Mostrando entradas con la etiqueta SEECGALICIA. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta SEECGALICIA. Mostrar todas las entradas

12/3/20

Troianas - Festival teatro SEECGalicia 2020

Representación da traxedia Troianas, de Eurípides, a cargo do grupo Noite Bohemia. Festival de teatro SEECGalicia. A Coruña. 11/03/2020

9/4/19

Olimpíada de tradución de textos Clásicos

O pasado xoves 4 de abril, na facultade de Filoloxía da USC, as alumnas de 2BAC Patricia Riveiro, Alexandra Gambino e Carlota Goldar, participaron nas probas de tradución de grego, dentro da V Olimpíada de tradución de textos clásicos organizada por SEECGalicia.

A festa de entrega solemne de diplomas a todos os participantes e de premios aos tres primeiros clasificados en cada modalidade terá lugar o próximo 15 de maio na mencionada Facultade de Filoloxía.

26/3/19

Bacantes, por Noite Bohemia

Ourense, 26 de marzo de 2019, Festival grecolatino organizado por SEECGalicia.

Espectacular representación das "Bacantes" de Eurípides, a cargo do grupo de teatro NOITE BOHEMIA, das mellores que pasaron polo festival nestes últimos anos (por algo foi o 1º Premio Nacional XII Concurso Nacional de Teatro Grecolatino organizado polo Ministerio de Eduacion e Cultura en Teatro Romano de Mérida (2017) Modalidade: Traxedia)

Sobresaliente en todo: montaxe, escenografía, dirección, actores, vestiario, paisaxe sonora.




En canto ao Miles Gloriosus de Plauto (se é que quedaba algo de Plauto aí), realmente era necesario poñer a banda sonora de Heidi?

4/5/17

Ludi Compostellani MMXVII

Onte estivemos na Facultade de Filoloxía de Santiago, con motivo da segunda edición dos Ludi Compostellani, organizados por SEECGalicia.

Tivemos a sorte de poder participar na xincana mitolóxica e nos obradoiros de Ciencia, Hoplitas e escritura, e quedamos con gañas de coñecer os de cociña, moda e taboíñas micénicas.

Dende aquí queremos agradecer á organización o seu traballo e felicitalos polo resultado.

Esperamos xa a nova edición desta actividade, con máis obradoiros e máis prazas, xa que este ano quedaron esgotadas aos poucos días.

17/4/16

Euménides en Ourense

Como todos os anos a semana pasada estivemos no festival de teatro grecolatino organizado por SEECGalicia, esta vez no Auditorio Municipal de Ourense.

E un ano máis comprobamos como este festival segue medrando, cunha asistencia de público que supera os 6.000 espectadores. Asimesmo, parece que se van consolidando as tres sedes de Lugo, Ourense e A Coruña, ás que acoden institutos de dentro e fóra de Galicia (na representación de Ourense, Teresa Amado, alma mater da organización, deu a benvida a un instituto de Zamora)

No apartado da crítica teatral puramente dita, dicir que as Euménides (grupo "Noite Bohemia", dos IES Zalaeta / Menéndez Pidal da Coruña, dirixido por Javier Fernández Mariño), foi para min a mellor representación de traxedia que vin ao longo de todos estes anos de festival. Unha dicción impecable dos actores e unha posta en escena espectacular, como se pode ver nas imaxes, dan fe de todo o traballo que hai detrás. Pode que tamén axudara o acolledor auditorio ourensán, nada que ver coa xélida e desanxelada sala de Lugo, e o tela traballada previamente en clase. Parabéns pois a director, actores e todos os membros da Compañía.

  Euménides. Ourense 2016.

Da representación de "Xemelgos", en cambio, o único positivo que se me ocorre é o éxito que acadou entre os meus alumnos e algúns "gags" afortunados que se colaron en case hora e media de función. O cal sen dúbida xa é moito, pero se o que buscabamos era un recurso didáctico para entender a Plauto e a comedia latina é difícil que saíramos contentos.

Personaxes alocados, correndo sen tón nin son dun lado para outro, banda sonora de ... ABBA! Unha mestura difícil. Nun momento dado deume a impresión que nin os propios actores sabían o que dicían ou que estaba pasando en escena. Aggiornamento si, tamén o facía Plauto, pero xa postos a innovar e a poñer ao día ao comediógrafo latino, por qué non simplificar a trama e facer a historia máis comprensible para os espectadores? E intentar non sobrepasar a hora de función, que xa se sabe, bonum si breve...

Podedes ler outra crítica máis extensa destas representacións no blog Verba Volant (non podo citar ao autor ou autora da mesma porque non a firma).

Déixovos tamén unha presentación en Prezi sobre traxedia grega e Euménides elaborada por Miriam Sánchez (Latina vivente), unha alumna de máster á que teño o pracer de dirixir no practicum II.

2/12/12

Moodle + (Usque ad ova)

Usque ad ova (in malam partem), concluían aqueles diccionarios para pasmo do tradutor ante a pasaxe dubidosa.
Para todo hai un límite, e o número de cursos de Moodle que pode impartir unha persoa sen ver trastornadas gravemente as súas facultades non é unha excepción (neste punto é ou meu deber advertir dos riscos aos que se expón tamén quen leva adiante a non menos ímproba tarefa á que pomos o símpatico título de "Imos crear un blog"...)

In medio virtus. Omnis saturatio mala, moodlelis/bitacorarum pessima

Así que, sen renunciar por completo á ferramenta que me leva e me leva polo meu camiño, de xira polos IES de media Gallaecia, neste novo curso organizado por SEECGalicia quixen falar de algo máis, por iso o plus.

Este venres pasado, na Facultade de Filoloxía da USC, estivemos preparando os nosos navegadores para que ferramentas como Diigo, Scoop-it, Pinterest, Friendfeed ou Evernote fagan a nosa inquisitio cotidiana o máis áxil posible e manteñan a nosa despensa de información ordenada e lista para cando teñamos necesidade de recorrer a ela.

As musas (só as musas?) quixeron que a metáfora empregada esta vez fose a arte da pesca, de aí a inquisitio cotidiana, a navis celeris, o final felix, o cibum paratum. Esta especie de pechakucha a modo de vídeo intenta poñer en imaxes todo o anterior (e de paso rende unha pequena homenaxe a The Marvelettes e o seu inmortal "Too many fish in the sea")


A segunda parte da tarde estivo dedicada a un aparello que sen dúbida vai revolucionar o mundo da educación, ou mellor dito, xa o está facendo. Refírome ás tabletas, neste caso un IPAD. A súa versatilidade, facilidade de manexo, tamaño e peso, e sobre todo, as innumerables aplicacións educativas a un prezo máis que asequible, fan del unha ferramenta difícil de bater. Moi recomendable mercar tamén o accesorio que nos permite conectar a tableta ao canón, para proxectar na aula, e un Stylus para escribir e navegar con máis comodidade (destes hai 2 tipos, os dos chinos e os bos. Mercade os segundos)
Aquí tedes unha selección de Apps comentadas especialmente pensada para profes de Clásicas:

Aplicatio
Pretium
Ligatio Comentarii
  • Ancient Greek


4,99$ Itunes Preview Liddel-Scott-Jones Greek-English dictionary
Textos en grego. Varios autores.

  • Ancient Greek Dictionary



0,99$ Itunes Preview Liddel-Scott-Jones Greek-English dictionary
  • Age of bronze "Seen"


0,99$ Itunes Preview Versión dixital dos fascículos americanos orixinais do cómic "A idade de Bronce" (Mil naves, na recompilación publicada en España).
  • S.P.Q.R.


5,99$ Itunes Preview Lewis and Short Latin-English dictionary
Textos en latín. Varios autores.
Flashcards para vocabulario
  • Virtual History Roma


8,99$ Itunes Preview Espectacular viaxe en 3d á Roma antiga. Neste vídeo podemos facernos unha idea do que contén esta fantástica app...
  • Evernote para Ipad



Gratis Itunes Preview Cadernos de notas. Moi útil como marcador de webs favoritas. Potente buscador interno. Notas a partir de imaxes ou sons. Versión para teléfono móvil, etc.
  • Skitch



Gratis Web Complemento de Evernote. Captura de imaxes na web.
  • Educreations



Gratis - Web

- Video-Leccións de DivesGallaecia

Creación de video-leccións.

  • Showme

Gratis Web Creación de video-leccións
  • ScreenChomp

Gratis Itunes Creación de video-leccións
  • Idoceo


4,99$ Web Aplicación para profesor: fichas de alumnos, notas, cálculo de medias, control faltas de asistencia, etc.
Traballa con Dropbox. Importa datos en formato *.csv
  • Goodnotes



4,99$ Web Anotar pdfs: subliñar, destacar, etc. Permite por exemplo realizar análises sintácticas a partir dun pdf previo. Organiza os documentos en carpetas.
Traballa con Dropbox.
  • Dropbox


Gratis Itunes Preview Almacenamento de arquivos na nube.
Imprescindible para moitas Apps do Ipad.

