Mostrando entradas con la etiqueta Ciug. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Ciug. Mostrar todas las entradas

30/11/10

En perigo de extinción

Esta vez o perigo asexa ao mundo universitario. A Consellería estipulou un prazo de tres anos para que as carreiras con menos de 25 alumnos incrementen a matrícula. En caso contrario desaparecerán. O caso, sen ir máis lonxe, de Filoloxía Clásica. Así aparecía publicado este domingo na Opinión de Coruña. Iso si, neste prazo os nosos colegas universitarios poden artellar os medios que consideren oportunos para incrementar matrícula. Promoción, publicidade, renovación, actividades, esforzo por captar alumnos... Sóavos de algo? Benvid@s ao clube.

Por outra banda saiu publicada tamén na páxina da CIUG a nova lista de ponderacións das materias da fase específica para o curso 2011/2012. Tralas xestións realizadas no seu día por SEECGalicia, temos que dicir que a situación mellorou substancialmente, sobre todo no caso do latín. O grego non sae tan ben parado (puntúa 0,1 en Historia, Historia da Arte, Información e Documentación, e Ciencia Política e da Administración, por 0,2 do latín). No caso de Xornalismo, para desgraza dos meus alumnos e malia o noso traballo dos latinismos na prensa, quedan ambas materias cun exiguo 0,1.

pd: que ocorrrerá se os plans de promoción na Universidade non teñen éxito? Quedarán os nosos colegas relevados de docencia e entregados exclusivamente aos misterios do xenitivo en Horacio ou o aoristo sigmático en Xenofonte? Terán que exercer tamén de profesores de alterne, con clases de Lingua Española, Fonética xeral ou Atención Educativa?

25/9/10

Latín: exame de Selectividade de setembro 2010

Este foi o exame oficial na Comunidade de Galicia nas probas das PAAU de setembro 2010.
Un exame, como o de xuño, que se axusta ao programa enviado polo coordinador. Textos moi asequibles, sobre todo o de Eutropio. O nivel xusto, creo eu, para un alumno de 2º de Bacharelato. 
O texto de Fedro, como pasa case sempre ao quedar cortada a fábula, non se entende demasiado ben. O alumno, logo de traducir o texto latino, se antes non leu a fábula en tradución, pode quedar con moitas dúbidas sobre o verdadeiro significado desta fábula (con ese pauciño do final...), que Esopo creou para ilustrar a situación de descontento en Atenas coa chegada da dictadura de Pisístrato. Deberemos polo tanto recomendar ler as fábulas completas de Fedro previamente, para ter así unha idea de tódalas historias alí contadas.

16/1/10

Ponderacións para a Selectividade de 2010

Dog normas Selectividade 2010
Este luns sairon publicadas no DOG as normas que regulan a Selectividade deste ano 2010, onde están incluídas as famosas ponderacións, o que nos levaría a engadir un sexto punto á listaxe das máis sonadas chapuzas educativas (deixando para o sétimo o famoso novo decreto do plurilingüismo, do que falaremos a próxima semana).

A Ciug tomou como punto de partida uns criterios baseados na lexislación anterior (materias vinculadas e non vinculadas ás vías), e que levaron a disparates tales como os que detallamos máis abaixo.

Xa falamos aquí a principios de curso das accións levadas a cabo por SEECGalicia para intentar atallar esta desfeita, pero desgrazadamente non hai nada que facer ata o ano que vén.

E seguindo a vella máxima dos "Facta, non verba", pasamos a describir algunhas das consecuencias desta auténtica chapuza:

  1. Para facer Filoloxía Clásica contará máis ter cursado Historia da Arte (0,2) que Grego (0,1)
  2. Para Filosofía é mellor cursar Matemáticas, Bioloxía, Física ou Química (0,2) que Grego.
  3. Para o novo grao de Humanidades o mesmo que no punto anterior.
  4. Para obter o grao en Tradución e Interpretación, tamén contarán máis que o Grego as materias citadas anteriormente. Ou o Debuxo artístico, que tamén conta 0,2 polo 0,1 do grego. O que vén a dicir que se temos algún problema cunha lingua estranxeira, sempre podemos facer un debuxiño...
  5. E por último, algo que cambiou con respecto á documentación enviada pola Ciug anteriormente. Na carreira de Dereito as asignaturas que máis peso teñen (0,2) son, naturalmente, Bioloxía e Física, por diante lo latín (0,1).
Que un dos principais legados da Civilización latina sexa precisamente o Dereito, e que inmumerables térmos xurídicos de uso cotiá se manteñan vivos en latín non lles debeu parecer suficiente aos "sabios" encargados desta normativa.

pd: agora que o penso a terminoloxía científica internacional para a Bioloxía tamén está en latín, e en latín escribiron moitos dos máis afamados Físicos...



6/11/06

Novidades na CIUG e nas PAU de latín

Polo que parece temos novo director do grupo de traballo de latín, onde J.López Pereira vai substituír ao actual. Os textos latinos seguirán sendo Eutropio e Fedro. O programa de literatura cinguirase a catro xéneros e catro autores: Historiografía (Livio), Oratoria (Cicerón), Épica (Virxilio) e Lírica (Horacio). Dentro das cuestións complementarias anúnciase unha selección reducida de latinismos (200) e topónimos (100), preguntas sobre formación de palabras (composición e derivación), mitoloxía clásica e pegadas da romanización na Gallaecia. Así o exame quedará como segue: un único tipo de exame con dous textos opcionais (prosa e verso); traducción, 6 p; cuestión gramatical, 1p; cuestión de literatura, 1,5; cuestións de complementos culturais, 1,5 (dúas a elixir entre 8)