Mostrando entradas con la etiqueta cultura clásica. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta cultura clásica. Mostrar todas las entradas

9/5/16

Catalibros. T1-E1. Naves negras ante Troia.

Comezamos na MeGaBiblioteca unha nova serie, Catalibros, e hoxe queremos presentar aquí o primeiro episodio, "Naves negras ante Troia", protagonizado por Nicolás Luna, un alumno de 4º de ESO de latín, que o ano pasado cursou Cultura Clásica.

7/11/10

Familia Saguntina Per Se Illustrata (Xornadas Cultura Clásica 2010)


Para un profesor de Clásicas Sagunt non é unha cidade, é un estado de ánimo. Eu xa intuía algo disto trala miña visita anterior aos Ludi Saguntini, na primavera do ano 2008, cando estiven cos meus alumnos dentro do proxecto dos 2.000 anos por correo.
Pero no outono Sagunt presenta outra cita ineludible, as "Xornadas de Cultura Clásica" organizadas pola Asesoría de Linguas e Cultura Clásicas do CEFIRE local (ou sexa, por Juanvi...), e que este ano cumprían a súa VIII edición. Alí estiven presentando o concurso Odisea, nunha mini-edición para profesores que tivo lugar na tarde do sábado. E alí estiveron uns 180 compañeiros de Clásicas, con abundante representación das familias: os .net, os .com, os .org...

As xornadas comezaron o sábado e foi Antonio González Amador (de CulturaClasica.com) o que abriu as ponencias, coa presentación das Fabulae Syrae (Graecorum Romanorumque fabulae ad usum discipulorum latine narratae) un bo complemento para o método LLPSI (do capitulum XXV en adiante), con textos de Luigi Miraglia e fermosas imaxes de Iohann Wilhem Baur. Nel poderemos atopar, entre outras, as historias de Pygmalion, Tarpeia, Nausicaa, Horatius Cocles ou Deucalion e Pyrrha. Grazas Antonio por este exemplar que hoxe teño nas miñas mans e que disfrutarán en breve os meus alumnos. Puiden facerme tamén coa edición en cor de Familia Romana, que gaña moito con respecto á versión anterior en branco e negro.

A segunda cita do día foi con Virginia Pla, quen nos mostrou o seu traballo coa plataforma eXeLearning nos campos da etimoloxía médica e o corpo humano. Outro luxo que teñen na comunidade valenciana, as asignaturas optativas de Fundamentos Léxicos da Ciencia e da Técnica e Referentes Clásicos no primeiro e segundo curso do Bacharelato respectivamente. Poderiamos conseguir aquí na Gallaecia algo semellante? A xuizo de Mercedes Madrid foi cuestión de estar no lugar exacto e no momento xusto.

José Luis Navarro, membro da SEEC e Vicepresidente de EuroClasicca, falounos do Certificado Europeo en Linguas Clásicas, unha iniciativa que pretende dotar de un título europeo aos estudiantes destas disciplinas, e ao que podemos presentar aos nosos alumnos. Tanto en latín como en grego clásico teremos 4 niveis: Vestibulum (nivel equivalente a 4º de ESO), Ianua (1º de Bacharelato), Palatium (2º Bacharelato) e Thesaurus (1º e 2º cursos de Filoloxía). A idea é convocar unhas probas anuais, que consistirán nun texto en latín ou grego antigo e unhas preguntas de comprensión sobre o mesmo. Seriamos os propios profesores os encargados de matricular e supervisar os exames dos nosos alumnos.

A mañá pechouse cunha fermosa conferencia de Isabel Barceló, "Un paseo pola Roma das mulleres", e abofé que a escritora conseguiu transportarnos, coa súa voz como única ferramenta (aquí no houbo espazo para as TICs), á Roma das Sabinas, da vestal Claudia, de Iulia (filla de César e muller de Pompeio) de Cornelia, filla do Africano e nai dos Gracos.  Volveu representarse de novo ante os nosos ollos a traizón de Tarpeia, a paixón de Dido, a entrañable historia de Pero. Pero desta vez soubemos da localización precisa destes episodios: onde amamantou Pero ao seu pai (no templo da Spes, ao lado do teatro de Marcelo), onde foi aplastada Tarpeia, onde lle foron ofrecidos funerais dignos dun xeneral a Iulia, onde recibiu Cornelia ás súas amigas para mostrarlles as súas xoias...
Na comida, falando con Isabel, falando de mulleres, as grandes olvidadas da Historia, pensamos en facerlles a nosa pequena homenaxe, un intento de sacalas dese esquecemento a que foron sometidas durante o paso dos séculos: unha edición monográfica do Concurso Odisea sobre as mulleres do mundo antigo.

A tarde deparaba varios talleres: xogos, teatro, baile, escritura, infancia, pintura. 
E a Odisea de Laertes, o noso cometido. E digo noso porque fomos o que esto escribe e Ana Ovando (AnaWiki, PolivalenteAna) os encargados de levar a cabo esta mini-edición do Concurso de Cultura Clásica organizado polas seccións de SEEC de Valencia-Castellón, Alicante e Galicia. Esta vez foron os profesores os que concursaban. A idea era que coñecesen o concurso dende dentro. Que sentisen os nervios e o stress dos nosos alumnos cando encaran as preguntas que aparecen en pantalla. Tiñan 10 minutos para contestar cada unha das 3 tandas de preguntas e 30 minutos para o preguntón. Houbo dúas quendas para o concurso. Na primeira, e formando grupo en solitario, o gañador foi un ilustre chironiano, que esperemos leve a semente a terras aragonesas para contar cunha comunidade máis na vindeira edición.

