Mostrando entradas con la etiqueta Dives Gallaecia 2012. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Dives Gallaecia 2012. Mostrar todas las entradas

22/3/14

Xornadas #escolatic

Onte presentei Dives Gallaecia no palacio de Congresos de Santiago, acompañado de Marisa Otero, dentro das xornadas escol@tic, organizadas polo CAFI, a quen agradezo dende aquí a súa invitación.

Despois da vídeo-presentación do proxecto intentei explicar o meu modus operandi cotiá á hora de enfrontarnos como profes ao mar de información que nos rodea. Falei de cómo debe ser a nave que pilota o gubernator, das redes e canas coas que se pode axudar, da pesca final e da súa almacenaxe, etiquetado e envasado posterior.

Tamén dos mariñeiros e das ferramentas colaborativas coas que traballamos en Dives. Da colaboración coa Galipedia e Wikimedia Commons. Do hic et nunc, ou de cómo seguimos sendo romanos hoxe en día, dos Loci, dos Museos, do Aurum.

No turno de preguntas, que foron moitas, intentei responder o mellor que puiden e pido desculpas dende aquí se non souben dar mellor contestación a algunha delas.

Esta foi a miña presentación en formato Prezi

9/2/14

Entrega Premios MEP (sive Semper stabit nobis Complutum)

O venres 7 de febreiro asistín no Caixaforum de Madrid ao acto de Entrega de Premios do IV Concurso de "Buenas Prácticas" organizado pola asociación Mejora Tu Escuela Pública, onde Dives Gallaecia recibiu unha mención de Honor na Modalidade B, Centros de Ensino Secundario.

Na modalidade A, Centros de Educación infantil, Primario, Educación Especial e Aulas específicas de EE, os premios foron para:
  • 1º Premio: El tiempo en nuestras manos - CPEE Peñalara. Collado Villalba (Madrid), onde a idea básica foi xerar experiencias de aprendizaxe e estimulación multisensorial a través de contornas creativas unidos por un centro de interese: as diferentes etapas históricas.
  • 2º premio: Descubriendo Europa en 270 días - CRA “Llanos de Moraña”. San Pedro del Arroyo (Ávila), que busca o fomento da lectura cun plan de traballo diario, descubrindo os distintos países europeos, a través de actuacións conxuntas coas familias e coa creación de materiais innovadores.
-Mencións de honor:
  • Un romance para la historia: Romance de María Manuela - AMPA “Las Eras”. Unidad de Campo del CRA “Toral de Merayo”. Toral de Merayo (León).
  • Dilo en Alto - CP Gervasio Ramos. Langreo (Asturias).
Na modalidade B, Centros de Educación Secundario, Formación profesional, Bacharelato, Centros de Formación de Adultos e Escolas de idiomas:
-Mencións de honor:

Foi un acto que, ao meu parecer, colocou os focos excesivamente sobre os políticos e representantes das institucións que presidían a mesa, esquecendo así aos que deberían ser os verdadeiros protagonistas, os profesores premiados e os seus traballos, que non contaron coa difusión necesaria para que todos puidésemos coñecer in situ o que se fai noutros ámbitos.

Como dixo acertadamente un dos oradores, é un risco moi alto xogar cun dos bens máis prezados polo espectador hoxe en día, a atención. Difícil para o oínte é atender cun mínimo interese á unha serie de tópicos oídos unha e mil veces en actos deste tipo: agradecementos mutuos, presentación e invocación de autoridades (con detalle, unha a unha), felicitacións aos premiados (estas xa en xeral)... Máis difícil aínda semella multiplicar esa atención por seis, pois seis foron as persoas da mesa que tiveron uso da palabra, ademais dos pequenos discursos pronunciados por parte dos premiados.

Pero imposible foi aturar aos políticos que queren ser a noiva no enterro e o defunto no funeral. Se os representantes de Ávila e Asturias aproveitaron o seu turno para presumir de xestión ao ter varios equipos premiados, o cal ata certo punto pode ser comprensible, malia que os profesores a maioría das veces facemos os proxectos non "grazas" ás nosas autoridades educativas, senón "a pesar" delas, o representante da Comunidade de Madrid, Carlos Hispán, que non tiña ningún premiado no podium, acadou os máis altos cumios do cinismo, a sinvergonza e o descrédito da clase que representa. Ao empezar a súa intervención escoitáronse os primeiros asubíos na sala, que foron pronto silenciados pola seguridade privada. A partir de aí, tatexando, con moi pouco aplomo ao falar e sen que viñese a conto, empezou a falar dos logros da súa xestión educativa na comunidade madrileña, poñéndose, no colmo da desvergonza, a el e á súa xestión, como exemplo de educación pública de calidade.

