Mostrando entradas con la etiqueta PAAU. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta PAAU. Mostrar todas las entradas

30/9/12

Exame de latín nas PAU de setembro

Este foi o exame de latín para os alumnos que se presentaron ás probas de Selectividade de setembro en Galicia.

Exame de latín nas PAU de Galicia - Setembro 2012

11/6/12

Exame das PAU de Latín - xuño 2012

Este foi o exame que tiveron que facer os nosos alumnos o pasado xoves.
Na opción A, un texto de Eutropio sobre a guerra de Roma contra os tarentinos, moi asequible e que ademais tivemos a sorte de facer en clase, co famoso Hi Pyrrhum, que alguén traduciu por "Que tal? Pirro.."
As cousas do plurilingüismo.
A opción B "A raposa e a aguia", de Fedro, presentaba xa máis dificultades, fundamentalmente porque é un texto mutilado, como podemos ver máis abaixo, o que sen dúbida dificulta a súa compresión (o verso que falta é a oración introducida pola conxunción ne e constitúe o CD do verbo orare, cuxo sentido queda así incompleto, e a frase "tuta quippe in ipso loco" enténdese de verdade cando traducimos a última parte da fábula, na que a raposa se toma cumprida vingaza e consegue que a aguia devolva as crías sans e salvas, ao non ser tan "seguro" o nido como se pensaba).
As demais preguntas seguen a tónica habitual dos últimos anos, aínda que un se pregunta se non habería lecturas máis proveitosas que o discurso de Calgaco...

pd: Esta sería a versión completa da fábula de Fedro (en negriña, os versos da proba)
Liber I, 28
Quamvis sublimes debent humiles metuere, 
vindicta docili quia patet sollertiae. 
Vulpinos catulos aquila quondam sustulit, 
nidoque posuit pullis, escam ut carperent. 
Hanc persecuta mater orare incipit, 
ne tantum miserae luctum importaret sibi.  (verso mutilado)
Contempsit illa, tuta quippe ipso loco. 
Vulpes ab ara rapuit ardentem facem, 
totamque flammis arborem circumdedit, 
hosti dolorem damno miscens sanguinis. 
Aquila, ut periclo mortis eriperet suos, 
incolumes natos supplex vulpi reddidit.
Paau Latin Xuño 2012

19/9/11

Exame de latín - Selectividade setembro 2011- Galicia

Este foi o exame para os alumnos de Latín que acudiron ás probas de Selectividade de setembro en Galicia.
No texto de Eutropio aparece unha frase, obxecto ademais de comentario gramatical, que sen dúbida tivo que representar un obstáculo importante para os alumnos (na liña, dende logo, daquela que tantos comentarios motivara no exame de xuño)
Referímonos á subordinada consecutiva "ut Romanis (toto orbe victoribus) sola navigatio tuta non esset" (incluída, por certo, nos traballos da wiki PaulatimGallaecia)
A parte entre paréntese foi suprimida, como tamén se fixera con Espartaco e o seus compañeiros no exame anterior. 
Se a intención era facer o texto máis sinxelo, non sería mellor usar as notas a pé de páxina que suprimir partes do texto orixinal ou elixir outro texto sen tantas complicacións?
Difícil polo tanto a cuestión gramatical seguinte.
As preguntas de Literatura e Mundo Clásico, na liña habitual. Moi acertada paréceme a do resume da historia de Orfeo e Eurídice segundo Ovidio.
En cambio, a elección do texto de Fedro semella do máis desafortunado. É practicamente imposible que un rapaz poida chegar ao sentido final do texto, non tanto pola dificultade gramatical e de vocabulario, que tamén existe, senón pola mensaxe que se agocha tras as liñas, e que esixe un coñecemento do contexto socio-político da Atenas do s.VI do que desgrazadamente carecen os nosos alumnos.
En resume, mala, moi mala elección dos textos, e edición deficiente dos mesmos (sen notas ao pé e con supresións respecto ao orixinal).
E se por riba temos en conta que se trata dun exame de setembro, que pretende recuperar aos alumnos que non foron quen de aprobar en xuño, pois xa non queda moito que engadir.

13/6/11

Exame de latín Selectividade 2011- Galicia

Aquí tedes o exame que tiveron que realizar os alumnos de latín de Galicia o pasado xoves. Un texto de Eutropio sobre a revolta de Espartaco (e que traballáramos en Viam Stratam este ano!) cunha pregunta gramatical que incidía sobre dous ablativos absolutos, e un texto de Fedro dentro tamén do nivel esixible, cunha pregunta sobre unha oración subordinada adverbial temporal e con sentido completo nas 5 liñas, non como en textos doutras edicións. Presentaba tamén unha nota a pé de páxina para explicar a construción do verbo videor + dativo.
As preguntas de Literatura (os temas nas comedias de Plauto e na Lírica de Horacio) axustábanse ben ao programa, o mesmo que as preguntas sobre o Mundo Clásico (latinismos, topónimos, composición culta e lecturas)
Ligazón ao documento para descarga.

26/3/11

A mala prensa do latín

Hai pouco falabamos aquí do que podía ser a enciclopedia do futuro.
Hoxe, sen ir tan lonxe, falaremos dun elemento descoñecido ata hai pouco, pero que chegou para quedarse. Se atendemos á forma de traballar dos nosos alumnos, semella que non poden imaxinar un mundo sen el (pero tampouco sen móviles ou sen botellón). Estou a falar do hipertexto.
Poñamos que este mesmo traballo que presento hic et nunc houbese sido realizado hai 20 anos. Sería unha listaxe sen máis, un texto plano que nos daría a definición de cada latinismo. O alumno quizais os aprendese todos de memoria, pero seguramente non sería capaz de empregalos no contexto axeitado.
Propuxen hai xa un par de anos aos meus alumnos un traballo colectivo, enriquecido ano tras ano coas aportacións dos integrantes dese curso de Latín II, que sempre se renova mentres nós seguimos sendo case os mesmos.
Tratábase de buscar exemplos de latinismos na prensa actual e completar a listaxe con pequenos fragmentos destes usos e ligazóns ao texto completo, citando o medio de comunicación e a data de publicación do artigo.
Este ano ademais intentamos poñer imaxes ao texto, na medida do posible con licenzas CC que permitan a súa utilización.
O resultado foi este documento en *.pdf de 32 páxinas, que ten a súa correspondencia no apartado de latinismos da nosa wiki PaulatimGallaecia. Nel aparecen exemplos de extraídos dos principais diarios do Estado. Hai novas de política, de deportes, de sociedade. Poucas, moi poucas, en galego.
E o mellor de todo é que o documento está inacabado. Faltan máis exemplos, faltan máis imaxes. Non será problema. Están agardando os de 1º, e os de 4º...
Sería un bo regalo para o decano da Facultade Periodismo da USC, que na súa cegueira ante o peso do latín nas ponderacións, fai bo o dito de "Quod Natura non dat, Compostella non praestat"

28/2/11

A morte de Viriato (en vídeo)

Si, en vídeo, pero tal e como o conta Eutropio no seu liber IV, XVI. Este texto figuraba no exame da Selectividade en Galicia no pasado mes de setembro de 2010.
Os meus alumnos téñeno que preparar hoxe pola tarde na casa. É unha especie de ensaio, un adestramento de cara á proba de tradución que terán mañá na Aula. 
Acabo de colgalo na Aula Virtual. A idea é que o consulten esta noite, unha vez rematado o seu traballo, para que cada quen poida ver os acertos e erros cometidos.
É unha sinxela presentación elaborada con Keynote e logo exportada a vídeo (*.mov) dentro das opcións que ofrece o propio programa.


30/11/10

En perigo de extinción

Esta vez o perigo asexa ao mundo universitario. A Consellería estipulou un prazo de tres anos para que as carreiras con menos de 25 alumnos incrementen a matrícula. En caso contrario desaparecerán. O caso, sen ir máis lonxe, de Filoloxía Clásica. Así aparecía publicado este domingo na Opinión de Coruña. Iso si, neste prazo os nosos colegas universitarios poden artellar os medios que consideren oportunos para incrementar matrícula. Promoción, publicidade, renovación, actividades, esforzo por captar alumnos... Sóavos de algo? Benvid@s ao clube.

Por outra banda saiu publicada tamén na páxina da CIUG a nova lista de ponderacións das materias da fase específica para o curso 2011/2012. Tralas xestións realizadas no seu día por SEECGalicia, temos que dicir que a situación mellorou substancialmente, sobre todo no caso do latín. O grego non sae tan ben parado (puntúa 0,1 en Historia, Historia da Arte, Información e Documentación, e Ciencia Política e da Administración, por 0,2 do latín). No caso de Xornalismo, para desgraza dos meus alumnos e malia o noso traballo dos latinismos na prensa, quedan ambas materias cun exiguo 0,1.

pd: que ocorrrerá se os plans de promoción na Universidade non teñen éxito? Quedarán os nosos colegas relevados de docencia e entregados exclusivamente aos misterios do xenitivo en Horacio ou o aoristo sigmático en Xenofonte? Terán que exercer tamén de profesores de alterne, con clases de Lingua Española, Fonética xeral ou Atención Educativa?

25/9/10

Latín: exame de Selectividade de setembro 2010

Este foi o exame oficial na Comunidade de Galicia nas probas das PAAU de setembro 2010.
Un exame, como o de xuño, que se axusta ao programa enviado polo coordinador. Textos moi asequibles, sobre todo o de Eutropio. O nivel xusto, creo eu, para un alumno de 2º de Bacharelato. 
O texto de Fedro, como pasa case sempre ao quedar cortada a fábula, non se entende demasiado ben. O alumno, logo de traducir o texto latino, se antes non leu a fábula en tradución, pode quedar con moitas dúbidas sobre o verdadeiro significado desta fábula (con ese pauciño do final...), que Esopo creou para ilustrar a situación de descontento en Atenas coa chegada da dictadura de Pisístrato. Deberemos polo tanto recomendar ler as fábulas completas de Fedro previamente, para ter así unha idea de tódalas historias alí contadas.

22/6/10

Exame de Selectividade Latín 2010

Ben, aínda que foi difícil de conseguir este ano, aquí está xa por fin o exame das PAAU de latín 2010 (con apuntamentos de alumno incluídos...)
Dous textos moi accesibles, tanto o de Eutropio como o de Fedro (que por certo, fixemos en clase máis dun ano). Sin problemas tampouco nas cuestións gramaticais.
En literatura foi o turno para Cicerón e Plauto, a elixir. As cuestións do mundo clásico tamén entraban dentro do esperado (de actualidade o topónimo de Sobrado, da que falamos aquí hai ben pouco por mor dun Conselleiro mentireiro)
Un exame polo tanto correcto. Os meus alumnos están desaparecidos, polo menos no mundo Virtual, así que aínda non teño a súa opinión. Pero penso que han estar ben contentos (iso espero...)

13/5/10

Plauto, os xemelgos.

Unha boa noticia para as Clásicas na Dives Gallaecia: a publicación dos "Xemelgos" de Plauto, en edición bilingüe Galego-Latín, a cargo de Xosé Antonio López Silva, amigo e compañeiro na directiva de SEECGalicia.

Publicada pola editorial Andavira (1ª edición, marzo 2010, Santiago de Compostela), a obra comeza cunha longa, extensa e moi ben documentada introdución, onde se abordan os temas do teatro en Roma e Grecia, o contexto histórico e escénico da comedia plautina, a comedia Palliata posterior a Plauto, a Comedia Togata, a evolución do xénero cómico, a farsa atelana literaria e o mimo, a traxedia latina, a influencia do teatro plautino e dos Menaechmi e a tradición manuscrita (acompaña tamén unha pormenorizada bibliografía)

Logo dos textos galego e latino, o autor inclúe unha guía de lectura da obra, pensada para traballar cos nosos alumnos de bacharelato, onde nos fala da trama, estrutura, espazo escénico, tempo escénico e de representación, personaxes, lingua e estilo e métrica.

Por último engádense unhas actividades de traballo, cuestións referidas ao argumento, personaxes ou contido da obra, con suxerencias de debate (situación da muller, do escravo, o matrimonio no mundo antigo, etc.) e comentario de texto (comparación de The Comedy of Errors de Shakespeare e a obra plautina)

En resume, un recurso máis na nosa lingua, que chega xusto a tempo para afrontar as probas de Selectividade deste ano, onde é a obra elixida como lectura, e que completa o gran traballo dos profesores  ourensáns Manuel Rodríguez Santos e Mª Carmen Blanco Pardal, coa súa tradución do "Breviario da Historia de Roma" de Eutropio, que os propios autores autopublicaron en Bubok a un prezo que só recolle os custos de impresión (12€), e que merecen dende aquí o noso eloxio.

