2/6/17

Qui fert malis auxilium post tempus dolet

Qui fert malis auxilium post tempus dolet.
Phaedrus IV, 20

Nunca pensamos que esta fábula de Fedro, que xusto acabáramos de traducir en clase, tivera tanta forza para ilustrar o acontecido no MGB nas dúas últimas semanas.

Esta é a crónica dos feitos, unha vez que os posos van quedando no fondo. A crónica dun magister e dos seus discipuli.

Magister


Xoves, 18 de maio: Xefatura de Estudos advirte da posibilidade de que os alumnos accederan a algunha conta de correo do profesorado de 2ºBAC dende os ordenadores das aulas. Anuncia unha denuncia perante a Garda Civil.


Venres, 19 de maio: vólvese insistir nun correo-e na necesidade de que cambiemos os contrasinais (logo saberíamos que este correo tamén foi hackeado e exhibido como trofeo)


Luns, 22 de maio: Claustro extraordinario. Se nos informa con detalle de todo o sucedido. Algúns compañeiros case non durmiron a fin de semana. Analizan a información conseguida e confírmanse todos os rumores. Alguén instalou un keylogger en todos os ordenadores de aula de 2BAC, algúns de 1BAC, 4ESO e sala de informática. Unha simple extensión do navegador. Non se necesitan coñecementos especiales de informática. Simplemente buscar extensións/complementos, teclear keylogger e elixir o que mellor nos pareza. En Chrome temos 3 á nosa disposición.




Un deles presume das maravillas que podemos facer espiando á nosa parella.


Javascript KeyLogger
Isn't it frustrating when you forgot what you typed into YouTube to get that awesome cat video? Or maybe you just want to spy on who your girlfriend chats with from your computer. Or maybe you just wanna hack into your friend's Facebook account *wink* *wink*


O funcionamento é moi sinxelo. Unha vez instalado rexistra todo o que se teclea: nomes de usuario, contrasinais, mensaxes completas. Todo. Para ver que pescamos só temos que lanzar a extensión, pulsar unha combinación de teclas e ¡ecce omnia!


O Claustro continúa. O hackeo é masivo, entraron en varias das nosas contas, no correo do Centro, no da Xunta, nos correos persoais, no Xade, nas Aulas Virtuais. Mesmo chegan a informes médicos, nóminas.


E por suposto, exames.


Cotéxanse días e horas de acceso e IPS. Entran nos recreos, ou cando faltan 5 minutos para entrar. Entran dende a propia aula, pero tamén dende a súa casa. Crense invisibles pero deixan moitas pegadas. Demasiadas. Hai varios identificados. A unidade de delitos telemáticos da Guardia Civil ten xa todos os datos. Eles continuarán a investigación. Estamos a falar dun delito tipificado no código penal.


Esperan os meus alumnos de 2BAC. Queren darme unha sorpresa. Cóntolles o que acaba de suceder, que aínda o estou procesando. Pregúntolles se sabían algo. Din que si, que se enteraron o venres. Vemos o vídeo que me fixeron e rimos todos xuntos. Non somos conscientes de todo o que pasa.


Pola tarde avaliamos. Intento, intentamos, ser xustos e obxectivos. Aínda non sabemos o verdadeiro alcance de todo.


Martes, 23 de maio: chega ao correo a listaxe dos profesores hackeados. Cría que estaba a salvo, porque sempre levo o meu portátil. Pero, aiii, un día en clase de 4ESO non ía a Wifi e entrei unha soa vez no ordenador dunha aula de 2BAC. Suficiente. Estou na lista. Estamos case todos. Saben nome de usuario e contrasinal do meu correo do centro. Poden acceder a informes de Titores, a exames enviados á fotocopiadora. Empezo a lamentar ser tan descoidado.


Mércores, 24 de maio: saímos na Voz de Galicia. 2º Claustro extraordinario. Saen á luz capturas de pantalla de redes sociais onde os autores dos feitos se mostran abertamente orgullosos das súas fazañas e obteñen a cambio numerosos likes e megusta. Cada vez empeza e estar máis claro que case todos, ou todos os alumnos, o sabían. Era vox populi. E dende hai moito. Meses. Hai quen di que quizais vén xa do ano pasado.


Indignación xeral polas palabras do delegado do goberno na prensa, onde el mesmo da xa por resolto o caso, reducíndoo a un mero problema escolar. Despacha rapidamente o asunto cun dictame sui generis: un castigo académico "pero no excesivo". Ignora ou despreza que están abertos 3 expedientes por parte de xefatura de Estudos e el non forma parte da súa instrución. Esquece tamén as denuncias anunciadas polo profesorado perante a Garda Civil.


O Claustro ten que votar se o centro vai manter o acto de despedida dos alumnos de 2ºBAC. Ninguén se sinte con gañas de celebración, nin de discursos, nin de aplausos, nin de entrega de diplomas, nin de fotografías para o recordo. Case por unanimidade, con só 2 votos a favor de manter o acto e varias abstencións, o Claustro decide que non se vai facer cargo da organización do mesmo.


Xoves, 25 de maio: somos portada xa de Faro de Vigo e Voz de Galicia. Os alumnos crean unha plataforma en change.org a favor de manter o acto. Pola tarde xa estamos no País. A última hora entra en xogo a Federación de asociacións de pais e nais de Pontevedra (FANPA), cun comunicado onde se nos acusa, entre outras cousas, de neglixencia profesional, de utilizar contas persoais en horario lectivo e de calumniar a familias inocentes. O do cambio climático queda para outra ocasión.


Venres, 26: a Voz de Galicia publica que a asociación de pais do Centro pide información sobre todo o sucedido e que algún pai vén de publicar en Facebook unha carta aberta para que non paguen xustos por pecadores e se manteña o acto de final de curso. Ao final parece que os propios pais vanse facer cargo da organización do mesmo. Os alumnos están divididos. Algúns van ir e outros non queren celebrar nada en compaña dos autores dos feitos, así que festexarán por separado.


Luns, 29 de maio: empezan os turnos para ir declarar ao cuartel da Garda Civil. Imos de 3 en 3. O meu turno é ás 12:30 da mañá. Coincide coa enésima reunión na sala de profesores. Chegamos un pouco máis tarde e respondemos todos ás mesmas preguntas do formulario de denuncia. Contamos o que sabemos. O asunto queda sub iudice.


Martes, 30 de maio: reunión outra vez no 2º recreo. Fartos xa de recibir ataques na prensa e redes sociais, emitimos por fin un comunicado na páxina web do centro, onde facemos un resumo de todo o acontecido ata o día de hoxe. Volvo a ver aos meus alumnos de 2BAC. A maioría da clase non foi ao acto e celebrou por separado. Confesan que o sabían dende hai tempo, pero que non se atreveron a dicilo. Están arrepentidos. Saben que non actuaron como debían. As miñas alumnas de 1BAC que ían ser presentadoras tamén renunciaron a facelo.


Mércores, 31 de maio: como vén sendo habitual, reunión no recreo. Esta vez para notificar a resolución do terceiro expediente aberto ao alumnos. Estamos xa cansos deste tema. Queremos pasar páxina. Aprender do sucedido.




Discipuli et discipulae


A gran maioría dos alumnos estábamos enterados do do hackeo dende febreiro, máis ou menos. Pero non coñeciamos a magnitude do problema, pensabamos que se limitaba a coller exames e ver as notas no xade. Algúns alumnos platexámonos a posibilidade de confesar o que estaba ocorrendo, pero non o fixemos por medo.


Xoves, 18 de maio: algúns dos alumnos e alumnas recibiron un whatsapp co correo que Xefatura de Estudos lles enviara aos profesores do centro. Foi nese momento cando moitos dos alumnos e alumnas se decataron de que todo se ía descubrir, pero só os exames, pois aínda non sabiamos nada do resto...