Despedín as xornadas con outro luxo: a Domus Baebia. Que podo dicir que non fose dito xa do gran traballo que están realizando nesta Aula Didáctica? O que na miña anterior visita era unha idea, un proxecto, hoxe é unha realidade. Un fogar da Cultura Clásica que acolle día tras día (hai lista de espera) dende estudantes de primaria ata xubilados ou asociación locais. Alí estaban Salva (escriba, mago e azoute de A3), Amparo e Charo, que me obsequiaron cunha auténtica visita ViP a todas as instalacións do centro. Tamén pechamos alí un acordo para traducir ao galego parte do fantástico material que teñen publicado no Hortus Hesperidum, concretamente o referido á infancia e ritos funerarios. Grazas  Amparo, Salut e Lluïsa, pola disposición a compartir o voso traballo. E falando de luxos: e que hai algunha outra Aula Didáctica no mundo que despois de traballar cos rapaces nas súas instalacións poida coller as chaves dun auténtico teatro romano (o teatro de Sagunt, que dista uns centos de metros), e levar alí aos alumnos para poñer en práctica todo o aprendido? 

Dende a Gallaecia, grazas a toda a Familia Saguntina, a todos os amigos que puiden ver e coñecer nestas xornadas inesquecibles, e sobre todo aos mellores anfitrións que un bárbaro podería desexar, ao bo facer dun incombustible Hermes e a cálida compaña das fermosas Voces Gregas.

8/4/08

ITINERARIOS 4º E.S.O. 2008/09

Esta é a proposta de Itinerarios do MGB para o vindeiro curso, presentada no Claustro a semana pasada. Recordemos que a nova asignatura de latín de 4º contará con 3 horas de docencia e a Cultura Clásica con 2 horas, pero agora se os alumnos a collen en 3º non a poden volver coller en 4º.
Vemos ao latín situado na primeira columna do Itinerario nº2, encamiñado ao bacharelato humanístico-social.
Quizais deberían figurar tamén como obrigatorias as materias da primeira columna nos itinerarios 2 e 3, tal e como se fai no itinerario número 1.
Fixen esa reflexión en voz alta no Claustro, sin chegar a formular unha proposta concreta, pero puiden ver que a xente non estaba pola labor. Suporía facer uns itinerarios "moi pechados". Iso foi o que me responderon.
Unha vara de medir para o itinerario de "ciencias" e outra para o de "letras" e o "terminal".
Tamén comentouse o novo e esperpéntico sistema de paso de 1º de Bacharelato a 2º de Bacharelato. Polo visto agora vaise poder pasar ata con 4 asignaturas suspensas e logo cursalas ao mesmo tempo que se fai 2º. Iso se o horario do centro o permite.
Cabe maior despropósito¿¿ Por se non fose pouco dano a un sistema educativo que debería premiar o esforzo e o estudio, e non supeditarse ás combinacións e permutacións da sempre voluble mente do alumno (este ano estudio, este non...), agora aínda por riba vai haber discriminación por centros!!. Un alumno pode pasar de curso e acollerse a este sistema, pero outro doutro instituto non pode porque o seu horario non llo permite. Que disparate.
Un premio para a insigne mente que pariu semellante falcatruada!!
Ou como dicía a raíña de Alicia...."QUE LLE CORTEN A CABEZA...!!"

20/9/07

INCIPIO

Tras un curto (como sempre) verán, e para alivio da triloxía nécora-sargo-robaliza, aquí estamos outra vez neste curso 2007/08 que comeza, ou mellor dito comezou onte, aínda que para aqueles que non fomos agraciados co nomeamento de Titor, empeza mañán.
Dous cursos de latín van sufrir as consecuencias da miña labor didáctica, un Latín I de 12 alumnos (4 horas) e un Latín II de 8 (4 horas), algúns deles vellos coñecidos.
Nas 8 horas restantes serei profesor alternativo, xa que está visto que malia as alternancias de poder ningúen se vai atrever polo de agora a revisar esas concordancias que tan mal casan cun Estado laico. Teremos polo tanto latín e clase de alterne.
Hai uns meses Sebastià falábanos da situación en Cataluña. Aquí, na Gallaecia, un decreto (DOG 13 xullo) e unha orde (DOG 12 setembro) danlle entrada por fin ao latín no curso de 4º de ESO cunha carga de 3 horas semanais (iso si, no vindeiro 2008/2009 ...)
Parece que de algo si serviron todos os manifestos, escritos e demais. E de salientar neste tema o gran traballo realizado pola SEEC, e penso que agora recollemos o froito dos esforzos de todos estes anos.
Peor sorte corre a Cultura Clásica. Segue de optativa en 3º e 4º, con 2 e 3 horas semanais respectivamente, aínda que agora un alumno que a colla en 3º non a pode repetir en 4º, cousa que antes si podía facer.
Hic rursus sumus