E eu, que recordaba a marea verde (e a branca), que tiña na memoria aos compañeiros madrileños nas rúas, falando de recortes, de sancións, de privilexios á educación privada, non podía menos que revolverme no asento desexando que por favor rematasen xa esas mentiras e insultos á verdadeira Educación Pública.

E se a isto engadimos que a persoa encargada de presentar Dives Gallaecia pronunciou algo así como "Dives Guelecia", e que o orador final aclarou, convencido plenamente, que grazas a proxectos como este podemos aprender a pronunciar.... o galego!!, a verdade e que saín do acto cunha sensación agridoce. Agradecido pola valoración que o xurado fixo do noso traballo, pola repercusión que están tendo estes premios, contento por coñecer a outros compañeiros e ver que as Linguas Clásicas e a súa didáctica están no primeiro plano da actualidade Educativa, pero coa sensación de que o venres, no Caixaforum de Madrid, non estivo representada como debería a verdadeira SCHOLA PUBLICA.

Pero, en fin, sempre nos quedará Madrid, un auténtico paraíso estes días para un "profe clásico". E para demostralo, unha serie de capítula..

  1. Capitulum primum: exposición "Las Furias", museo del Prado.
  2. Capitulum secundo: Hécuba, teatro Español.
  3. Capitulum tertium: exposición "La villa de los Papiros", casa del Lector. Matadero.
  4. Capitulum quartum et postremum: restaurante grego Dionisos. 


20/12/13

Dives Gallaecia, 1º premio innovación educativa

O noso Proxecto sobre a romanización de Galicia, Dives Gallaecia, vén de ser galardoado co 1º premio na convocatoria dos Premios ás boas prácticas de innovación educativa desenvolvidas durante o curso 2012-2013, convocados pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia, na súa modalidade C: uso innovador das tecnoloxías da información e da comunicación que introduzan cambios metodolóxicos,

Dotado con 3.000 euros para o Centro Educativo, o traballo contou coa colaboración dos profesores Marisa Otero e Miguel Bugallo e de varias promocións de alumnos de Latín e grego do IES Manuel García Barros da Estrada. 

A nova foi recollida nos diarios El Correo Gallego, Faro de Vigo e Voz de Galicia (as edicións en papel están recollidas neste Dossier de prensa en pdf)

Como explica na súa web, Dives Gallaecia é...
  • Unha base de datos de material audiovisual, con vídeos en alta definición e imaxes de alta calidade con licenzas CC (17 vídeos e case 700 imaxes) 
  • Unha forma de colaboración coa Galipedia e Wikimedia Commons
  • Un xeito de descubrir, hic et nunc, en que medida aínda somos romanos. 
  • Unha visita virtual aos xacementos arqueolóxicos e museos máis importantes de Galicia. 
  • Unha reflexión sobre a conquista militar romana, a explotación dos recursos, a organización administrativa, as vías de comunicación. 
  • Un punto de encontro para compartir con outros profesores documentación e actividades deseñadas para a plataforma Moodle. 
Esta é a súa vídeo-presentación:
Proxecto Dives Gallaecia from Dives Gallaecia on Vimeo.

É o momento agora dos agradecementos para todos os que fixeron posible esta iniciativa, que tiña como ano previsto de remate o 2012 (de aí o título na web) pero que, afortunadamente, non está rematada e espero que non se remate nunca, senón que poidamos ir engadindo os nosos grans de area ano tras ano, xeración tras xeración.
En primeiro lugar grazas e noraboa aos meus alumnos (3 promocións que pasaron polas aulas do MGB e que foron deixando a súa pegada nas páxinas e vídeos da web), con especial mención aos que neste curso están en 2º de Bacharelato, que comezaron facendo scoop-its de latinismos en 4º da ESO e acabaron por editar entradas na Galipedia.
Grazas tamén aos meus colegas Marisa Otero, polo seu traballo e bos consellos na edición e filmación de vídeo, e a Miguel Bugallo, polas súas incribles fotografías, moitas delas nomeadas imaxes destacadas en Wikimedia Commons, e pola súa axuda nos manuais de uso para a edición na Galipedia.

