Mostrando entradas con la etiqueta banda deseñada. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta banda deseñada. Mostrar todas las entradas

15/9/13

Thermae Romae, un manga "Clásico"

Thermae Romae é o título desta especie de Manga Clásico (ábrese ao revés e lese de dereita a esquerda) que nos presenta a mangaka xaponesa Mari Yamazaki. Velaquí o argumento:

Lucius Modestus, un arquitecto da Roma Clásica, perdeu a inspiración e non sabe como saír do paso. Acode ás termas esperando recibir a visita das musas, pero no seu lugar atopa un portal espazo-temporal que o vai transportar a uns baños públicos xaponeses. Sempre adaptable, Lucius aproveita a inspiración recollida nestas viaxes para revolucionar a vida romana e conseguir o favor do emperador".

Ambientada na época do emperador Adriano (s. II d.C.) e, grazas ao mencionado portal espazo-temporal, tamén no Xapón actual, este entretido Libellus nos permite imaxinar a sorpresa e admiración dun emprendedor arquitecto e deseñador romano ante un material descoñecido e versátil como o plástico, un batido de froitas ou o sistema de apertura dunha lata de refresco, novidades todas que intentará, con maior ou menor éxito, replicar na súa Roma natal.

Cun texto salpicado de latinismos en todos os capítulos (ás veces un tanto forzados, todo hai que dicilo), Thermae Romae pode servirnos tamén para iniciarnos na cultura xaponesa dos baños. A isto axudan os textos que acompaña a autora entre capítulo e capítulo, onde nos conta as súas experiencias nos baños de diferentes países, nos informa de como sería a vida cotiá dun romano ou nos compara as semellanzas e diferencias entre o ritual romano e o xaponés.

Ademais da reseña da web DeCulture.es, nesta completísima entrada da Wikipedia poderedes encontrar toda a información necesaria sobre este curioso cómic, que tivo unha adaptación cinematográfica no 2012 e anuncia unha segunda parte para 2014.


E podemos darnos unha volta tamén pola  súa propia páxina web, iso si, en xaponés!

* aínda que as imaxes teñen o texto en inglés o manga está publicado en castelán por Norma Editorial

20/12/10

Polo Imperio (a honra, as mulleres...)

Diario do capitán Glorim Cortis, capitán de escadra.
Terceiro día de asedio dunha batalla que imos gañar. Unha batalla máis. Unha victoria máis.
Ningún pobo, ningún exército coñecido é xa capaz de plantarnos cara.
Avanzamos coma a auga, rompendo presas, filtrándose nas adegas e nos sotos.
O Imperio fíxose tan poderoso que a soa idea de manter un asedio faise insoportable.
Avanzamos.
A nosa escuadra é un diamante en bruto en medio desta potencia desatada.
Os meus homes son os meus ollos, os meus nervios, o meu ventre, e eu son o que son os meus homes.
Avanzamos.
Os meus homes desexan o que eu quero, e eu quero o que desexa o Imperio.
Avanzamos.
Polas mulleres, polo ouro, pola gloria.
Cubrimos a terra con sangue inimigo.
Avanzamos.
Polo Imperio.

Así comeza "Por el Imperio" I. El Honor, de Merwan Chabane (guión) e Bastien Vivès (debuxos), editado por Diábolo Ediciones, que ten a súa continuación en "Por el Imperio" II. Las mujeres, de recente aparición. A serie completarase cunha entrega máis, "Por el Imperio" III. La Fortuna", editada xa en francés pero aínda non en castelán.

Nunha época indeterminada, a tensión apoderase do lector dende a primeira viñeta. O tenebrismo da atmósfera, a inquedanza que nos provoca ese debuxo de trazos expresionistas, de cores tan semellantes á cerámica romana, de ceos negros ameazantes, fan desta obra unha lectura ideal para estas datas que ameazan un ano máis o noso descanso invernal. A guerra, a ambizón, a conquista, a violencia, o derramamento de sangue, contrapunto de tanto azucre, compras e boas intencións coas que se adornan as Saturnalia do século XXI.

Merquei estes dous volumes para a Biblioteca do MGB, e sen dúbida pasarán a engrosar a mítica listaxe de Cómics censurados que posúe o Departamento de Latín (gárdanse nun cuartucho especial, a salvo das lúbricas miradas dos alumnos dos primeiros cursos da ESO). Que fermoso exemplo para ilustrar a pervivencia das institucións republicanas! (e que gran publicidade para espertar a curiosidade dos futuros lectores!)

En calquera caso a min paréceme un complemento estupendo para ilustrar o tema do exército, do que hai pouco realicei un traballo en eXeLearning con cuestionario Moodle incorporado, que podedes descargar dende a wiki de Chiron, tanto no formato propio do programa *.elp como en *.zip (páxina web).

Podedes ler outra reseña da obra en "Cárcel de Papel".

E por último,  un vídeo a modo de Trailer.

27/4/10

Las Águilas de Roma (volumes I-II)

Baixo este suxerente título, coa pluma de Enrico Marini, e publicado por Norma Editorial, agóchase unha historia ambientada na Roma de Augusto, no ano 9 a.C., que trata sobre a amizade e aventuras de dous mozos, un fillo dun militar romano de alto rango e un refén xermano, fillo dun príncipe, que está a ser educado en Roma.
A educación, a casa romana, a vida no exército, a relixión, a excravitude, a época de Augusto, son algúns dos temas que desfilan polos dous volumes publicados ata o momento (a historia queda en suspenso, así que se espera a continuación). A elaboración dun cuestionario sobre eles que complete a súa lectura podería ser unha boa maneira de sacarlle o máximo partido nas aulas.
Con algúns momentos un pouco subidos de ton, quizais deberíamos pensar que, en comparación do que os nosos alumnos poden atopar na rede, estas escenas poden considerarse ao nivel das aventuras de Marco e Heidi (ou máis ben Mazinguer Z e Afrodita A...)

Cuestionario sobre os textos.

Reseñas na rede:
Ficha editorial: