Mostrando entradas con la etiqueta abalar. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta abalar. Mostrar todas las entradas

21/12/10

Libros dixitais. Saturnalia. O mundo ao revés.

Moven ficha as editoriais de libros de texto. Comezou en Cataluña pero dentro de pouco terémola tamén no resto do Estado, a implantación dos chamados "libros dixitais" é xa un feito. Moitos millóns de euros en xogo. O alumno terá que pagar una licenza duns 30€ ao ano para acceder a este tipo de publicacións. Cambia o formato, pero segue o negocio, segundo lemos neste artigo do País. 

De cambio metodolóxico fálase máis ben pouco. E de formación do profesorado aínda menos. Aquí na Gallaecia, a xente está desbordada coa implantación do plan Abalar. O de sempre: o carro antes dos bois. As máquinas antes que a formación. Os aparellos chegaron aos centros aos tres meses de empezar o curso, as instalacións wifi están sen acabar e o plan de formación dos profesores remata en maio! Así  as cousas, podemos atopar na prensa novas coma esta, que describe a situación da comarca do Barbanza.

Como na música, e ben o sabe a SGAE, o conto cambiou moito nos últimos anos. Hoxe os medios e as ferramentas a disposición do profesorado son outras. Estamos conectados, formamos grupos, redes, intercambiamos materiais e experiencias, lanzamos novas ideas e propostas ao amparo do brazo protector do Centauro.

Velaquí un exemplo que desbota a idea de que o profesorado non pode, está desbordado ou superado para xerar e publicar contidos en formato dixital. Quizais non podía antes, non había medios, estábamos illados e era moito traballo para unha soa persoa. Pero agora somos moitos. Temos a formación, as ferramentas e a rede.

E os profesores de Clásicas temos a Chiron.

Tomando como base as excelentes entradas realizadas por Amparo Moreno no seu Hortus Hesperidum e Xosé Manuel Otero no Olmo dos falsos soños  nace este documento sobre as antigas Saturnalia. Con imaxes e hipertexto, mellorando as capacidades do libro tradicional. Pero de libre distribución, creado ao amparo das licenzas CC., gratuito e a disposición de todos.

Quizais xa chegou o día no que moitas editoriais van ter que ler primeiro o material que temos publicado na rede para confeccionar os seus modernos "Libros Dixitais". Temos vantaxe. Ao fin e ao cabo levamos anos facéndoo. O mundo ao revés. Deberíamos tocarnos co pilleus como símbolo da nosa liberación, sen dúbida máis duradeira que nas antigas festas.

Pero como na música, coa información e os medios agora ao alcance de todos, o mellor profesor seguirá sendo aquel que máis brille nos seus "directos".