16/1/10

Ponderacións para a Selectividade de 2010

Dog normas Selectividade 2010
Este luns sairon publicadas no DOG as normas que regulan a Selectividade deste ano 2010, onde están incluídas as famosas ponderacións, o que nos levaría a engadir un sexto punto á listaxe das máis sonadas chapuzas educativas (deixando para o sétimo o famoso novo decreto do plurilingüismo, do que falaremos a próxima semana).

A Ciug tomou como punto de partida uns criterios baseados na lexislación anterior (materias vinculadas e non vinculadas ás vías), e que levaron a disparates tales como os que detallamos máis abaixo.

Xa falamos aquí a principios de curso das accións levadas a cabo por SEECGalicia para intentar atallar esta desfeita, pero desgrazadamente non hai nada que facer ata o ano que vén.

E seguindo a vella máxima dos "Facta, non verba", pasamos a describir algunhas das consecuencias desta auténtica chapuza:

  1. Para facer Filoloxía Clásica contará máis ter cursado Historia da Arte (0,2) que Grego (0,1)
  2. Para Filosofía é mellor cursar Matemáticas, Bioloxía, Física ou Química (0,2) que Grego.
  3. Para o novo grao de Humanidades o mesmo que no punto anterior.
  4. Para obter o grao en Tradución e Interpretación, tamén contarán máis que o Grego as materias citadas anteriormente. Ou o Debuxo artístico, que tamén conta 0,2 polo 0,1 do grego. O que vén a dicir que se temos algún problema cunha lingua estranxeira, sempre podemos facer un debuxiño...
  5. E por último, algo que cambiou con respecto á documentación enviada pola Ciug anteriormente. Na carreira de Dereito as asignaturas que máis peso teñen (0,2) son, naturalmente, Bioloxía e Física, por diante lo latín (0,1).
Que un dos principais legados da Civilización latina sexa precisamente o Dereito, e que inmumerables térmos xurídicos de uso cotiá se manteñan vivos en latín non lles debeu parecer suficiente aos "sabios" encargados desta normativa.

pd: agora que o penso a terminoloxía científica internacional para a Bioloxía tamén está en latín, e en latín escribiron moitos dos máis afamados Físicos...



26/11/09

Recursos para traballar con Eutropio

Entre todos os materiais que podemos encontrar no apartado da Selectividade Galega da WiChiron para traballar con Eutropio, hoxe destacaremos os seguintes:

  • para comezar, o texto completo latino do Breviarium en The Latin Library, ordenado por libros.
  • en No Dictionaries teremos de novo todo o texto orixinal, subliñado e cos significados de tódalas palabras. Temos a posibilidade de engadir as nosas propias notas (análise morfosintáctica, por exemplo)
  • en Bubok podemos mercar (12€) unha tradución galega do "Breviario da historia de Roma", con introdución, tradución e notas de Manuel Rodríguez Santos e Mª Carmen Blanco Pardal

15/11/09

PAAU 2009/2010. Proba e modelo de exame de latín.

Lonxe da Idade de Ouro na que o coordinador López Pereira convocaba aos profesores para explicar o modelo das probas e recibir suxerencias sobre as mesmas (con escasa asistencia dos mesmos, todo hai que dicilo...), este ano recibimos a primeira información a mediados do mes de novembro, aínda que a circular está datada en outubro. No correo recibido nos Centros, alomenos no meu, no vén ningún arquivo adxunto, só un aviso de que está actualizada a parte da web que se refire a Latín.
Despois de picar aquí e alá chegamos por fin á páxina en cuestión, para atoparnos con poucas novidades. A máis destacable o cambio de coordinador. López Pereira deixa o seu cargo e substitúeo José Carracedo. Ademais a obra de Plauto elixida no apartado de lecturas pode ser "Anfitrión" ou "Xemelgos", de acordo co programa do festival de Teatro Grecolatino de Lugo 2010 organizado por SeecGalicia, que por certo sufriu un cambio de programación de última hora.
Nas lecturas seguimos igual, como se comentara na última asemblea de SeecGalicia: mal elixidas e de autores que non están no programa. O tema de Literatura é "A Lírica e Horacio", e as lecturas son de Catulo, o tema e "Cicerón e a Oratoria", e a lectura de Tácito. E como se pode dar a elixir entre a lectura de Xemelgos ou Anfitrión ou o visionado da película “Golfus de Roma”? E que nas PAAU de Grego poden elixir entre a lectura de Homero ou a película Troia? Non é de recibo poñer ao mesmo nivel a lectura en tradución dun texto orixinal latino cunha paiasada de Hollywood. É esa a visión do mundo clásico que lle queremos dar aos nosos alumnos?
Aquí queda esa circular informativa e o modelo de exame proposto:
Circular Modelo Exame 09 10

19/9/09

Curso 2009/2010: alea iacta est

De novo na carreteira un ano máis. Esta vez con cambio de década incluído. En realidade o curso comezou xa a primeiros do mes de xullo, co envío por parte da CIUG do controvertido documento sobre as ponderacións na nova selectividade, onde a pobre consideración do grego chegaba ata o extremo de puntuar menos que outras disciplinas á hora de cursar Filoloxía Clásica. Houbo unha pronta reacción de SEECGalicia e do coordinador de grego J.J. Moralejo, con cartas e entrevistas cos responsables de tal despropósito. Semella que a solución terá que esperar como mínimo un ano máis. Isto é algo que non só ocorreu en Galicia, como podedes comprobar no Foro de Chiron.

Pero a nosa loita polos nosos estudos aínda tería un capítulo máis este mes de setembro. A iniciativa de SEECGalicia para o envío dunha carta masiva dirixida á Consellería, onde se recollían as nosas reivindicacións con respecto aos seguintes puntos.
  • Modificación do número mínimo de alumnos para poder impartir na ESO as materias optativas (C. Clásica) e opcionais (Latín 4º).
  • Modificación do número mínimo de alumnos para poder impartir no Bacharelato materias propias de modalidade (Grego I e II, Latín I e II).
  • Supresión da obrigatoriedade da Historia do Mundo Contemporáneo (1º bacharelato) e Xeografía (2º de bacharelato).
Noutro orde de cousas, van aparecendo xa citas importantes no noso calendario. Unha delas é a nova edición (a X) do festival de teatro grecolatino Lugo 2010, onde este ano temos que destacar a coordinación de SEECGalicia, ornanizadora do evento, e os responsables dos grupos de traballo de grego e latín das PAAU, para poder ofrecer as representacións das obras elixidas nas probas de Selectividade.

Outra actividade interesante é a viaxe a Italia para profesores e alumnos organizada tamén por SEECGalicia, unha boa opción cando no noso centro non contamos co número suficiente de alumnos para un evento de este tipo.

Sorte a tod@s!

18/9/09

Exame de setembro PAAU latín 2009

Onte xoves 17 de setembro tivo lugar a proba de latín para os alumnos de Selectividade de setembro. Na proba de tradución, un texto de Eutropio e outro de Fedro.
No caso do texto de Eutropio atopámonos cun texto máis difícil do que saiu en xuño, en especial por mor dunha frase complicada, onde se suman dúas estructuras de participio concertado, unha co suxeito (progressus) e outra do C. Directo (provocantem). Hai unha dificultade engadida se atendemos ao significado de progresus. Imos poñer aquí tres exemplos de tradución desta frase, feitos por profesores, que nin sequera concordan entre si no referente a este termo. Ningunha das súas solucións podemos atopala no diccionario VOX, usado maioritariamente polos nosos alumnos, que na entrada do verbo progredior propón: marchar, avanzar, pasar a, ir máis lonxe, progresar.
A frase en cuestión é a seguinte (Eutropio, 2,5):
(...) Lutius Manlius provocantem Gallum ad singulare certamen progressus occidit (...)
Tradución de Manuel Rodríguez Santos e M. Carmen Blanco Pardal en Bubok:
"Lucio Manlio matou a un galo que o retara perseguíndoo para unha loita corpo a corpo..."
Tradución na wikilatinsantome:
"L. Manlio (...) lanzándose a un combate singular mató a un galo que lo había retado..."
Tradución de Enma Falque en Gredos:
"L. Manlio (...) mató a un galo que le retaba, después de haberlo perseguido para luchar contra el cuerpo a cuerpo".
Botamos en falta aquí, ademais da referencia do texto (Eutropio 2.5), unha nota ao pé precisando o termo anterior, igual que se fixo con sublato.
O texto de Fedro non presenta complicación e ademais o seu sentido está completo, non como pasara en xuño.
En canto ás cuestións hai unha que chama a atención pola súa redación. A pregunta di: Segundo o que viu e leu de Plauto, como se reflicten as características dos personaxes plautinos?
Non sería mellor unha redación máis clara?, ou sexa: Características dos personaxes de Plauto.
Aquí tedes o exame en cuestión.


