
Onte concluíron os actos da X edición das xornadas de divulgación histórica romana de
Tarraco Viva, que tiveron lugar durante os días 15 a 25 deste mes de maio de 2008.
O
programa, impresionante. Historia en acción: relixión e vida cotiá no campamento, loitas de gladiadores, cabalería, teatro, medicina, música, relixión, maxia, correos e vías de comunicación, ritos fúnebres, gastronomía, escritura, literatura, xogos, artesanía, caza, mitoloxía, epigrafía, lecturas eróticas, conferencias, exposicións, ciclo de cine antigo, pompa triunfal, mundo ibérico, celtibérico e grego...
Punto de encontro tamén para a X xuntanza de grupos de reconstrucción histórica romana, onde se deron cita grupos de Alemaña, Tarragona, País Vasco, Numancia. Grupos que investigan, se documentan, recrean vestiario e material orixinal, cun guión didáctico que contextualiza ditas reconstruccións.
Dende a blogosfera chironiana
Calíope e as
voces gregas xa nolo recordaban a semana pasada.
Els dies de Dèdal falaba tamén da intención do Concello de Tarragona de impulsar a creación dunha
rede europea de festivais de recreación romana, tal e como recollía o
diario Avui.
Aquí na
Gallaecia contamos con dous eventos de estas características, a "
Festa do esquecemento" na Limia e o "
Arde Lucus".
A primeira tivo a súa
primeira edición no ano 2001, da man da asociación cultural
Civitas Limicorum, e rememora todos os meses de agosto o paso do río Limia (
Lethes) polo xeneral romano
Décimo Xunio Bruto.
Pero mentres en
Tarraco se conta coa participación activa da universidade e de colectivos de recoñecido prestixio, ofrece teatro romano, conferencias, e todo tipo de actividades, aquí, en
Lucus Augusti, a falta dun mes para comezar o evento, non hai nen sequera un programa colgado na web
http://www.ardelucus.com/. As novas que saen na prensa falan da
volta do "comilonum" aos pés da muralla e das preocupacións dos hosteleiros locais. Iso é todo.
E que non somos capaces na Gallaecia de saír da festa-romaría-gastronómica? non pode implicar o Concello de Lugo a entidades de prestixio, como universidades ou asociacións, que axuden na súa organización? non se poden contratar representacións teatrais, ciclos de cine, conferencias sobre a antigüidade romana? non se poden montar talleres que vaian máis aló do "tiro con arco"?
Había algún representante do Concello de Lugo na reunión de Tarragona? están invitados a participar algunha desas asociacións nacionais e europeas, especialistas na recreación histórica cun mínimo de rigor? ou van seguir contratando a eses pasa-rúas que botan lume e lanzan foguetes, e que tan pouco ou nada teñen que ver co mundo romano? van seguir montando un "macellum" onde se venden todo tipo de mercadorías sen relación algunha coa antigüidade? van facer unha comellada ao pé da muralla con churrasco e empanadas?
Gastronomía?, si. En Tarraco estaba
KuanUm!, e había unha lista de restaurantes que ofrecían menús inspirados nas recetas do vello
Apicio. E o mesmo en
Sagùnt (onde, por certo, cuns medios moitísimo máis modestos son capaces de moito máis)
Non é cuestión de presuposto, é cuestión de organización, de ideas, de implicación dos distintos sectores da cultura, da universidade, dos centros de ensino, das asociación culturais, do mundo do teatro. Xa temos festa da lamprea, do lacón, do chourizo, do carneiro ao espeto, do pemento de Arnoia, do pemento de Padrón, do percebe, do mexilón, do marisco, da empanada, do pan de Cea, do pan de Neda, da bica, dos melindres, da costrada.
Fagamos cultura. Coñezamos o noso pasado. Ademais, estamos en plena "operación bikini..."