Mostrando entradas con la etiqueta seegalicia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta seegalicia. Mostrar todas las entradas

9/3/10

Festival de teatro grecolatino de Lugo 2010

Onte os alumnos e profesores "Clásicos" do MGB asistimos ás representacións da primeira xornada do festival de teatro grecolatino de Lugo 2010, organizado por SEECGalicia.
Pola mañá o grupo de teatro Párodos, do IES Siberia Extremeña de Talarrubias de Badajoz, puxo en escea unha sobria versión de Electra, de Sófocles. Dadas as dificultades que presenta a montaxe dunha obra destas características, e máis ante un público de escolares, non podemos senón felicitar á súa directora Silvia Pérez Marco, polo grandísimo traballo dos seus actores.
Pero o punto forte deste grupo está sen dúbida na comedia. E así o demostraron pola tarde, facendo escachar coa risa aos case mil espectadores que ateigaban o Auditorio Gustavo Freire de Lugo.
Incrible o que están conseguindo neste pobo de pouco más de 3.000 habitantes, ubicado na chamada Siberia Extremeña. Segundo nos confesou Silvia (aparte da súa admiración por Ricardo, director do grupo Parrocha, antes Sardiña), están conseguindo o que antes ninguén fixera: que a xente do pobo vaia ao teatro, e todos sabemos a pequena revolución que isto pode supor nunha vila destas características.
O espírito de Plauto estivo outra vez vivo en Lugo, cuns actores que non paraban de brincar e moverse por toda a escea (coas dificultades que isto lle supuxo ao fotógrafo...),  e un emprego da música maxistral, co aggiornamento habitual nestes casos pero coa novidade que supón a música en directo, xa que había partes onde cantaban os propios actores.
Noraboa a Silvia e a toda a compañía. Quizais na vindeira edición volvan pola Gallaecia! 
Déixovos cunha imaxe da representación de Cásina (Plauto). Tedes o álbum de fotografías completo en Flickr.





28/2/10

Centaurinhos e centaurinhas 2.0

Logo de ser testemuña de curiosas metamorfoses docentes, creo que por fin atopei aos alumnos 2.0. Atentos, vivos, rápidos, participativos, semella que naceron xa pegados á pantalla do seu ordenador portátil. 
O pasado venres celebrouse a terceira sesión do curso de "Iniciación á Metodoloxía Científica", organizado por SEECGalicia dentro do marco dos cursos de postgrao da USC, e dirixido fundamentalmente a estudiantes de Filoloxía Clásica (si, si, aínda quedan, e cunha bolsa de traballo que os reclama ao acabar a carreira, para que despois digan que o Latín e Grego non valen para nada...)
O curso está estruturado en catro partes. A primeira, impartida por Cecilia Criado, estivo enfocada ás Fontes Primarias e Secundarias: obras e autores antigos en soporte magnético (formas de citación, edicións e traducións, datación), formas de citación das referencias bibliográficas secundarias, convencións de normas de estilo, bases de datos bibliográficas, Google Books, publicacións periódicas en liña e revistas electrónicas de acceso libre. Na segunda Paco Cortés Gabaudán encargouse do uso de grego antigo en tipografías Unicode (Sibylla, Euclides), dos textos clásicos na Rede (Perseus, TLG-Demo, Chicago Homer, Dioscórides, Thesaurus Linguae Latinae) e das bases de datos bibliográficas (L´Année Philologique, Gnomon, TOCS-IN, Dialnet, Interclassica e Google Books). Na cuarta e última, a celebrar a partires do vindeiro venres, Xosé A. López Silva tratará dos paradigmas teóricos da Filoloxía Clásica.
A terceira, dedicada á Didactica das Clásicas, correspondeume a min. Falei sobre o noso proxecto, sobre Chiron. Unha vez presentada a nosa historia, as nosas seccións, os números (visitas, recursos, etc),  algunha sombra e os plans de futuro, pasamos directamente ao Taller. Fixemos as contas nos correspondentes servizos 2.0 e por medio de tarefas na Aula Virtual aprendemos primeiro a pedirlle información ao Centauro (imaxes, presentacións, ligazóns, documentos, etc), para dar paso logo á subida de recursos propios, incrementando así o inmenso patrimonio que atesouran xa as súas estancias. 
E rematamos fedellando na Rede Social, ad libitum, perdéndonos un pouco no seu labirinto...

Houbo tempo tamén para algunha sorpresa, semellante a aquela da amiga dunha amiga...

28/1/10

Un centauro renovado



Onte este centauro estivo de aniversario, un ano máis, como recollían as voces gregas, a quen debemos esta imaxe tan "molona", creada sobre as facianas de moitas das persoas involucradas nesta aventura.

Un centauro renovado, cun novo canal de noticias en friendfeed e unha rede social en Ning que mostra máis actividade que nunca.

O 19 e 26 de febreiro, nas dependencias da USC, estarei presentado a Chiron, dentro do curso de iniciación á metodoloxía científica organizado por SEECGalicia. Os destinatarios, ademais de algúns profesores, serán estudantes de Filoloxía Clásica, ante os que, máis que nunca, estarei na obriga de docere, delectare et movere, para poder así engadir máis imaxes ao mosaico...

30/4/09

Asemblea SEECGalicia (o día despois)

Na entrada anterior vertimos afirmacións un tanto comprometidas con respecto ao interese e participación do noso colectivo nas actividades desta sociedade. En concreto, pronosticabamos unha asistencia de 5 persoas (descontando a directiva).
Equivocámonos. E xusto recoñecelo. Non debimos poñer en dúbida esa capacidade mítica de mobilización dos profesores de clásicas en Galicia. Os datos son incontestables: a asistencia á asemblea de onte duplicou as estatísticas. O aforo chegou ás 10 persoas. O dobre que na última.
Algo está cambiando na Gallaecia. Nunca tal se vira.
Quizais para o ano xa sexamos unha ducia, ou, quen sabe, ducia e media. Non imos renunciar ao optimismo.
Tomou a palabra a nosa Presi para informar aos asistentes de todo o que se fixo para lograr unha entrevista coa (ex)conselleira de educación onde poder plantexarlle as nosas inquedanzas polas novas disposicións do sistema educativo que afectan ás nosas asignaturas.
Pero viñeron as eleccións, e os que estaban perderon, e viñeron outros.
E aí estamos. Paciencia, ao final conseguiremos esa cita. Esta vez con conselleiro.
Entre tanto, os que alí estivemos, chegamos á conclusión que de momento a loita está nos centros, nas comisión pedagóxicas, nos Claustros, nos Consellos Escolares. Unha loita urxente, pois o novo curso está, como Aníbal, ad portas.
Xose, nunha brillante intervención, comprometeuse a facer unha especie de "manual de guerras e guerrillas", un vademécum legal ao que o indefenso profesor de clásicas poida acollerse para vixiar que se cumple a legalidade nos centros á hora de planificar o vindeiro curso: nos sobres de matrícula, na oferta educativa, no número de alumnos para formar grupo, etc. Chegará nuns días aos correos dos socios.
Foi difícil, minto, foi imposible decidir entre todos cal é a mellor distribución de asignaturas en 2º de Bacharelato. Ninguén se atreveu a propoñer un modelo a seguir. Quedou claro que formar un itinerario onde se obrigue aos alumnos a cursar latín e grego resta alumnos antes que suma.
O que si acordamos foi loitar contra ese absurdo número mínimo de alumnos por asignatura. Aí houbo acordo xeral, e será unha das nosas principais reivindicacións. E a máis realista.
E logo chegamos ao que é xa un clásico: as probas de selectividade de latín.
Este ano o coordinador, Sr. Pereira, non convocou aos profesores para informar dos cambios das probas ou escoitar suxerencias. E logo pasa o que pasa.
Alguén pode explicar por que, se o tema de Literatura é A Lírica e Horacio, as lecturas son de Catulo? o se o tema e Cicerón e a Oratoria a lectura sexa de Tácito?
E que lectura. Medio folio dunha arenga a uns soldados. Houbo quen apuntou que foi a elixida porque saía de primeira no Google (e despois falamos dos nosos alumnos...)
Veu o turno logo da cuestión sobre a película Golfus de Roma. Alguén debeu confundir 4º de ESO con 2º de Bacharelato.
Seguimos logo co balance das actividades feitas por SEECGalicia neste ano. Unha edición máis, a mellor na miña opinión, do concurso Odisea, un novo curso de grego moderno, unha viaxe a Grecia con profesores e alumnos, outro ano de teatro en Lugo.
E o curso de Chiron. Non vou falar dos profes. Vou falar dos alumnos, dos que, por certo, había cumprida representación nas gradas (un 30% dos asistentes se nos poñemos estupendos).
Gustaríame falar dos meses que levamos traballando con eles, falando nos foros, escoitando as preguntas, as dúbidas, os novos proxectos. Vendo nacer novos blogs e wikis coma setas por toda a Gallaecia, ou como os cursos de Latín, Grego e Cultura Clásica se fan un espazo propio nos moodle dos centros.
Para rematar.
Hai algo máis dun ano que se celebraron eleccións en SeecGalicia. A candidatura do profesor Pereira foi derrotada por unha estreita marxe de votos.
Sabedes cantos membros desa candidatura asistiron onte á asemblea, participaron nos foros abertos, enviaron correos-e con propostas?
Pois si. Acertastes. Ningún.
E digo eu. Por que será?
Vai ti a saber.
Pois quen o saiba que o diga.