18/6/09

Exame das PAAU de latín 2009

Hoxe xoves 18 de xunho, e á diferencia doutros anos nos que sempre era a última proba do venres, tivo lugar o exercicio de latín para os nosos alumnos de Selectividade.
Segundo eles mesmos me contaron a pé de aula, o exame foi fácil. A maioría elixiu o texto de prosa de Eutropio, aínda que houbo quen se decantou pola poesía de Fedro.
Na literatura estaban Virxilio e a comedia de Plauto, temas ben vistos en clase. Latinismos e topónimos foron as preguntas máis elixidas nas "Cuestións do mundo Clásico". Non houbo sorpresas tampouco na pregunta dos prefixos (que terán estes que non teñan os sufixos...?), e, como non, saiu tamén a famosa cuestión da película de Golfus de Roma, da que xa se falou aquí, aínda que acompañada doutra semellante referida á obra de Plauto. Non houbo sitio para Horacio, Catulo, Livio ou Tácito.
Os dous textos eran moi asequibles, sobre todo o de Eutropio, con personaxes ben coñecidos e notas ao pé explicando os termos necesarios. A pregunta gramatical moi ben pensada: unha subordinada de relativo, un ablativo axente, un dobre acusativo. Bótase en falta a referencia da pasaxe para poder localizala con máis facilidade.
Pero no caso do texto de Fedro é totalmente imposible que o alumno entenda o significado do mesmo sen acabar de traducir a fábula completa, mesmo pode levar a engano, como podemos observar (en cursiva o texto do exame, en negriña o texto que faltaba e que da sentido a todo o anterior)

V. Aesopus et petulans (Fedrus, liber III, V)

Successus ad perniciem multos devocat.
Aesopo quidam petulans lapidem impegerat.
«Tanto» inquit «melior!» Assem deinde illi dedit,
Sic prosecutus: «Plus non habeo mehercules,
Sed, unde accipere possis, monstrabo tibi.

Venit ecce dives et potens: huic similiter
Impinge lapidem et dignum accipies praemium».
Persuasus ille fecit quod monitus fuit;
Sed spes fefellit impudentem audaciam:
Comprensus namque poenas persolvit cruce.


paau_lat_xun_2009001

30/4/09

Asemblea SEECGalicia (o día despois)

Na entrada anterior vertimos afirmacións un tanto comprometidas con respecto ao interese e participación do noso colectivo nas actividades desta sociedade. En concreto, pronosticabamos unha asistencia de 5 persoas (descontando a directiva).
Equivocámonos. E xusto recoñecelo. Non debimos poñer en dúbida esa capacidade mítica de mobilización dos profesores de clásicas en Galicia. Os datos son incontestables: a asistencia á asemblea de onte duplicou as estatísticas. O aforo chegou ás 10 persoas. O dobre que na última.
Algo está cambiando na Gallaecia. Nunca tal se vira.
Quizais para o ano xa sexamos unha ducia, ou, quen sabe, ducia e media. Non imos renunciar ao optimismo.
Tomou a palabra a nosa Presi para informar aos asistentes de todo o que se fixo para lograr unha entrevista coa (ex)conselleira de educación onde poder plantexarlle as nosas inquedanzas polas novas disposicións do sistema educativo que afectan ás nosas asignaturas.
Pero viñeron as eleccións, e os que estaban perderon, e viñeron outros.
E aí estamos. Paciencia, ao final conseguiremos esa cita. Esta vez con conselleiro.
Entre tanto, os que alí estivemos, chegamos á conclusión que de momento a loita está nos centros, nas comisión pedagóxicas, nos Claustros, nos Consellos Escolares. Unha loita urxente, pois o novo curso está, como Aníbal, ad portas.
Xose, nunha brillante intervención, comprometeuse a facer unha especie de "manual de guerras e guerrillas", un vademécum legal ao que o indefenso profesor de clásicas poida acollerse para vixiar que se cumple a legalidade nos centros á hora de planificar o vindeiro curso: nos sobres de matrícula, na oferta educativa, no número de alumnos para formar grupo, etc. Chegará nuns días aos correos dos socios.
Foi difícil, minto, foi imposible decidir entre todos cal é a mellor distribución de asignaturas en 2º de Bacharelato. Ninguén se atreveu a propoñer un modelo a seguir. Quedou claro que formar un itinerario onde se obrigue aos alumnos a cursar latín e grego resta alumnos antes que suma.
O que si acordamos foi loitar contra ese absurdo número mínimo de alumnos por asignatura. Aí houbo acordo xeral, e será unha das nosas principais reivindicacións. E a máis realista.
E logo chegamos ao que é xa un clásico: as probas de selectividade de latín.
Este ano o coordinador, Sr. Pereira, non convocou aos profesores para informar dos cambios das probas ou escoitar suxerencias. E logo pasa o que pasa.
Alguén pode explicar por que, se o tema de Literatura é A Lírica e Horacio, as lecturas son de Catulo? o se o tema e Cicerón e a Oratoria a lectura sexa de Tácito?
E que lectura. Medio folio dunha arenga a uns soldados. Houbo quen apuntou que foi a elixida porque saía de primeira no Google (e despois falamos dos nosos alumnos...)
Veu o turno logo da cuestión sobre a película Golfus de Roma. Alguén debeu confundir 4º de ESO con 2º de Bacharelato.
Seguimos logo co balance das actividades feitas por SEECGalicia neste ano. Unha edición máis, a mellor na miña opinión, do concurso Odisea, un novo curso de grego moderno, unha viaxe a Grecia con profesores e alumnos, outro ano de teatro en Lugo.
E o curso de Chiron. Non vou falar dos profes. Vou falar dos alumnos, dos que, por certo, había cumprida representación nas gradas (un 30% dos asistentes se nos poñemos estupendos).
Gustaríame falar dos meses que levamos traballando con eles, falando nos foros, escoitando as preguntas, as dúbidas, os novos proxectos. Vendo nacer novos blogs e wikis coma setas por toda a Gallaecia, ou como os cursos de Latín, Grego e Cultura Clásica se fan un espazo propio nos moodle dos centros.
Para rematar.
Hai algo máis dun ano que se celebraron eleccións en SeecGalicia. A candidatura do profesor Pereira foi derrotada por unha estreita marxe de votos.
Sabedes cantos membros desa candidatura asistiron onte á asemblea, participaron nos foros abertos, enviaron correos-e con propostas?
Pois si. Acertastes. Ningún.
E digo eu. Por que será?
Vai ti a saber.
Pois quen o saiba que o diga.


8/4/09

Composición Culta e Derivación de orixe grega e latina

compo_deriva_grega_latina_alumno_def_1_2

Este é o título desta actividade que preparei pensando nos meus alumnos de latín de 4º de ESO, aínda que o resultado final penso que ben pode aproveitar tamén aos de 2º de Bacharelato, sendo como é obxecto dunha das preguntas optativas do exame de selectividade.
É un documento de 19 páxinas, onde, logo dunha moi breve introdución á estrutura básica da palabra e á formación das mesmas, dase paso a unha táboa de composición erudita de orixe grega no primeiro elemento.
Temos unha serie de étimos e o seus significados desordeados. O alumno terá que construír unha nova táboa co étimo grego, o seu significado e aportar exemplos.
Sigue outra actividade idéntica, pero agora co étimo grego no 2º elemento da palabra, e outra máis con prefixos de orixe grega.
Logo vén o composición erudita de orixe latina, de 1º e 2º elemento, onde o alumno terá que seguir construíndo novas táboas, ademais de buscar o significado dos étimos latinos (os dos étimos gregos xa figuraban, aínda que desordeados, pero agora terán que empregar o diccionario).
Por último, dúas actividades un pouco máis difíciles. O alumno terá que completar dúas táboas de prefixos e sufixos latinos, ordeando os significados destes últimos é buscando exemplos de cada acepción léxica.
En resumo, 7 actividades que poden ocupar outras tantas clases, se deixamos aos alumnos que sexan protagonistas activos na busca das solucións.
Ao final do documento engadín a licenza creative Commons que utilizo tamén neste mesmo blog.
Todos os meus materiais están na rede, a disposición de todo o que queira utilizalos. O único que pido é o seguinte:
  • que se algúen os utiliza, me cite como autor
  • que non se faga uso comercial do mesmos
  • e que se se comparte ou transforma, se faga con esta mesma licenza
pd: se alguén de fóra da Gallaecia está interesado nesta actividade e quere traducir o documento a outras linguas para utilizalo nas súas clases, que se poña en contacto comigo ou deixe un comentario. Podedes encontrar esta e outras actividades interesantes na WiChiron, a wiki de recursos de Chiron.

