña), están conseguindo o que antes ninguén fixera: que a xente do pobo vaia ao teatro, e todos sabemos a pequena revolución que isto pode supor nunha vila destas características.
O espírito de Plauto estivo outra vez vivo en Lugo, cuns actores que non paraban de brincar e moverse por toda a escea (coas dificultades que isto lle supuxo ao fotógrafo...),  e un emprego da música maxistral, co aggiornamento habitual nestes casos pero coa novidade que supón a música en directo, xa que había partes onde cantaban os propios actores.
Noraboa a Silvia e a toda a compañía. Quizais na vindeira edición volvan pola Gallaecia! 
Déixovos cunha imaxe da representación de Cásina (Plauto). Tedes o álbum de fotografías completo en Flickr.





21/11/09

Sexo, mentiras e ponencias de Clásicas.

Ave Viator.
Se estás lendo esta entrada ou ben es un amigo ou seguidor deste blog ou ben premeches na ligazón atraído polo absurdo do título. Non hai sexo (esa é a mentira). O único que atoparás aquí é unha ponencia de Clásicas presentada no Inforensino de Lugo 2009 e á que só acudiron 5 persoas. Había outras dúas ponencias simultáneas, as dúas abarrotadas de xente.
"Proxecto Chiron (así rezaba o título, e ata aí ben...): Estudos Clásicos na web 2.0" (desafortunado como pouco)
É certo que logo había un epígrafe explicando que se trataba dun proxecto colaborativo de profesores, etc. Demasiado tarde. A maioría da xente quedouse na primeira liña. O de Estudos Clásicos foi o pasaporte directo ao desastre.
Vale viator.

19/9/09

Curso 2009/2010: alea iacta est

De novo na carreteira un ano máis. Esta vez con cambio de década incluído. En realidade o curso comezou xa a primeiros do mes de xullo, co envío por parte da CIUG do controvertido documento sobre as ponderacións na nova selectividade, onde a pobre consideración do grego chegaba ata o extremo de puntuar menos que outras disciplinas á hora de cursar Filoloxía Clásica. Houbo unha pronta reacción de SEECGalicia e do coordinador de grego J.J. Moralejo, con cartas e entrevistas cos responsables de tal despropósito. Semella que a solución terá que esperar como mínimo un ano máis. Isto é algo que non só ocorreu en Galicia, como podedes comprobar no Foro de Chiron.

Pero a nosa loita polos nosos estudos aínda tería un capítulo máis este mes de setembro. A iniciativa de SEECGalicia para o envío dunha carta masiva dirixida á Consellería, onde se recollían as nosas reivindicacións con respecto aos seguintes puntos.
  • Modificación do número mínimo de alumnos para poder impartir na ESO as materias optativas (C. Clásica) e opcionais (Latín 4º).
  • Modificación do número mínimo de alumnos para poder impartir no Bacharelato materias propias de modalidade (Grego I e II, Latín I e II).
  • Supresión da obrigatoriedade da Historia do Mundo Contemporáneo (1º bacharelato) e Xeografía (2º de bacharelato).
Noutro orde de cousas, van aparecendo xa citas importantes no noso calendario. Unha delas é a nova edición (a X) do festival de teatro grecolatino Lugo 2010, onde este ano temos que destacar a coordinación de SEECGalicia, ornanizadora do evento, e os responsables dos grupos de traballo de grego e latín das PAAU, para poder ofrecer as representacións das obras elixidas nas probas de Selectividade.

Outra actividade interesante é a viaxe a Italia para profesores e alumnos organizada tamén por SEECGalicia, unha boa opción cando no noso centro non contamos co número suficiente de alumnos para un evento de este tipo.

Sorte a tod@s!

14/3/09

Festival Teatro Lugo 2009

Grupo Balbo - Mostellaria
Un ano máis, e xa van uns cantos, os alumnos "clásicos" do MGB acudimos puntuais á cita do festival de teatro clásico grecolatino de Lugo, organizado por SeecGalicia, e que tivo lugar no auditorio Gustavo Freire da cidade das murallas os pasados luns 9, martes 10 e mércores 11 de marzo, dacordo co seguinte programa.
O luns, día da inauguración do festival, fíxose entrega dos premios aos equipos gañadores da fase galega do concurso Odisea 2009, que tan boa acollida tivo este ano.
O día elixido por nós foi o martes 10 de marzo, 26 cumpleanos do que suscribe estas liñas (pois si, porque o ano pasado dixen que era o 25, e agora teremos que ir sumando un ...) onde o grupo Balbo, del Puerto de Santa María (Cádiz), ofreceunos a representación de Antígona, pola mañá, e Mostellaria, pola tarde.
De Antígona pouco se pode dicir. Quizais que acusou demasiado os nervos da estrea. Vimos unha obra sen forza, cun Creonte demasiado fallón na dicción, e unha Antígona relegada a un papel secundario, lonxe da protagonista que debería ser.
Pola tarde todo cambiou. Xa o ano pasado en Sagunt, Balbo demostrou que é un grupo nado para a comedia. O público non parou de rir e berrar, de revolverse nos seus asentos en todas e cada unha das incursións dos actores entre as butacas. Incrible foi a xuventude e o saber estar dos cómicos, cunha graza andaluza inimitable.
Deixovos aquí unha completa galería de fotos deste día (co tan alabado Hemón en tanga incluído...)

6/3/08

IFIXENIA EN ÁULIDE


Onte acudimos, os alumnos "clásicos" do MGB, á edición 2008 do festival de teatro grecolatino de Lugo, organizada por SEECGALICIA dentro da rede de festivales da asociación PROSOPON.

Nesta ocasión os encargados de dar vida novamente aos personaxes de Eurípides foron os compoñentes do grupo vigués Arela das Artes. Prometían música de arpa en directo, pero puidemos enterarnos de que un problema coa compañía de seguros impediu a viaxe da arpa a Lugo, así que tivemos que conformarnos con música pregravada, malia que nalgún momento da representación escoitamos unha traballada polifonía dos actores, que daba perfecto acompañamento aos monólogos dos protagonistas.
Escoitamos alí a Agamenón e Menelao, ante as prediccións de Calcante, e como un enfrontamento inicial da lugar a un acordo entre irmáns, as dúbidas e a responsabilidade do rei de Micenas, o engano tramado e o arrepentimento. Logo chegaron a inocencia de Ifixenia, a "cofradía do santo reproche" (Sabina dixit) de Clitemnestra, as poderosas razóns de Estado do rei Agamenón , e o valor de Aquiles, esvaecido ante as ansias de botín dos mirmidóns. Quedou á vista de todos a misoxínia e o sometemento da muller ao home no mundo grego, que provocou algún que outro comentario entre o público. Estamos en 2008. Non todo son malas noticias no mundo educativo e na sociedade. Os cambios van calando na xente nova.
Unha representación que durou case dúas horas, excesivo para algunha, á que Morfeo non permitiu enterarse do final. Outros preferiron atronar os seus oídos cos mp3ses, ou mpcatros. A maioría tivo un comportamento impecable. Outros deixaron escapar unhas risas estúpidas nos momentos culminantes da acción.
Para min foi unha das mellores representacións de traxedias de entre todas as que levamos visto neste festival, quizais a mellor. Os actores decididos e con poderosa dicción, a iluminación perfecta, a escenografía sobria, os movementos do coro dunha plasticidade moi traballada.
Aos meus alumnos: espero os vosos comentarios e a vosa opinión persoal sobre esta representación. Fundamentados, sexan positivos ou negativos, e as críticas envoltas sempre no veo da fina ironía...
pd: podedes ver máis fotos no álbum colgado na galería do MGB.

17/4/07

Festival de teatro grecolatino Lugo 2007


Arrancou onte luns 16 de abril a edición deste ano do festival de teatro grecolatino de Lugo, onde acudimos cos nosos alumnos para asistir ás representacións de Fenicias, de Eurípides, e Cestita, de Plauto, a cargo do grupo Arthistrión, de Villaviciosa de Odón, Madrid.

Foron case 1.500 espectadores, entre mañá e tarde, prodecentes de case 30 centros de toda Galicia, os que asistiron ao Auditorio "Gustavo Freire", na cidade das murallas.

Este festival está organizado pola delegación galega da SEEC, e conta co patrocinio do Concello de Lugo. Podedes consultar o programa completo dos tres días que dura o evento.

Hoxe sae publicada unha pequena reseña na edición dixital da Voz de Galicia.

1/3/07

II EDICIÓN CONCURSO ODISEA 2007

Con 219 equipos inscritos pertencentes a máis de 50 centros de ensino de Galicia, arranca a nova edición do concurso de Cultura Clásica ODISEA 2007.
Un ano máis a Delegación Galega da SEEC organiza este certamen, que pretende "sacar a Cultura Clásica das aulas, alomenos por uns días".
Os gañadores, ademais dun premio en metálico, estarán invitados á inauguración do festival de teatro grecolatino Lugo 2007, que terá lugar no auditorio Gustavo Freire desta cidade, o luns 16 de abril.
O concurso empeza o luns 5 de marzo, e consiste nunha serie de preguntas que os equipos contestan directamente dende un formulario web.