A Chiron, o meu mestre, quen, como bo e xeneroso centauro, sigue ensinando aos profes de Clásicas a navegar mellor e máis rápido polas procelosas augas da rede. Dúas paradas fixo en Compostela. A primeira no 2008, onde xa un ilustre wikipedista alertaba das vantaxes e satisfaccións que deparan a profes e alumnos os traballos de edición na Wikipedia. A semente medrou e hoxe temos ao Concurso Odisea e ao Festival de teatro grecolatino de Lugo con entradas de seu na Galipedia. A segunda foi en 2011, onde podíamos ler...

6:30 - 20:30 Talleres

SÁBADO 26

Novembro-2011
18:00-19:30
Grupo único: Ludere et Discere (Juan Vte. Santa Isabel)

Grupo único. Como único era Hermes, que tamén deixou na Gallaecia as pegadas do seu fugaz paso entre os mortais. Juanvi, non te esquezemos. Esperamos estar en Sagunt a vindeira primavera para que nos contes como son os deuses nas distancias curtas.

Grazas tamén á xente da Galipedia, especialmente a HombreDHojalata e Elisardojm, pola súa paciencia infinita e oportunas correcións e puntualizacións ás nosas entradas.

Ás sedes que fan posible un ano e outro as sucesivas edicións do Concurso Odisea e o Festival de teatro grecolatino, e, especialmente, á xente de SEECGalicia, directiva e socios.

Pero como non todo van ser luces, aquí van tamén algunhas sombras.

Se ben podemos pensar nunha mellora da situación con respecto ao ano pasado, cando non se convocaron premios de innovación educativa en Galicia, non podemos estar de acordo na dotación dos mesmos. Mentres que nas edicións pasadas había un premio en metálico para recompensar aos profesores, que invisten horas e horas de traballo para sacar adiante os proxectos e mesmo, como foi o noso caso, cartos do seu propio peto, este ano os 3.000 euros son para os Centros. Para nós, as grazas e 20 míseras horas por 3 anos de traballo (as mesmas que se poden conseguir, por exemplo, nun curso de risoterapia organizado por un sindicato). Si, estes mesmos sindicatos que te chaman para un curso e pretenden que des unha docencia pola metade dos honorarios que paga a Consellería, xa de por si moi xustos, e sen pagar desprazamentos. Curioso exemplo da defensa dos traballadores.

Tampouco podemos entender as cláusulas que inclúen outros concursos nas súas Bases, como o premio Giner de los Ríos ou Mejora Tu Escuela Pública, que impiden que o teu traballo, por bo que sexa, poida obter más dun premio. Dende o momento que recibes un quedas inhabilitado para poder optar a outro, aínda que no momento das convocatorias o teu traballo fose inédito. Así nolo fixeron saber, cun ton funcionarial tan gris e imperativo que máis parecía un demérito ou un delicto ter sido premiado por outra administración. Curiosa maneira de incentivar ao profesorado.

Toda a información sobre o proxecto pode consultarse neste documento.

1/3/11

Dives Gallaecia 2012

Dives Gallaecia 2012 e un novo proxecto emprendido por un grupo de profesores e alumnos do MGB. O obxectivo final do mesmo é elaborar un documental audiovisual sobre a romanización de Galicia.
O título Dives Gallaecia fai referencia á sona que tiña a nosa terra entre os romanos como sinónimo de riqueza e abundancia, sobre todo en recursos mineiros, en ouro, en prata e en estaño. O ano, 2012, sería a data en que se pensa rematar este traballo.
Búscase tamén a creación duha colección de imaxes de alta calidade dos restos arqueolóxicos de época romana máis importantes que conservamos en Galicia. Esta futura colección será a base dunha exposición de fotografía.
Haberá espazo tamén para as visitas aos museos e festas de recreación histórica (Arde Lucus e Festa do Esquencemento).
Participan no proxecto os alumnos de latín de 1º e 2º de bacharelato e os profesores seguintes:
  • Fotografía: Miguel Bugallo e Magaly Barreiro
  • B.S.O. e paisaxe sonora: María Varela
  • Guión e coordinación: Álvaro P. Vilariño
  • Edición de vídeo: Marisa Otero
Toda a información na web DIVESGALLAECIA 2012