14/1/09

De wiki con Eutropio en PaulatimGallaecia

Esta semana estamos de wiki nas aulas de latín de 2º de Bacharelato do MGB.
Cando empezaba a explicar o tema das formas nominais do verbo, participios e infinitivos, foi cando se me ocurriu.
A idea sería unha vez máis ir do particular ao xeral, da práctica á teoría. Non perderse na gramática. Elixir, atopar os nosos propios exemplos. Encaixar as pezas, traballar en grupo, axudarnos uns a outros como clase. Un proxecto común. Unha ferramenta 2.0.
Así que pouco a pouco, paulatim, fun poñendo aos meus alumnos a traballar na wiki PaulatimGallaecia.
Este é o plan de traballo:



Traballando con Eutropio


Nesta sección faremos unha recopilación de extractos do texto dese autor, clasificándoos segundo o esquema proposto, e ilustrando así os apuntes da gramática latina.

Eutropio
Propónse que sexan os propios alumnos os que colaboren nesta sección.
Utiliza o seguinte formato:
  • negriña para o texto latino
  • paréntese para ubicar o texto no libro e capítulo
  • cursiva para a tradución ao galego
Exemplo:
Dimissis exercitibus (Liber VI, 19). Licenciado o seu exército, despois de licenciar ao seu exército.
  • Usa o símbolo (...) para indicar a elisión de parte do texto:
Exemplo:
Rediens ex Gallia victor (...). (Liber VI, 19). No seu regreso dende a Galia coma vencedor / regresando vencedor dende a Galia (...)

¿Alguén máis se anima a participar? Podedes seguir o xa empezado cos vosos alumnos.
Nós estamos fundamentalmente co libro VI.
Recordade que facilita moito a labor de control e coordinación o feito de rexistrarse (Join in) en wikispaces antes de empezar a traballar. É gratuíto e faise nun minuto.

Paulatim, paseniño.

9/12/08

PaulatimGallaecia

Como complemento á nova sección da WiChiron que anunciabamos na entrada anterior, concibida como un repositorio documental, nace agora PaulatimGallaecia, unha wiki-taller onde poderemos construír entre todos os recursos necesarios para a preparación das probas de latín da Selectividade galega (PAAU).
Así se explica o seu nome, "Paulatim", pouco a pouco, paseniño, de vagar.
Guiados pola man do centauro temos á nosa disposición unha nova ferramenta para o traballo colectivo.
Quere ser este un espazo de todos e para todos os profesores de latín que queiran participar na elaboración de materiales de calidade para os nosos alumnos.
Debemos cambiar a nosa forma de traballar. Nun mundo cada vez máis 2.0, con moitos recursos á nosa disposición, cada vez ten menos sentido o traballo individual, illado.
Agora estamos estragando as posibilidades que ofrece a nosa intellixencia colectiva. Non podemos seguir cada un no seu antrum, elaborando listas de topónimos ou latinismos, traducindo ao galego as pasaxes de lectura, confeccionando temas de literatura, et cetera.
Demasiado traballo para un só profesor. Temos que unirnos e traballar todos xuntos neste proxecto.
Paso a paso, de vagar, paulatim.
Os beneficiados seremos todos. Os profesores, porque facer todo este traballo, cando a penas existen materiais en galego, é unha tarefa demasiado grande para unha soa persoa. Os nosos alumnos, porque ao fin e ao cabo, son eles os que recibirán o froito desta iniciativa.
Participar é moi sinxelo. Só hai que entrar en http://paulatimgallaecia.wikispaces.com, e xa poderemos editar calquera páxina.
Aínda así recomendo a todo o mundo que se rexistre en wikispaces: é gratuíto e só leva un par de minutos. Ao entrar como usuario rexistrado pódese subir arquivos ao sitio e sempre deixaremos o noso nome no historial de cambios. Facilitaremos tamén a tarea de vixiancia fronte ao posible vandalismo ao administrador do sitio. É moi recomendable tamén poñer un pequeno resumo cando fagamos unha modificación (na parte inferior da pantalla de edición aparece unha pequena caixa para facelo).
O armazón está feito. Só queda poñer o noso gran de area e ir completando todos os apartados. Traballemos entre todos, traballemos xuntos.
Paulatim.