19/9/09

Curso 2009/2010: alea iacta est

De novo na carreteira un ano máis. Esta vez con cambio de década incluído. En realidade o curso comezou xa a primeiros do mes de xullo, co envío por parte da CIUG do controvertido documento sobre as ponderacións na nova selectividade, onde a pobre consideración do grego chegaba ata o extremo de puntuar menos que outras disciplinas á hora de cursar Filoloxía Clásica. Houbo unha pronta reacción de SEECGalicia e do coordinador de grego J.J. Moralejo, con cartas e entrevistas cos responsables de tal despropósito. Semella que a solución terá que esperar como mínimo un ano máis. Isto é algo que non só ocorreu en Galicia, como podedes comprobar no Foro de Chiron.

Pero a nosa loita polos nosos estudos aínda tería un capítulo máis este mes de setembro. A iniciativa de SEECGalicia para o envío dunha carta masiva dirixida á Consellería, onde se recollían as nosas reivindicacións con respecto aos seguintes puntos.
  • Modificación do número mínimo de alumnos para poder impartir na ESO as materias optativas (C. Clásica) e opcionais (Latín 4º).
  • Modificación do número mínimo de alumnos para poder impartir no Bacharelato materias propias de modalidade (Grego I e II, Latín I e II).
  • Supresión da obrigatoriedade da Historia do Mundo Contemporáneo (1º bacharelato) e Xeografía (2º de bacharelato).
Noutro orde de cousas, van aparecendo xa citas importantes no noso calendario. Unha delas é a nova edición (a X) do festival de teatro grecolatino Lugo 2010, onde este ano temos que destacar a coordinación de SEECGalicia, ornanizadora do evento, e os responsables dos grupos de traballo de grego e latín das PAAU, para poder ofrecer as representacións das obras elixidas nas probas de Selectividade.

Outra actividade interesante é a viaxe a Italia para profesores e alumnos organizada tamén por SEECGalicia, unha boa opción cando no noso centro non contamos co número suficiente de alumnos para un evento de este tipo.

Sorte a tod@s!

No hay comentarios: