26/03/11

A mala prensa do latín

Hai pouco falabamos aquí do que podía ser a enciclopedia do futuro.
Hoxe, sen ir tan lonxe, falaremos dun elemento descoñecido ata hai pouco, pero que chegou para quedarse. Se atendemos á forma de traballar dos nosos alumnos, semella que non poden imaxinar un mundo sen el (pero tampouco sen móviles ou sen botellón). Estou a falar do hipertexto.
Poñamos que este mesmo traballo que presento hic et nunc houbese sido realizado hai 20 anos. Sería unha listaxe sen máis, un texto plano que nos daría a definición de cada latinismo. O alumno quizais os aprendese todos de memoria, pero seguramente non sería capaz de empregalos no contexto axeitado.
Propuxen hai xa un par de anos aos meus alumnos un traballo colectivo, enriquecido ano tras ano coas aportacións dos integrantes dese curso de Latín II, que sempre se renova mentres nós seguimos sendo case os mesmos.
Tratábase de buscar exemplos de latinismos na prensa actual e completar a listaxe con pequenos fragmentos destes usos e ligazóns ao texto completo, citando o medio de comunicación e a data de publicación do artigo.
Este ano ademais intentamos poñer imaxes ao texto, na medida do posible con licenzas CC que permitan a súa utilización.
O resultado foi este documento en *.pdf de 32 páxinas, que ten a súa correspondencia no apartado de latinismos da nosa wiki PaulatimGallaecia. Nel aparecen exemplos de extraídos dos principais diarios do Estado. Hai novas de política, de deportes, de sociedade. Poucas, moi poucas, en galego.
E o mellor de todo é que o documento está inacabado. Faltan máis exemplos, faltan máis imaxes. Non será problema. Están agardando os de 1º, e os de 4º...
Sería un bo regalo para o decano da Facultade Periodismo da USC, que na súa cegueira ante o peso do latín nas ponderacións, fai bo o dito de "Quod Natura non dat, Compostella non praestat"

22/03/11

Candidatura de Chiron aos premios internet 2011

Chiron preséntase na XIII edición dos Premios Internet 2011 que convoca a Asociación de usuarios de Internet, no apartado de "Mellor web".
Os premios non teñen asociada ningunha contraprestación económica, soamente o recoñecemento por parte dos usuarios de contribuír de forma relevante á difusión, bo uso e desenvolvemento de Internet.
A votación dos premios realízase de xeito mixto: un terzo da puntuación corresponde a votación popular, o resto á valoración dun xurado.
Pódese votar ata o 30 de abril acudindo á candidatura de Chiron na páxina dos premios.
Coñeceranse os finalistas entre o 6 e o 10 de maio. O veredicto final e entrega dos premios será o 17 de maio, día mundial de Internet.
Animamos a todos os seguidores de Chiron a participar cos seus votos. 

03/03/11

Ocrán-Sanabú versus Qwiki

A alguén lle soa aquilo de Ocrán-Sanabú? E Bel-Cozvíjar?
Se coma min tiveches no salón da casa familiar, xusto enriba da televisión, a famosa enciclopedia Espasa, versión reducida, seguro que si. 
Foron moitos días e moitas horas de fixar a vista naquela caixa tonta de dúas cadeas, onde contabamos globos e nos preguntabamos quen era ese Don José a quen se lle adxudicaba, quizais sen merecelo, o cobizado grao de chiripitifláutico. A mirada moitas veces esvaraba cara ao moble e percorría os lombos negros, azuis e dourados da famosa obra, que se vendía a domicilio e pagaba a prazos.
Aínda hoxe creo recordar o seu recendo. O tacto das follas.

Ben, deixémonos de recordos. O futuro xa está aquí, que decía a canción.
Isto pode ser o novo modelo (non ouso dicir definitivo) de Enciclopedia, a Qwiki. Unha especie de wiki con contidos multimedia: vídeos, mapas de google, imaxes, liñas do tempo, etc.
Facede unha proba con algunha destas buscas: República romanaImperio Romano, Partenón, Xulio César, Augusto, Pericles, latín contemporáneo, etc.
Espectacular, non? Pois aínda está en fase alpha! (ah, pero en inglés only!)


* Aquí tedes máis información sobre esta innovadora ferramenta.

01/03/11

Dives Gallaecia 2012

Dives Gallaecia 2012 e un novo proxecto emprendido por un grupo de profesores e alumnos do MGB. O obxectivo final do mesmo é elaborar un documental audiovisual sobre a romanización de Galicia.
O título Dives Gallaecia fai referencia á sona que tiña a nosa terra entre os romanos como sinónimo de riqueza e abundancia, sobre todo en recursos mineiros, en ouro, en prata e en estaño. O ano, 2012, sería a data en que se pensa rematar este traballo.
Búscase tamén a creación duha colección de imaxes de alta calidade dos restos arqueolóxicos de época romana máis importantes que conservamos en Galicia. Esta futura colección será a base dunha exposición de fotografía.
Haberá espazo tamén para as visitas aos museos e festas de recreación histórica (Arde Lucus e Festa do Esquencemento).
Participan no proxecto os alumnos de latín de 1º e 2º de bacharelato e os profesores seguintes:
  • Fotografía: Miguel Bugallo e Magaly Barreiro
  • B.S.O. e paisaxe sonora: María Varela
  • Guión e coordinación: Álvaro P. Vilariño
  • Edición de vídeo: Marisa Otero
Toda a información na web DIVESGALLAECIA 2012