O pasado venres David Rubín estivo asinando e ilustrando exemplares de "El Heroe" na libraría Kómic de Santiago.
Alí estivo o enviado especial de DivesGallaecia, nunha misión encomendada pola MeGaBiblioteca do MGB para conseguir unha dedicatoria ilustrada do autor, falando con David sobre Heracles, Mitos e Tebeos.
Do que da fe este vídeo (activade a opción HD unha vez comezada a reprodución)
Este mantra que cantaba Bowie nos últimos anos 70 d.C., e do que este cronista se valeu en non poucas ocasións, parece que estivo presente na mente de David Rubín (Ourense, 1977- Blog personal) cando se decidiu a debuxar a historia do heroe por excelencia, Heracles.
Publicado por Astiberri no mes de abril de 2011, chega ás librerías este primeiro tomo (libro 1 de dous) que leva por título "El Héroe", e que narra as aventuras do fillo de Zeus e Alcmena.
A narración comeza no pazo de Hera, coas maquinacións desta para conseguir que sexa Euristeo e non o Heracles, o que reine en Argos. Logo dun breve paso pola infancia dos dous primos comezan os traballos do heroe: o león de Nemea, a hidra de Lerna, a cerva de Cerinia, o xabarín de Erimanto, as cortes do rei Auxías, as aves do Estínfalo, o touro de Creta, as eguas de Diomedes e o cinto de Hipólita.
Ambientado nunha Grecia fantástica, atemporal (os personaxes visten ao modo grego pero parecen vivir nunha sociedade do século XXI), o autor interpreta libremente o mito, ben cambiando a propia historia (a cerva de Erinia convírtese en muller para enganar ao heroe, o xabarín de Erimanto era en realidade un mozo que rexeitou os apetitos dun rei e foi convertido en monstro, etc.) ou ben outorgando a célebres personaxes papeis que non lles corresponden (Ariadna malamente podería pasar por unha esposa que espera a Teseo na casa para rifarlle se se mete en problemas...)
Hai espazo tamén para a parodia, cuns espectaculares pósters que recordan á estética americana dos anos 50 e delatan a comercialización e trivialiación das figuras dos nosos heroes actuais (e todo isto a pesares das advertencias e esforzos dun Chiron que máis que bondadoso centauro semella un cabreado Mourinho defendendo ao seu CR diante dos micrófonos dunha rolda de prensa)
Se vindes por Santiago antes do 26 de xuño, podedes ver unha exposición na Zona C de Santo Domingo de Bonaval, con orixinais a lápiz, entintados e láminas finais desta historia, así como unha excelente curtametraxe sobre a obra de David como debuxante de tebeos.
Asimesmo, o vindeiro venres día 13 de maio, o autor asinará exemplares da obra na librería compostelana Kómic, na rúa San Pedro de Mezonzo.
Deixámosvos con este vídeo a modo de pequeno trailer de "El Héroe". Picade na parte inferior da pantalla para elixir a opción de visualización en HD e pantalla completa.
Presentamos hoxe o primeiro volume da serie de "Sócrates, el semi-perro", firmada polos franceses Joan Sfar (guión) e Chistopher Blain (debuxos), que publica ediciónsSins Entido.
Estamos ante a presentación do personaxe do que falabamos días atras: Sócrates, o semi-can, que posúe o don da palabra e que acompaña ao seu amo Heracles, presentado aquí como unha especie de "Miles Gloriosus", máis preocupado por fortalecer os seus músculos o seducir a canta muller lle saia ao paso que nas sesudas e brillantes reflexións deste incrible can, que nos fará pasar un bo rato a todos.
Queda aquí unha mostra das súas meditacións:
"A miña filosofía consiste en non facer nada. Canto teño fame, como, cando teño sono, durmo. Sigo ao meu amo onde quera que vaia, co que me aforro ter que tomar decisións".
"En principio fíome sempre do meu próximo, xa sexa home, besta ou monstro. Ou mesmo gato. Cando alguén se achega á nosa fogueira, sempre intento darlle a benvida. Aínda cando as súas intencións non son amistosas. Creo que calquera malentendido pódese resolver cun diálogo constructivo. Pero sexamos sinceiros. Pódomo permitir porque son o can de Heracles. Se non es máis que un canciño de lás, aprende primeiro a defenderte e logo a filosofar" (isto nos recorda aquilo de "primum vivere deinde filosofare!!)
"O Feito de que o ser humano faga exercicios de musculación demostra que ten conciencia de si mesmo. Que un can corra non demostra nada".
"O meu amo di que lle gustan as mulleres, pero o que lle gusta e gustarlles. É da opinión de que todas as mulleres deber ser agarimosas e tenras con el, que deben concederlle calquera capricho. Porque, para o meu amo, tódalas mulleres son nais, esposas e amantes. Non sei se a tódalas mulleres lle apetecerá ser nais, esposas e amantes. Pasa como cos cans: non se lles pide a súa opinión."
Presentamos un novo Cómic de temática clásica, escrito polo francés Serge Le Tendre e debuxado por Christian Rossi. Está editado por Planeta DeAgostini e recén saído da imprenta. Nel se nos conta a historia da terrible xenreira que Hera lle profesara a Heracles, e que culmina coa morte dos fillos do heroe a mans do seu propio pai. Un guión ben traballado, unha certa dose de erotismo e tamén un chisco de humor ácido (que nos recorda a outros superheroes como HellBoy ) aportado por un curioso centauro, Agrios. Iso si, teremos que dixerir a alteración da lenda clásica nos inicios da historia, onde un xove Heracles recibe o nome do seu avó, Alceo, aínda que non sexamos capaces de saber moi ben o por que. En resume, unha boa compra para a nova sección de Cómic da Biblioteca do MGB e o seu clube de lectores. Reseñas na rede: