10/3/22

Grecia en Roma nas túas mans

Pasaron xa uns cantos anos dende "2OOO anos por correo", e volvemos embarcarnos nun novo proxecto de agrupación de Centros, do que forma parte o IES Manuel García Barros da Estrada, o IES 9 d’OCTUBRE de Carlet (Valencia) e o IES Sáenz de Buruaga de Mérida.

O noso traballo consistirá filmar e documentar unha serie de pezas romanas (en principio 10) dos museos de Galicia e elaborar réplicas a partir da súa impresión en 3D, co obxecto de crear un museo escolar para que todos os alumnos poidan coñecer e respectar o seu patrimonio cultural. 

O proxecto inclúe tamén viaxes a Sagunt e a Mérida, que terán lugar ao longo deste curso (en abril estaremos nos Ludi Saguntini!) e do que vén.

De momento os profes estamos dando os primeiros pasos no mundo da fotogrametría, como alumnos nun curso en liña, e aínda que xa van saído as cousas, quédanos moito por aprender. Neste vídeo, que é a miña segunda peza modelada en 3d, podemos ver ás "Marías" compostelanas, coas que nos topábamos de rapaces todos os días "al salir de clase". O modelo está feito a partir de fotos tomadas co móvil, polo que o marxe de mellora e grande.






2/11/20

El dios vagabundo

Eustis o vagabundo ten uns estraños poderes de adiviñación, xa que outrora pertenceu á corte de Dioniso, o deus do viño. ¡Ah, que festas se pegaban! Pero os deuses maldicírono e agora está condenado a compartir a cotidianidade dos humanos nun mundo tristemente desprovisto de maxia. Ata o día en que Hécate, raíña dos espectros, encoméndalle unha misión: e velo aquí, disposto a atopar o seu mundo perdido en compañía dunha estraña pantasma e dun pequeno profesor medio miope... 

No deus vagabundo, Fabrizio Dori propón unha fascinante inmersión no mundo antigo, ofrecendo unha mirada diferente da mitoloxía e a arte para dar forma a unha odisea dunha extraordinaria beleza.

Ganadora do premio Ouest-France 2019 do festival Quai des Bulles. Nominada ao premio das librerías de bande dessinée de Francia 2019. Nominada ao premio Tour d’Ivoire del festival Á Tours de Boulles 2019. Incluída na selección de indispensables do verán 2019 da ACBD (Asociación de críticos e periodistas especializados en bande dessinée de Francia).

ECC Ediciones
Autor : Fabrizio Dori
ISBN : 978-84-18094-39-2
Número de páginas : 152


Igual que sucedía en Baco, de Eddie Campbell, estamos ante unha divindade, neste caso un sátiro, desubicada e perdida no mundo actual, nostálxica dun pasado remoto onde reinaban os antigos deuses, antes da chegada dese "deus único" que sumiu á humanidade nunha idade da penumbra, como nos contaba hai pouco Catherine Nixey.


Unha obra altamente recomendable, cunha boa estrutura narrativa e un desfile de curiosos personaxes que acompañan ao protagonista na súa aventura. En canto ás imaxes, dicir que son unha auténtica homenaxe á historia da arte, con múltiples referencias que chegan ata os nosos días.


Aquí tendes un cuestionario con 28 preguntas que abranguen dende mitoloxía, lingua grega, historia e arte.



Podes ler outras reseñas en...


8/4/20

Homero, Evaristo de Sela e Alessandro Baricco

Dous estilos moi distintos de ler a Homero. Evaristo de Sela, o home que invitou a Homero á súa aldea, autodidacta, que aprendeu o grego nos cárceres franquistas, ofrécenos unha lingua recia, forte, ancestral, de rabuda sintaxe e fermosos e sonoros nomes, case que diría en hexámetros galaicos. E por outro lado Alessandro Baricco, que nos invita a unha prosa rápida, simple, da que desterrou aos deuses, que nos engancha á trama dende o primeiro momento e xa non nos solta.

Nestes dous documentos en *.pdf podedes atopar as dúas versións, unha despois da outra, dos cantos I e VI da Ilíada.


Canto I da Ilíada. Tradución de Evaristo de Sela.

(O Atreídes, que menuda a que está montando, e todo por non soltar á Khryseís, a de fermosas meixelas...)

(...) ¿E quen, pois, dos deuses, cunha disputa, un contra
o outro lanzou, a se pelexaren?;
de Letó e de Zeus o fillo; pois foi el quen,
contra o rei irritado,
un andazo maligno no exército fixo xurdir,
e morrían os homes,
porque a Khryses, que era seu sacerdote, lle fixo
unha aldraxe
o Atreídes; (...)

Así dicía suplicando, e oíao Phoibos Apolon,
e baixou dos cumes do Ólympos, encolerizado
no seu corazón,
o arco ás costas traendo e o ben pechado carcax;
e resoaron, entón, as frechas sobre os ombros
do encolerizado,
ó pórse el en movemento; e el avanzaba, á noite parecido;
sentábase logo ó lonxe das naves, e en seguida
a súa frecha disparou;
e un terrible estralido saíu do arxénteo arco;
ós mulos só de primeiro atacaba e ós cans lixeiros,
mais, despois, contra eles mesmos, a frecha aguda lanzando,
disparaba; e, constantemente, numerosas piras
de cadáveres ardían. (...)

12/3/20

Magister et discipuli MMXX

Esta tarde, xoves 12 de marzo,  de 16:00 a 18:30 horas na aula C01, falareille aos participantes do máster de filoloxía da USC de mestres, alumnos, DOGs, ferramentas, actividades, etc. Ou sexa, o día a día nas aulas de Latín, Grego e Cultura Clásica dun instituto de ensino medio.

E tamén de Irene Vallejo.

E xogaremos un pouco con Socrative ("A morte en Roma") e Kahoot! ("Espectáculos públicos")

Troianas - Festival teatro SEECGalicia 2020

Representación da traxedia Troianas, de Eurípides, a cargo do grupo Noite Bohemia. Festival de teatro SEECGalicia. A Coruña. 11/03/2020

27/11/19

Visita ao Vigo Romano

Hoxe, mércores 27 de novembro, os alumnos de Latín, Grego e Cultura Clásica, visitaron o museo do Mar de Vigo (onde participaron nun obradoiro de "Lucernae"), e a Villa romana de Toralla.

31/10/19

Copia, que (afortunadamente) algo queda!

Durante a mañá de onte, e tal como fixemos o curso pasado, os alumnos de latín de 2º de Bacharelato do MGB visitaron a Biblioteca América da USC, sita no Pazo de Fonseca de Santiago.

Este ano, ademais de poder ver e tocar a edición fácsimil do orixinal de 1055 do Libro de Horas de Fernando I, tivemos a oportunidade (única tamén para min) de ter diante dos nosos ollos edicións antigas de clásicos da literatura latina, como Plauto, Terencio, Cicerón ou Ovidio.

Estamos a falar por exemplo dunha edición de Plauto do ano 1540, ou doutra de Cicerón datada no 1584. As de Terencio e Ovidio eran máis recentes, tan só de hai 300 anos!

E este un tema, o da transmisión literaria, que malia que figura no currículum, moitas veces non recibe a atención debida. E motivos para telo en conta non lle faltan.

Botemos senón unha ollada a estas pequenas e imprescindibles parcelas do saber:
  • soportes e instrumentos de escritura (do papiro ata o libro electrónico e o audiolibro!) 
  • as bibliotecas da Antigüidade
  • os factores que influíron na transmisión
  • a labor dos copistas
  • os tipos de letra
  • a chegada da imprenta
  • os incunables
  • o aparato crítico
  • os palimpsestos...
Para nós cobra vida cada ano na nosa web, nutríndose dos novos descubrimentos e novas que saen a cotío nos medios de comunicación.


21/6/19

Obradoiro de cociña grega - IES MGB xuño 2019



RECEITA Τζατζίκι

Συστατικά (ingredientes)

  • 300 γρ. γιαούρτι στραγγιστό (300 gramos de iogur escurrido)
  • 1 αγγούρι (1 pepino)
  • 1/3 σκ. σκόρδο (12 dentes de allo)
  • 3 κ.σ. ξίδι από λευκό κρασί ή μηλόξιδο (vinagre de viño branco)
  • ¼ ματσάκι άνηθο, ψιλοκομμένο (προαιρετικά) (¼ eneldo, picado fino)
  • 2 κ.σ. ελαιόλαδο (2 tbl. aceite de oliva)
  • 1 πρέζα αλάτι (1 pizca de sal)
  • πιπέρι (pementa)
Μέθοδος Εκτέλεσης (preparación)
  1. Escurrir o iogur deixándo varias horas sobre un colador. Verter logo nun bol.
  2. Pelar o pepino e raialo sobre un pano de cociña, engadindo o vinagre e a pementa.
  3. Escurrilo apretando o pano de cociña para que solte a auga e engadilo ao bol.
  4. Mazar nun morteiro o allo e o aceite e engadir a o bol
  5. Finalizar picando unhas ramiñas de eneldo e engadindo un pouco de aceite.
  6. Descargar *.pdf
  7. En vídeo: https://youtu.be/ZVOXCNxapdg
 RECEITA Μελιτζανοσαλάτα

Συστατικά (Ingredientes)

  • 1 κιλό μελιτζάνες φλάσκες, μέτριες (1 kilo de berenxenas medianas)
  • 1 πιπεριά Φλωρίνης (1 pemento)
  • 1 σκ. σκόρδο (4γρ.) (1 allo)
  • 30 ml μηλόξυδο ή ξύδι από λευκό κρασί (30 ml de vinagre de sidra ou vinagre de vino blanco)
  • ½ ματσάκι μαϊντανό (½ presa de pirixel)
  • 2 τεμ. φρ. κρεμμύδι (50 γρ.) (2 pezas de cebola)
  • 60 ml ελαιόλαδο (60 ml de aceite de oliva)
  • αλάτι (sal)
  • πιπέρι (pementa)

Μέθοδος Εκτέλεσης (Preparación)

  1. Precalentar o forno a 180º. Pinchar as berenxenas e fornealas co pemento durante 40min. Sacarlle o recheo as berenxenas, poñelas nun pano e escurrir. Despois de escurrir, picar e poñer nun bol. Sacarlle a pel e as sementes ao pemento, picar e engadir ao bol.
  2. Mesturar o vinagre e o aceite pola batidora e engadir.
  3. Engadir o sal, a pementa, o allo e o pirixel e mesturar.
  4. Servir e botar a cebola e un pouco de pirixel por enriba, cun chorriño de aceite para decorar.
  5. Descargar *.pdf
  6. En vídeo: https://youtu.be/yY1jv7U0I60