Mostrando entradas con la etiqueta romanización. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta romanización. Mostrar todas las entradas

20/10/11

Cliphistoria

Hoxe queremos presentar aquí o excepcional traballo dun colega, Manuel González, profesor de historia no IES Concepción Arenal de Ferrol e responsable de Cliphistoria, un canal de YouTube (100.000 visitas!) que conta con máis de 1.000 fragmentos  extraídos de preto de 400 películas e documentais, dende a Prehistoria ata o 18 de xullo de 1936, data que o autor se puxo como límite. 50 películas o separan de conseguir ese obxectivo.
"Trátase de parcelar a Historia de España, de América, e o que existe de Galicia, a través de pequenos clips, para que os alumnos vaian descubrindo como era cada época", explicaba nunha entrevista concedida ao diario El País o pasado agosto.

Manuel non é un recén chegado ao mundo da imaxe, como testemuña o seu paso pola Axencia Audiovisual Galega, promotora, entre outros moitos proxectos, da creación de Flocos TV, peza angular do audiovisual galego, que recollía tanto a nova produción como materiais históricos, e que co último cambio de goberno pasou a mellor vida: "esta web xa non está operativa", pode lerse, a modo de esquela, neste enderezo (estou seguro que coa metade do que custaron as baldosas que adornan o aparcadoiro da Cidade da Cultura podería manterse a web durante 10 anos máis).

O mundo clásico tamén está presente no canal. Temos unha lista de reprodución dedicada á historia de Galicia, onde podemos atopar, entre outros, clips sobre a vida castrexa, Lucus Augusti, Aquis Querquennis, a construción da Ponte Bibei, Gallaecia contra Roma ou o ouro do val do Sil. Pero hai máis: os gregos descobren Iberia, Aníbal sae de Hispania, Roma invade a península ibérica, etc.

Manuel falará con nós de todo isto e máis na charla que abrirá o curso Chiron en Compostela 2011, o vindeiro venres 25 de novembro ás 16:30 horas, no IES Xelmírez I de Santiago (Campus universitario), nunha actividade organizada por SEECGalicia.

Deixamos aquí este vídeo de mostra. Pertence á película "Oro per i Cesari", de André Roth (1963)

(...) O clip ilustra o proceso final da construcción dunha ponte romana idéntica na forma e situación a magnífica ponte do Bibei (Poboa de Trives, Ourense). A ponte do Bibei é un fito senlleiro da enxenería da Hispania romana; obra mestra e peza fundamental da Vía XVIII (Vía Nova) entre Braga e Astorga, aínda hoxe está en uso sen ningún tipo de restauración, 2000 anos despois de seren construida (...)

28/6/09

A Torre de Hércules, patrimonio da humanidade.


A torre de Hércules convertiuse en Patrimonio da Humanidade o pasado sábado 27 de xunho de 2009.
Así o decidiu o comité do patrimonio mundial da UNESCO reunido en Sevilla.
É o cuarto monumento galego en gozar desta distinción, logo da catedral de Santiago (1985), o camiño (1993) e a muralla de Lugo (2000), o único faro romano en activo do mundo, construído por Caio Servio Lupo no II d.C.
Aquí tedes unha guía das diferentes reseñas aparecidas na prensa:


6/5/09

Flocos TV: o cineclube do audivisual galego

Non acostumo facer unha entrada para recomendar un vídeo. Para iso está a galería de Chiron.
Pero hoxe é un caso especial. Un alumno de 2º de bacharelato acaba de deixarme unha mensaxe na Aula Virtual onde, ademais de lamentar os seus erros no exame de tradución de hoxe, recoméndame esta web onde podemos atopar dous vídeos moi recomendables sobre a romanización da Gallaecia: un sobre a Via Nova (e o campamento de Aquis Querquennis) e outro sobre o castro de Viladonga, ámbolos dous dirixidos por Ignacio de la Cierva. Unha mágoa os erros de visión no primeiro. Grazas Plácido!

16/3/09

Web do Patrimonio Cultural de Galicia


A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura e Deporte, acaba de presentar un atractivo web enteiramente dedicado ao patrimonio cultural de Galicia.

