Ese foi o título que me inspirou a Musa (aliquando dormitat Homerus...) para unha xornadas que impartín onte no centro de recursos para profesores (CFR, antes CEFOCOP, antes CEFORE ou CEFIRE...) da Coruña. Quixen contar a experiencia do meu centro, o papel que como dinamizadores TICS (os Tikismiquis, que xa temos alcume...) xogamos tanto eu e o meu colega Sindo Monteagudo. Quizais podades encontrar aquí algunha boa idea que vos poida servir a vós...
Houbo tamén tempo para algunha que outra reflexión. O papel do profesor cando se transforma en alumno. Ao mellor é unha traizón do subconsciente e sentimos un desexo irrefreable de facer xusto aquilo que detestamos que nos fagan a nós...
Porque, acaso deixamos que os nosos alumnos teñan o móvil encendido durante a clase? deixamos que contesten, se teñen algunha chamada, as criaturas....? consentimos que coman na aula, se teñen fame, pobriños? parécenos ben que estén a facer outras cousas que nada teñen que ver coa materia mentres explicamos? A todos nos pasa, tódolas mañáns. Non o soportamos, prohibímolo, rifamos, castigamos, berramos, ameazamos.
Pero pola tarde temos curso, e entón opérase a transformación...