Mostrando entradas con la etiqueta Wikipedia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Wikipedia. Mostrar todas las entradas

14/1/09

De wiki con Eutropio en PaulatimGallaecia

Esta semana estamos de wiki nas aulas de latín de 2º de Bacharelato do MGB.
Cando empezaba a explicar o tema das formas nominais do verbo, participios e infinitivos, foi cando se me ocurriu.
A idea sería unha vez máis ir do particular ao xeral, da práctica á teoría. Non perderse na gramática. Elixir, atopar os nosos propios exemplos. Encaixar as pezas, traballar en grupo, axudarnos uns a outros como clase. Un proxecto común. Unha ferramenta 2.0.
Así que pouco a pouco, paulatim, fun poñendo aos meus alumnos a traballar na wiki PaulatimGallaecia.
Este é o plan de traballo:



Traballando con Eutropio


Nesta sección faremos unha recopilación de extractos do texto dese autor, clasificándoos segundo o esquema proposto, e ilustrando así os apuntes da gramática latina.

Eutropio
Propónse que sexan os propios alumnos os que colaboren nesta sección.
Utiliza o seguinte formato:
  • negriña para o texto latino
  • paréntese para ubicar o texto no libro e capítulo
  • cursiva para a tradución ao galego
Exemplo:
Dimissis exercitibus (Liber VI, 19). Licenciado o seu exército, despois de licenciar ao seu exército.
  • Usa o símbolo (...) para indicar a elisión de parte do texto:
Exemplo:
Rediens ex Gallia victor (...). (Liber VI, 19). No seu regreso dende a Galia coma vencedor / regresando vencedor dende a Galia (...)

¿Alguén máis se anima a participar? Podedes seguir o xa empezado cos vosos alumnos.
Nós estamos fundamentalmente co libro VI.
Recordade que facilita moito a labor de control e coordinación o feito de rexistrarse (Join in) en wikispaces antes de empezar a traballar. É gratuíto e faise nun minuto.

Paulatim, paseniño.

7/12/08

Wiki, Wiki

Axiña, axiña (que é o que significa Wiki en hawuaiano) deixou o vello centauro a súa semente na fértil e ben disposta Gallaecia.
Primeiro foron os blogs. Aquí vai unha mostra.

Logo os cursos de Moodle na Aula Virtual de Chiron (hai 30 cursos de prácticas!)

Pero hai máis.

Foi no segundo día do curso, cando a consellería decidía sen asomo de piedade privarnos de internet, e durante o banquete ritual no entrerrúas (en ausencia de Lapitas, naturalmente).
Ocurriuseme entón que xa que acabábamos de formar un (dinámico a xulgar pola incesante actividade na aula virtual) grupo de profesores de clásicas galegos, nada mellor que poder traballar en proxectos comúns, en sintonía coa filosofía 2.0 que daba título ao curso.
E onde o necesitabamos máis? Sen dúbida na elaboración de materiais para a selectividade.
Ate o de agora tiñamos todos os materiais dispersos pola silva virtual. Era hora xa de que os xuntáramos todos nun mesmo espazo, e que lle déramos oportunidade a tódolos profesores que quixeran colaborar de subir os propios.
Nace así unha nova sección da wiChiron adicada á Selectividad Galega, dividida en primeiro lugar en Latín e Grego, e logo estruturada en tres seccións: exámenes, criterios-orientacións, e materiais.
No apartado da Selectividade de latín os materiais aparecen listados da seguinte maneira:
  • Fedro
  • Eutropio
  • Literatura Latina
  • Lecturas
  • Latinismos
  • Topónimos
  • Composición e derivación latina.
Unha vez construída esta armazón, só queda enchela. Fago dende aquí unha invitación a tódolos profesores de Clásicas de Galicia para que colaboren neste proxecto, facendo desta wiki un compedio de todo o noso traballo, que revirta nunha mellor calidade na educación dos nosos alumnos.
Como facelo? Moi fácil. Na guía rápida da web de Chiron atoparedes unhas sinxelas instrucións. O único que necesitamos é ter os nosos arquivos previamente subidos á rede. Podemos subilos ao espazo do noso centro con Drupal, ou ben a servizos externos como Slideshare (presentacións) ou scribd (*.doc, *pdf). Son servizos gratuítos que só precisan dun rexistro previo. Unha vez subidos os nosos documentos os enlazamos dende a wiki mediante hipervínculos.
Necesitamos tamén que alguén de grego se ocupe de dividir a sección correspondente cos seus apartados, xa que polo de agora está baleira. Espero que non por moito tempo...

* Ilustración de Mauro Evangelista (Babelia, El País)

12/2/07

O Entroido na Galipedia

Despois dun tempo empregado noutros menesteres, falamos hoxe do traballo que estamos a facer na clase de Cultura Clásica en relación aos termos latinos relacionados coa festa do Entroido.
Hai pouco recibimos por correo-E o boletín informativo nº5 da consellería onde nos informaba dunha web referida a esta celebración. Nese enderezo aparecían varios termos latinos co seu hipervínculo correspondente á wikipedia en castelán. O noso traballo foi introducilos na Galipedia. En concreto falo dos termos saturnais, lupercais, bacanais e carnaval (aínda suxeitas a revisión).
Puiden observar con asombro como mesmo a entrada para Dionisos estaba aínda sen facer.
Dende a miña experiencia cos alumnos animo a tódolos profesores de clásicas a engadir novas entradas relacionadas con mundo greco-latino, e pouco a pouco ir enchendo os moitos ocos que aínda quedan por facer.

16/10/06

Galipedia

Dentro do universo da Web 2.0 unha das ferramentas máis utilizada e a dos wiki. Quizáis o exemplo máis coñecido sexa a Wikipedia. Pois ben, temos unha versión galega, a Galipedia. Dende a semana pasada na clase de Cultura Clásica de 4º da ESO estamos a traballar neste proxecto. Dentro do tema da lenda e historia de Roma empezamos a introducir as entradas que ata o de agora estaban sen facer: Turno, Rea Silvia, etc, ou a refacer outras con erros importantes, como a entrada de Eneas. Unha proposta de traballo na aula para todos os profesores de Clásicas, ¡queda moitísimo por facer!. Entrade na Galipedia e comprobádeo. Para saber algo máis sobre a Web 2.0 podedes ler este artigo firmado polos profesores I. Peña, C. Córcoles e C. Casado, que nos remite Sebastià dende Barcelona.