Destacamos estas 5 completas fichas que nos falan do noso pasado romano:

Campamento romano e mansión viaria de Aquis Querquennis
Monumento de Santa Eulalia de Bóveda
Muralla romana de Lugo
Torre de Hércules
Xacemento romano de Cambre

* Imaxe do campamento romano de Aquis Querquennis (Ourense)

16/1/09

Exposición "A Vía da Prata" en Santiago

O vindeiro mércores 21 de xaneiro, os alumnos "latinos" e "musicais" do MGB, tras asisitir a un concerto didáctico da Real Filharmonía de Galicia (Haydn, Sinfonía nº 82 en Do maior “O oso”) no Auditorio de Galicia visitaremos a exposición "A Vía da Prata: unha calzada e mil camiños", que dende o 11 de decembro e ata o 25 de xaneiro ocupa as dependencias do Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela.
Alí ampliaremos os nosos coñecementos sobre o sistema viario romano, as técnicas de construción e financiamento, a calzada como eixo fundamental nas comunicacións, o itinerario da via da Prata e outras vías que a continuaban, a súa orixe e historia posterior .
Paisaxes, historia, cultura, economía, camiño. Unha boa oportunidade de ver pezas orixinais, miliarios, fotografías e montaxes audiovisuais sobre estas "mil caras" desta rota única.


Podedes descargar a guía da exposición en formato *.pdf.

17/9/08

Os Tonechos na "Gallaecia"

Tonecho A: pero hai algho máis típico ghalegho  que unha lavadora tirada no monte?
Tonecho B: un somier.
*Extraído dun dos seus sketches.
E cando non encargamos a unha máquina que leve por diante o antigo trazado da Via Nova, inventamos curiosas maneiras de facer o recheo para pistas forestais, como podemos ler na edición dixital da Voz de Galicia, malia que algúns desaprensivos se empeñan en perder estas vellas tradicións que dan carácter ao noso pobo, contratando arqueólogos que paralizan as obras ao atopar 4 fornos romanos nos traballos realizados no porto seco de Vigo (un deles é o que aparece na fotografía).

28/2/08

REUNIÓN CO COORDINADOR DAS PAAU 2008

Onte celebrouse en Santiago a reunión dos profesores de latín co coordinador das PAAU 2008, Eduardo López Pereira. A xuntanza tivo tres bloques ben diferenciados.
No primeiro, o coordinador fixo un repaso dos cambios producidos no modelo de proba dende o ano pasado, ano onde comezou a desempeñar o seu cargo: igualdade no valor dos textos de prosa e verso, acotación dos temas de literatura aos catro actuais e a modificación do tipo de pregunta dos latinismos e topónimos. Conclúe cuns datos estatísticos que amosan unha mellora nos resultados das probas, que se traducirían nuns 140 alumnos máis aprobados.
No segundo bloque fixo a presentación do seu renovado grupo de traballo, falando das baixas e as altas que se produciron. Causa sorpresa saber que Díaz de Bustamante, responsable do período anterior, segue a desempeñar o cargo de Vicepresidente no Grupo, ignoramos con que cometido, xa que se por algo se caracterizou o mandato de López Pereira foi precisamente por un cambio radical con respecto ao anterior, cambio ao que o actual coordinador non deixa de aludir constantemente, o que supón un rotundo xuízo de valor respecto ao traballo desenvolvido polo seu propio vicepresidente, xuízo co que coincidimos plenamente.
Cóntanos tamén que debe entregar o modelo de exame para 2008 antes do 7 de marzo, e que o motivo da reunión responde tamén a coñecer a nosa opinión respecto ao modelo enviado aos centros.
A continuación promete que no texto de verso non haberá en ningún caso máis de 5 versos, que seguirá tal e como ata agora a cuestión gramatical e que se vai ofrecer na pregunta de Literatura Latina unha dobre opción. Neste punto producíronse varias intervencións a conta da ambigüidade no enunciado da pregunta sobre os "Tipos de Retórica" incluída no modelo enviado aos centros, ao que responde que estas preguntas non serán tan concretas e ambiguas como esta, senón que buscarán unha formulación máis ampla. Tamén responde que el non foi o que fixo as probas, senón os membros do seu grupo de traballo. Falta entón coordinación? Non debería o coordinador supervisar ese modelo antes de ser enviado aos centros?
No terceiro bloque falamos xa das novidades para as probas das PAAU 2009.
  • Confírmase xa a substitución da cuestión sobre a Romanización pola lectura dunha obra clásica, ben sexa orixinal, refundida ou simplemente de tema clásico.
  • Con respecto á lista de topónimos vai ser unha lista de toponimia Maior, que só incluirá toponimia latina, e que se verá reducida no número de termos.
  • A lista de aforismos tamén pasará de os 200 actuais a 150, para que queden uns 50 por trimestre.
  • No apartado de Literatura vaise incluír un novo tema, Plauto e o Teatro Latino.
O terceiro bloque estivo dedicado a escoitar as nosas propostas e comentarios sobre o modelo de exame.
Os membros do grupo de traballo foron preguntados polos criterios que os levaron a elixir a lista de aforismos e por que nesa lista había unha cantidade excesiva de aforismos relacionados coa relixión. Contestou José Feáns dicindo que non había ningún criterio para elixilos, que unicamente se consultaban os manuais escolares. Tampouco parece haber un criterio definido na lista de toponimia.
Pregúntase tamén polos correctores das probas de latín e respóndese que os correctores son os mesmos integrantes do grupo de traballo, aos que se lles pide que sexan máis "benévolos" na súa labor.
Na miña opinión considero que estamos no bo camiño e que afortunadamente a situación anterior xa só é un recordo do pasado, malia que un mal recordo.
O cambio era necesario, apremiante, non só nas modificacións producidas no modelo de probas, senón na relación co profesorado. Saudamos dende aquí a convocatoria destas reunións, que brillaban pola súa ausencia no período anterior.
Vemos moi positiva a inclusión de Plauto nos temas de Literatura, que supón ademais unha debida resposta ás peticións dos profesores, feitas xa o ano pasado nestas mesmas reunións. Dende logo ten o complemento ideal no Festival de Teatro de Lugo organizado por SEECGalicia. Literatura viva.
Tamén me parece oportuno a inclusión dunha obra de lectura, cuestión que xa escoitáramos tamén na reunión do ano pasado. Eu fixen unha proposta para que esta lectura obrigatoria fose unha selecta dos autores incluídos no temario de Literatura, isto é, unhas páxinas de Livio e de Suetonio, algún fragmento dun discurso de Cicerón ou dalgunha outra obra súa, uns poemas escollidos de Horacio e Catulo, un libro da Eneida e unha obra de Plauto. Considero que a Literatura non se debe explicar sen ler aos autores e que estas lecturas obrigatorias van axudar moito a un mellor aproveitamento didáctico.
Na cuestión da elección de autores para traducción a miña opinión é que Eutropio merece estar aí uns anos máis, polo menos ata que se incorporen os alumnos que cursaron o novo curso de de 4º de ESO, que é cando volveremos ter alumnos con 3 anos de latín. É un autor fácil, cuxa obra abranque todos os períodos da Historia de Roma e a través de cuxos textos podemos comentar dende a fundación da Cidade, pasando pola conquista de Italia ou a romanización de Hispania.
En cambio para min Fedro está esgotado. Non da para máis, os textos se repiten unha e outra vez (mesmo no modelo de exame) e resulta excesivamente difícil para os rapaces. Podemos atopar 3 ou catro versos asequibles, pero é moi difícil para eles traducir unha fábula enteira. Que facer entón? Non parece fácil atopar un substituto, non estamos aínda preparados para Ovidio, polo que eu proporía limitar a opción exclusivamente a textos de prosa ata o curso 2010/20011, que é cando teremos xa aos antigos alumnos con 3 anos de estudio ás súas costas.
Tamén falei da cuestións dos topónimos. O exercicio, tal e como agora está plantexado, é un exercicio inútil, calquera o pode facer, mesmo se non é alumno de latín. Paréceme tamén que a toponimia cobra unha importancia excesiva nesta proba. Propuxen outro modelo de exercicio, basado na evolución fonética e semántica dos étimos latinos ao galego e castelán. Máis adiante farei unha exposición máis detallada desta idea e fareilla chegar ao coordinador, xa que en varias ocasións mostrou a súa disposición favorable a recibir propostas do profesorado.
Concluír entón que vemos moi positivas estas reunións e máis cando vemos que se atenden as suxerencias do profesorado, como foi o caso do merecido regreso de Plauto e o Teatro Latino.

10/12/07

A GRAN HISTORIA DE GALICIA

Este é o título da colección que está saíndo coa Voz de Galicia nas súas edicións do martes e o xoves.
A Galicia romana foi protagonista en dous volumes, o primeiro dedicado á conquista, ocupación do territorio e cultura material, e o segundo que trata da economía, sociedade, relixión e arte.
Os textos van firmados por José Manuel Caamaño Gesto, profesor titular de Arqueoloxía da USC, e contan con abundantes ilustracións a todo color que inclúen restos arqueolóxicos, mapas, reproduccións de edicións antigas de autores romanos, etc.
En resumen, uns textos que nos poderán ser de moita axuda neste proxecto dos dous mil anos por correo. Se ir máis lonxe, na páxina 98 do volumen II, temos unha magnífica reproducción da Tabula de Castromao, onde aparece o noso protagonista, Antonivs Aqvilus Novagvstanus. Podedes atopar un extracto en *.pdf do capítulo referido á conquista militar, na sección de civilización latina da wiki de recursos de Chiron.

7/11/07

Excursión ás Médulas

O vindeiro luns día 12 de novembro os profesores e alumnos "clásicos" do MGB, ademais doutros invitados que axiña o serán, faremos unha excursión ás Médulas de Carucedo, no marco dun proxecto quironiano do que falaremos máis adiante, cando os deuses do MEC nos sexan propicios...
A saída está fixada para as 8:45 horas e a volta contra as 20:30. Ao chegar alá visitaremos a aula arqueolóxica, unha media hora, e despois faremos a rota guiada que durará máis ou menos hora e media.
Teremos que levar unha mochila para a comida e bebida, e roupa e calzado axeitados para andar polo monte (os "modelitos" quedan para mellor ocasión, que as haberá, xa vereredes...)
Levade tamén cámara fotográfica para deixar inmortalizado este gran evento. Subiremos despois tódalas fotos á rede e crearemos unha nova galería.
Se aínda non a tedes, descargade esta guía didáctica que aparece na web da Fundación las Médulas.

17/10/07

Vias Atlánticas

De moi interesante paso a calificar esta web das Vías Atlánticas.
Nos seus obxectivos figuran a valorización e conservación dos recursos patrimoniais, naturais e lugares de interese arqueolóxico no percorrido das vias XIX e XX, segundo o itinerario de Antonino, que unían Bracara Augusta con Asturica Augusta, nos territorios da Dives Gallaecia...
Hai unha boa colección de fotos, abundante cartografía (con versión para google maps e google earth), rotas senderistas, novas de actualidade...
Seguro que nos vai servir de moita axuda cando empecemos con ese novo proxecto de agrupacións de centros chironianos. Xa se me está ocurrindo facer algunha desas rotas de sendeirismo.
En inglés, castelá, portugués.... pero non en galego!

12/10/07

OUTRO TRABALLO PARA HÉRCULES

Pero desta vez será dos denominados "de despacho", e ademais haberá quen o faga por el. Se prosperan as xestións promovidas polo Estado, a Xunta e o Concello da Coruña, alá polo 2009 o faro da antiga Brigantium pasará a formar parte do "Patrimonio da Humanidade", distinción da que xa gozan o casco histórico de Santiago e a muralla de Lucus Augusti.
Máis información na Voz de Galicia e na edición de Galicia do País.
A fotografía é de José E. Moris Sánchez, e forma parte dun álbum que os propios internautas crearon na edición dixital da Voz.

26/9/07

DANOS COLATERAIS NA VIA XVIII (VIA NOVA)

Tal e como publica A voz de Galicia na súa edición de hoxe, o tramo mellor conservado da Via XVIII segundo o Itinerario de Antonino, máis coñecida como Via Nova, que partía de Bracara Augusta (Braga) con destino a Asturica Augusta (Astorga), internándose polas terras de Valdeorras, foi vítima das máquinas que abriron unha pista de poco máis dun kilómetro entre dous pobos do concello ourensán de Bande.
Pero a cousa ten delito, xa que resulta que tal pista non era necesaria, alomenos con ese trazado, e ademais pasaba unha carreteira e outra pista ao lado.
Non só iso, senón que a que era alcaldesa cando se fixeron as obras, ¡pide agora a declaración da via Nova como patrimonio da Humanidade!
Sorpresa a que se debeu levar o arqueólogo que preparaba unha excursión á zona por mor dun congreso no mes de outubro sobre as excavacións no campamento romano próximo de Aquis Querquennis.
Descarga esta noticia en versión *.pdf

