Mostrando entradas con la etiqueta dos mil años por correo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta dos mil años por correo. Mostrar todas las entradas

8/2/09

Un mundo ideal - Tàrraco 209

A semana pasada un grupo dos alumnos "clásicos" do MGB estivemos na antiga Tarraco, dentro do proxecto dos dous mil anos...
E isto foi o que aconteceu...
E namais!

11/9/08

O aceite do velón

Dende logo aínda temos moito que percorrer ata chegar aos 45 anos de servizo de Don Francisco, aínda que pode que algún este xa moi preto de conseguilo...
Este curioso azulexo que adorna unha rúa de Olivença/Olivenza, un pobo extremeño que foi sucesivamente español e portugués, pode ser un bo aliciente para comezar este novo curso que trae moitas novidades baixo o brazo.
Tras moitas horas como profesor de alterne o curso pasado, este ano comezarei con dúas asignaturas completamente novas, o latín de 4º de ESO (3 horas) e as Tecnoloxías da Información e comunicación de 1º de Bacharelato (4 horas). Impartirei tamén Latín I e Latín II nos cursos do Bacharelato (4 horas cada un).
Lonxe do síndrome da Aula Baleira, eu aínda precisaría un par de semanas máis antes de poñerme detrás do mostrador para atender aos novos clientes (son tantas as novidades, tantas as mercadorías que temos que colocar na tenda...)
E de algo deben valer as aulas virtuais, os nós que tecen as redes dos centaur@s, os proxectos e as viaxes dos dous mil anos, porque a matrícula aumentou espectacularmente. Vou ter 20 alumnos en Latín de 4º, outros 20 en Latín I e 10 en Latín II. Semella que voltamos aos tempos do BUP (non, non, que va, que daquela cheguei a ter ata 42 nun aula de 2º de BUP)
En 4º de ESO empezarei, como moitos outros compañeiros, co método de Orberg, Lingua Latina per se Ilustrata, nun primeiro paso da queima controlada de libros, que comezara xa nos anos 60 cos suxeitadores. Como tamén pasou en Andalucía, fixádevos no que di o propio Currículo do DOG de 13 de xullo de 2007: "...parece recomendable seguir un método natural en que as regras morfosintácticas se deduzan da práctica da lectura e da tradución e no cal a súa aprendizaxe sistemática constitúa unha segunda fase."
Niquelao.
Non semella que vaia facer moitas variacións nos cursos de Latín I e II, xa que non hai cambios substanciais no seu Currículo do DOG de 23 de xuño de 2008.
Onde si temos algún é no programa das probas de Selectividade de Latín para 2009, onde as novidades máis sinaladas son a introdución dunha pregunta de lectura en lugar da cuestión sobre arqueoloxía/historia, e a inclusión de Plauto e o teatro latino nos temas de Literatura, cambios resultado das reunións mantidas polo coordinador cos profesores de latín de toda a Gallaecia.
Pero as lecturas da Épica son de Ovidio, cando o autor resaltado no tema é Virxilio, as de Lírica son de Catulo, cando o autor do programa é Horacio, e na Oratoria propónse a lectura de Tácito, cando temos que estudiar a Cicerón. Só na Historiografía lecturas e programa coinciden na figura de Tito Livio.
Non houbese sido mellor elixir as lecturas dos autores resaltados nos temas de Literatura?
E de novo, logo da metamorfose anual en profesor de latín que normalmente coincide por estas datas, despois do catasterismo estival, é grato comprobar como hai cousas na rede que non cambian, só se transforman, mudan, pero non descansan, como a nosa polivalente Ana, responsable do blog de Linguas e Cultura Clásica, da fase Virtual do omnipresente internetenelaula, ou o pater Carlos, que subscribe/escribe outro que leva o sonoro nome de liñas temáticas.
Arrancamos.

24/6/08

As Médulas - Arde Lucus. Hai partida!

Despois das crónicas de Luis e Ana, isto é o que teño que engadir...


18/6/08

Internet en el Aula - Santander

Acaba de saír o programa do congreso na súa modalidade presencial, onde foron admitidas as 3 ponencias que presentei xunto con vario@s  centaur@s. 
Trátase dunha comunicación sobre a experiencia dos "2000 anos por correo", outra sobre o "Proxecto Chiron" e unha terceira sobre "Aulas virtuais: deseño de un curso de latín", onde expoño o meu traballo coa plataforma moodle.
Será en Santander o sábado 28 de xuño de 10 a 11 horas, na sesión S28A2, e espero que o doctus magister e o artifex Dedàl estean conmigo no rostra de Santander.

18/4/08

ITER SAGUNTINUM





Ryanair, as turbulencias da meseta, Ana e Conxa, a Valentia romana, o museo da prehistoria, na casa de Ariadna en Pompeia, voda na Lonxa, a incrible historia dun francés de oído fino, barbari ad portas , jou to the bed (ou o nacemento do galenglish, pero con gheada), L`Almoina, o Almudín (pechado), mujeresí, o tranvía á Malvarrosa, o arroz da Malvarrosa, 31 cafés, o porto deportivo, veles e vents, a horchata en almoraia, Sagùnt, escribindo rustica romana con Salva, formando unha familia (romana), Ana polivalente, Hermes nas ondas, zancos, mulsum et moretum, deconstruíndo un arco romano, Plauto de novo, risas e música, cociñando con Charo, maquillaxe e cremas con Conxa, Figueres, Almendralejo, Benicàssim, pater et magister noster, Arde Lucus, Popilia Rectina na igrexa, jou to the cástel, jou shopping, de océano en océano, na cidade das ciencias unha vez máis Dylan "everything is broken", amunt Valencia!
pd: non nos esquecemos do penalti de Djuckic!

10/4/08

VAMOS, QUE NOS VAMOS!!


48 horas máis ou menos, iso é o que falta para que despegue o voo de Ryanair que nos levará a terras levantinas, seguindo a rota que nos propón este ano o noso proxecto dos "Dos mil años por correo". Alí nos esperan xa Ana e Conxa, e ata alí desprazaranse tamén o noso pater e o noso magister, dende a Lusitania e a Tarraconensis respectivamente.

Agárdanos un programa moi apretado, con visitas ao xacemento de L´Almoina e ao centro de Valentia, con paseo en tranvía ata a Malvarrosa incluído, seguindo os pasos do gran Vicent (Conxa dixit...), exposición de Pompeia no museo da Prehistoria, cidade das ciencias, etc.

E Sagùnt. Centro neurálxico de toda esta "movida" clásica, de proteica natureza, que ou ben nos aparece agrupada baixo a forma dunha web, unha asesoría divina (que luxo, aquí sería impensable unha sección do Cefore dedicada ás clásicas), unha asociación de teatro, un seminario, unha revista, ou ben disgrégase e forma, máis que un planeta, unha galaxia de bitácoras clásicas.

Aprenderemos escritura antiga da man de Salva Muñoz, regresaremos á antiga Grecia e Roma vestidos como os antigos no taller de indumentaria grega e romana, comeremos segundo as antigas receitas no taller de re coquinaria, dirixido por Charo Marco, e iluminaremos as nosas facianas xuvenís coas pocións máxicas que nos deparará o taller de cosmética, balnea et unguenta.

Tamén agarda Plauto, da man do grupo gaditano "Balbo", que nos vai ofrecer unha representación de "El Persa" no marco do restaurado Theatrum saguntinum, ultimamente en boca de todos pola tristemente célebre sentencia do tribunal supremo.

Pero antes da nosa partida teño que resaltar o gran traballo realizado polos alumnos de 1º de bacharelato no blog dos dous mil anos, coas súas entradas sobre a visita que realizamos hai un mes á cidade de Lucus Augusti. Tamén os de 2º están a piques de rematar a súa contribución sobre a romanización da Gallaecia para a wiki do proxecto.

E a tranquilidade que da saber que contamos coa protección do mesmo Hermes para a nosa viaxe.

28/1/08

O IMPOSIBLE RESCATE DUNHA RUÍNA

Despois de ler o artigo publicado no diario El País na edición do pasado domingo e escoitar as razóns dos arquitectos que levaron a cabo a reconstrucción do teatro de Sagùnt, un xa non está tan seguro da súa opinión anterior, que calificaba esta reconstrucción de desacertada (o certo foi que cando visitei Sagùnt hai anos sorprendeume o agresivo da intervención).
Agora sei por exemplo que se se levase a cabo a orde do tribunal o teatro volvería efectivamente a ser outra vez unha ruína, ¡pero unha ruína inventada, xa que o estado anterior procedía de varias reconstruccións efectuadas nos anos setenta!
E ademais, como apunta o arquitecto Portaceli, "si se pierde el teatro de Sagunto, ¿que se gana¿ Guste o no guste es una infraestructura que ha cambiado Sagunto".
E deste afirmación poden dar fe todos os colectivos culturais ligados ao recinto, e os miles de persoas que enchen a súa cavea ano tras ano. Uns deles nós, que visitaremos Sagùnt no mes de abril, representación teatral incluída (esperemos...) no marco no noso proxecto dos "Dos mil años por correo".
Pode ser interesante facer chegar esta problemática aos nosos alumnos. Para facilitar esa labor podedes descargar a reportaxe en formato *.pdf dende aquí.

10/12/07

A GRAN HISTORIA DE GALICIA

Este é o título da colección que está saíndo coa Voz de Galicia nas súas edicións do martes e o xoves.
A Galicia romana foi protagonista en dous volumes, o primeiro dedicado á conquista, ocupación do territorio e cultura material, e o segundo que trata da economía, sociedade, relixión e arte.
Os textos van firmados por José Manuel Caamaño Gesto, profesor titular de Arqueoloxía da USC, e contan con abundantes ilustracións a todo color que inclúen restos arqueolóxicos, mapas, reproduccións de edicións antigas de autores romanos, etc.
En resumen, uns textos que nos poderán ser de moita axuda neste proxecto dos dous mil anos por correo. Se ir máis lonxe, na páxina 98 do volumen II, temos unha magnífica reproducción da Tabula de Castromao, onde aparece o noso protagonista, Antonivs Aqvilus Novagvstanus. Podedes atopar un extracto en *.pdf do capítulo referido á conquista militar, na sección de civilización latina da wiki de recursos de Chiron.

28/11/07

DOS MIL AÑOS POR CORREO


Este é o título do traballo que acaba de ser seleccionado polo MEC, dentro da súa convocatoria de axudas para o establecemento de "Agrupaciones de centros educativos para la realización y puesta en marcha de proyectos comunes" (BOE 6 de junio de 2007), dotado con 7.000 euros e cunha duración de dous anos.
Nesta aventura que hoxe iniciamos estamos presentes os seguintes centros:
E detrás destes nomes, Carlos, Ana, Luis e o que firma estas liñas.
Serán dous anos de traballo en común, entre nós e cos nosos alumnos. Estudiaremos a pegada da romanización en Hispania dende a óptica de catro personaxes representativos dos variados aspectos da civilización romana.
Popilia Rectina, Zosimvs, Lucius Minicivs Natalis e Antonivs Aqvilvs Novagvstanus, abrirán para nós o veo que cobre o pasado e con eles viaxaremos 2.000 anos atrás para saber máis da época en que viviron e poder compartir eses coñecementos entre todos os participantes do proxecto. Nace así "Dos Mil Años Por Correo", e a modo de papyrus, calamus e atramentum, xa está en funcionamento un novo blog, unha nova wiki e unha nova aula virtual, as nosas ferramentas do século XXI.
A edición local de Deza-Tabeirós da Voz de Galicia recolle hoxe a noticia na súa edición dixital.
Podes consultar o proxecto enteiro dende aquí.