Venres, 19 de maio: Cada vez ese rumor estaba máis e máis extendido. Comezaba tamén a aflorar o sentimento de culpa por ter calado, por non contar antes que algúns alumnos estaban roubando exames…


Luns, 22 de maio: Os alumnos de latín fómoslle a dar unha sorpresa ao profe cun vídeo feito por nós para despedirnos, para que tivera un bo recordo do curso. Nese momento contounos o que estaba a suceder e a magnitude do problema, xa que os alumnos mesmo entraron a mirar documentos persoais e partes médicos. Nós explicámoslle que esa última parte non a sabiamos e que críamos que só chegaran a coller exames.


Martes, 23 de maio: Os alumnos e alumnas baixamos aos institutos para buscar as notas de final de curso. O panorama cambiara totalmente. Despois de empezar a semana cunha charla da xefa de estudos, os profesores desconfiaban xa de todos nós. Polos corredores, virábannos a vista, non nos saudaban, mesmo algúns acusaban e enfadábanse con calquera alumno de 2ºBAC. Foi neste día cando se abriron os expedientes dos principais implicados. Pero o castigo tivémolo todos.


Despois de clase, na casa, cando estabamos “a salvo” das miradas de decepcón dos mestres, chegounos un correo do magister. Mandábanos un poema, axeitado para a situación. Comezaba o reflexo do que pasara eses días no instituto na rede, a través das redes sociais, co envío de correos e a aparición de artigos da prensa. Agora estabamos a ver que todo o que acontecera durante parte do curso era algo bastante gordo. E as consecuencias ían recaer en todos.


Mércores, 24 de maio: Comezamos a saír nos periódicos. Estabamos  todos moi preocupados polo que estaba ocorrendo e cada vez estabamos máis arrepentidos por non dicir nada no seu momento.


Esa tarde, os alumnos de latín de 2BAC recibimos un novo correo do noso magister, moi longo e moi duro, no que nos contaba que el era un dos afectados do hackeo e que había material de latín entre os exames roubados. Pediunos que dixésemos o que sabiamos e se fóramos nós os que lle entramos. Ademais, díxonos que en principio non íamos ter clases de latín e grego para repasar selectividade. Pero o que máis nos doeu foi que, tras tantos anos xuntos, puidera pensar que foramos nós os que lle entraramos no correo. Fíxonos sentir moi mal e deixounos moi abatidos. Comezamos a falar entre nós para baixar ao instituto a falar con el para que soubera a nosa versión e non pensara que estábamos metidos.


Estes días os profesores, comprensivamente, estaban enfadados e, aínda peor, decepcionados con nós. Non sabían quen eran culpables e quen non, polo que tratábannos a todos por igual. Seguía habendo profesores que non nos saudaban polo pasillo ou nos viraban a cara, facéndonos sentir moi culpables. A culpa empezaba a consumirnos, tiñamos que haber dito algo dende un principio.


Xoves, 25 de maio: Máis e máis novas nos xornais… Molesta. Non nos gusta estar en boca de todo o mundo, doe ir pola rúa e que che pregunten polo que pasou… Doe especialmente a pregunta dese día por excelencia: “Vai haber acto?”. A resposta era dobre; para algúns si, e para outros non. Algúns dos alumnos de bacharelato, uns 30, máis ou menos, decidimos non ir a un acto hipócrita. Ademais de que un acto sen profesores non merece a pena, non ten sentido…


E o colmo xa foi cando saíu no xornal unha nova na que se entrevistaba a dúas persoas que se decidiran encargar do acto (e que seguimos sen saber moi ben por que xa que non teñen nada que ver co instituto…) e no que falaban sobre o acontencido, o inxusto que era que nos castigaran sen acto… E eles que saberán? Como poden falar sobre algo que do que non saben? Dounos moita coraxe.


Todo o que estaba ocorrendo impedíanos concentrarnos e estudar para selectividade, queríamos que todo acabara xa.


Venres, 26 de maio: (graduación) Se era grande a división que se creara entre alumnos e profesores, a desconfianza, o enfado xeral… agora, o alumnado estaba tamén dividido. Dende que sabiamos que o acto de despedida se cancelara definitivamente, todos os compañeiros agrupáranse en dous “bandos”: algúns querían facer o acto a toda costa, porque o consideraban moi importante, tanto para eles como para os pais, e prepararon, coa axuda destes últimos, unha serie de actuacións para representar no teatro e despedir o curso. O outro sector do alumnado, no que nos incluímos, non quixemos acudir. Pensabamos que se trataba dun acto hipócrita, no que íamos ter que loubar aos culpables principais de todo o negativo que nos estaba a ocorrer; ademais, un acto de despedida consideramos que era para despedirnos dos profesores, e sin eles xa non tiña sentido facelo.


Mentres no Teatro Principal estaban os alumnos responsables do acto, os “bolxeviques” reunímonos nun bar. Sen pompa, sen actuacións e sen diplomas (excepto por uns diplomas preciosos feitos a man por unhas compañeiras que pagaron moito a pena). Case o único símbolo de acto de graduación foron os nosos traxes elegantes (que desentonaban con contexto do bar un venres calquera ás 8 da tarde) e uns diplomas de cartolina que repartimos entre os alumnos inconformistas jeje. Ao final acabamos reuníndonos con compañeirxs que acudiran ao teatro, na cea. Tivemos unha noite tranquila, sen problemas entre nós, e disfrutamos a nosa “Última Cea” como curso de secundaria.


Luns, 29 de maio: Algúns alumnxs da clase de latín fomos de novo a falar co noso profe. Pero ao ter clase, non puidemos falar moito tempo. Comentounos por enriba a idea dunha entrada conxunta no blog e quedamos o día seguinte para falar máis calmadamente nunha hora á que a maioría puidesemos asisitir.


Martes, 30 de maio: Baixamos catro dos alumnos de latín ao instituto. Contámoslle todo o que sabiamos, el explicounos como estaban as cousas polo centro. Ademais, falamos de que como fora a graduación e decidimos escribir isto. Acordamos tamén empezar coa preparación da Selectividade. Tempus fugit irreparabile.



2 comentarios:

Ana Ovando dijo...

Qué sensación de decepción y de impotencia. Unos hechos muy lamentables, Álvaro. Muchos ánimos.

Carmen dijo...

Hoxe por fin tiven un momento para visitar o teu blog, Álvaro, sabes que sempre me interesou, pero últimamente nunca teño un minuto libre. En fin, que atopeime con isto en primeira plana, sabía a historia, claro, pola prensa e por comentarios, e síntome case obrigada a escribir algo, por unha parte porque, dados os dez anos que exercín no García Barros, aínda dalgún modo síntome parte do claustro e por outra porque, aínda que o evito sempre que poido, eu tamén entrei algunha vez no meu correo da Xunta desde un ordenador compartido, así que podería ser tamén unha afectada. Ademais, como profesora, entendo perfectamente a frustración, desconfianza e desilusión que iso provocaríame.
Por iso, aparte da miña solidaridade e comprensión con vos, quero manifestar que paréceme unha idea fantástica esta entrada compartida que permite ler tamén as opinións dos alumnos non culpables dos feitos, pero que teñen a responsabilidade de ter calado o que sabían e que era moi serio, paréceme unha boa forma de solucionar un dos aspectos maís feos dun asunto espantoso, a decepción e desconfianza que tamén alcanza aos alumnos que non son culpables directos, decepción que comprendo perfectamente, por iso, de terme pasado a mí, agradecería que alguén tivera unha idea polo estilo que permita arranxar un pouco as relacións co alumnado non directamente partícipe do delito e que ao mesmo tempo lles da a estes alumnos a posibilidade de buscar tamén unha amaño para a súa propia sensación de non ter feito o que debería.
Un saúdo e esperemos que nunca máis os vexades envoltos en algo tan feo.
Carmen Riobó