11/6/07

Ardeu Lucus



- Señora, ¿por onde se vai a Roma?
- Meu fillo, pois non che sei, non che son de aquí, veño dunha aldea de Friol... (La voz de Galicia)

- ¿viras algunha vez un senador romano fumando?
- Pois non, a verdade ...
(achégase o senador, e di moi serio:)
- E que os romanos fumaban moito . . . (enviado especial Dives Gallaecia)
Son algunhas das conversas que puideron oirse este de fin de semana na cidade das murallas. Semella que nun vago rincón da memoria agóchase o recordo dun pasado romano e castrexo, e a xente de Lugo saíu ás rúas a demostralo. Nenos e maiores vestidos de soldados, patricios ou senadores, damas lucindo as súas stolas sen renunciar aos tacóns, bandas de guerreras galaicas dispostas a todo, druidas, escravos, gladiadores, togas praetextas, xefes castrexos, bigas, falcóns pousados no ombreiro do seu amo, zancos, lume, queimada . . .
Podedes ler as crónicas de prensa da Voz de Galicia neste dossier.

29/5/07

Arde Lucus

Do 8 ao 10 de xuño celébrase en Lugo unha nova edición do "Arde Lucus", unha recreación histórica do mundo romano, na liña de Tarraco Viva, que ofrece ao visitante a posibilidade de facer compras de productos artesáns no seu macellum, practicar o tiro con arco, asistir á instrucción militar do campamento, participar nun obradoiro de elaboración de armas antigas ou de traxes romanos, ver desfilar unha biga polas rúas de Lucus Augusti, asistir á batalla final entre celtas e romanos ou mesmo participar nunha bacanal!!

26/5/07

A arqueogastronomía de KuanUm



Navegando polo proceloso mar dos planetas de Chiron, vin a dar coa xente de KuanUm, un peculiar equipo de arqueogastrónomos, que o pasado mes de xaneiro ofreceron unha degustación do mulsum e o defrutum romanos, nunha exposición sobre o castro de Elviña que tivo lugar na Coruña, tal e como recolle a Voz de Galicia na súa edición dixital.

Neste artigo, do que fixen unha edición en *pdf incluíndo as imaxes aparecidas no suplemento dominical do periódico e unhas cuestións para os alumnos, podemos descubrir o que se comía na antiga Gallaecia, tomando como base os restos arqueolóxicos, así como aventurarnos na elaboración dalgunha receita romana.

30/4/07

A vida cotiá na Galicia romana

Este é o título do libro de Ana María Suárez Piñeiro, publicado en Ed. Lóstrego, Verín-Santiago, 2006.
Segundo nos conta Xavier Lombardero nunha reportaxe publicada na Edición Dixital da Voz De Galicia do 27/04/07, a vida cotiá dos galegos de hoxe en día débelle moito ao mundo romano.
Tomando como exemplo a cidade de Lucus Augusti, a autora fai un repaso dos centros termais da Galicia romana, recorda as ocupacións favoritas do ocio (caza, xadrez romano, dados, tres en raia), costumes de aseo persoal, cambios na dieta (industria do salazón, introducción do viño, etc.)
Fala tamén da hipótese do Teatro e Anfiteatro de Lugo, aínda non confirmada pola arqueoloxía.
O que sí parece confirmado é a importancia de Lugo e a súa muralla, e resalta que o seu fundador, Paulo Fabio Máximo, aínda non teña unha rúa que leve o seu nome.
Podedes descargar este artigo de prensa en formato *.pdf picando aquí.

13/11/06

Aparece un novo miliario en Pontevedra


Segundo puidemos ler na Voz de Galicia do pasado 9 de novembro, os arqueólogos que traballan na escavación do Burgo lograron extraer un segundo miliario romano aínda sen datar, logo do aparecido en 1988, datado na época de Adriano, no ano 134 da nosa era. Se queres máis información podes baixar o arquivo completo desta nova en *.pdf e outros documentos sobre a romanización pulsando aquí.