11/1/12

De viaxe coa Odisea 2012


Hoxe comeza a inscrición para a que será a sétima edición do Concurso Odisea en Galicia, a Odisea 2012.
Este ano, xunto con Valencia, Castellón e Alacant, contaremos coa incorporación dos compañeiros de Catalunya, de man da Asociación do profesorado de Linguas Clásicas, Aplec.
O tema elixido esta vez foron "As viaxes no Mundo Antigo".
Dende aquí animamos a todos os profesores da Gallaecia a embarcarse cos seus alumnos nesta nova singladura, que nos fará (sen dúbida) a todos un pouco máis sabios.
Aquí tedes este código para engadir un novo elemento de páxina (gadget) ao voso blog. Ademais da imaxe, picando sobre el lévanos á web do concurso.

24/11/11

O día do centauro

imaxe: Néstor Alonso
Séguenos en Twitter  #chironsantiago
Macellum: 
  • Documentais
  • Películas
  • Novela histórica
  • Textos grecolatinos
  • Diccionarios
  • Cómics
  • Domus Baebia Saguntina (exposición e venda de calendarios latinos, calendarios romanos perpetuos, axendas romanas e gregas)
  • Exposición e venda de Cómics Clásicos a cargo da Libraría Kómic de Santiago.

VERNES 25

16:30 - Presentación do curso

Charla inaugural a cargo de Manuel González (Cliphistoria)


17:30 - 20:30 Talleres

17:30-19:00
Grupo 1: Busca de textos-Axudantes de tradución (Margalida Capellà)
Grupo 2: Busca e publicación de imaxes. Licenzas CC (Sebastià Giralt)
19:00-20:30
Grupo 1: Busca e publicación de imaxes. Licenzas CC (Sebastià Giralt)
Grupo 2: Busca de textos-Axudantes de tradución (Margalida Capellà)

SÁBADO 26

09:00 - 14:00 Talleres
9:00-10:30
Grupo 1: Actividades: moodle, flashcards (Olga Díez, Álvaro P. Vilariño)
Grupo 2: Redes sociais: Twiter, Google+, Facebook (Carlos Cabanillas)
10:30:12:00
Grupo 1: Redes sociais: Twiter, Google+, Facebook (Carlos Cabanillas)
Grupo 2: Actividades: moodle, flashcards (Olga Díez, Álvaro P. Vilariño)

12:00-12:30
Café descanso
12:30-14:00
Grupo 1: Publicación web: wikis, Google Sites, Blogs, Scoop-it (Luis Inclán)
Grupo 2: EPA. Marcadores sociais. Google Reader. Friendfeed (Ana Mª Ovando)

16:30 - 20:30 Talleres

16:30-18:00
Grupo 1: EPA. Marcadores sociais. Google Reader. Friendfeed. (Ana Mª Ovando)
Grupo 2: Publicación web: wikis, Google Sites, Blogs, Scoop-it (Luis Inclán)
18:00-19:30
Grupo único: Ludere et Discere (Juan Vte. Santa Isabel)

19:30-20:30
Mesa redonda


21:30 Carmina Convivalia


Organiza: SEECGalicia

20/10/11

Cliphistoria

Hoxe queremos presentar aquí o excepcional traballo dun colega, Manuel González, profesor de historia no IES Concepción Arenal de Ferrol e responsable de Cliphistoria, un canal de YouTube (100.000 visitas!) que conta con máis de 1.000 fragmentos  extraídos de preto de 400 películas e documentais, dende a Prehistoria ata o 18 de xullo de 1936, data que o autor se puxo como límite. 50 películas o separan de conseguir ese obxectivo.
"Trátase de parcelar a Historia de España, de América, e o que existe de Galicia, a través de pequenos clips, para que os alumnos vaian descubrindo como era cada época", explicaba nunha entrevista concedida ao diario El País o pasado agosto.

Manuel non é un recén chegado ao mundo da imaxe, como testemuña o seu paso pola Axencia Audiovisual Galega, promotora, entre outros moitos proxectos, da creación de Flocos TV, peza angular do audiovisual galego, que recollía tanto a nova produción como materiais históricos, e que co último cambio de goberno pasou a mellor vida: "esta web xa non está operativa", pode lerse, a modo de esquela, neste enderezo (estou seguro que coa metade do que custaron as baldosas que adornan o aparcadoiro da Cidade da Cultura podería manterse a web durante 10 anos máis).

O mundo clásico tamén está presente no canal. Temos unha lista de reprodución dedicada á historia de Galicia, onde podemos atopar, entre outros, clips sobre a vida castrexa, Lucus Augusti, Aquis Querquennis, a construción da Ponte Bibei, Gallaecia contra Roma ou o ouro do val do Sil. Pero hai máis: os gregos descobren Iberia, Aníbal sae de Hispania, Roma invade a península ibérica, etc.

Manuel falará con nós de todo isto e máis na charla que abrirá o curso Chiron en Compostela 2011, o vindeiro venres 25 de novembro ás 16:30 horas, no IES Xelmírez I de Santiago (Campus universitario), nunha actividade organizada por SEECGalicia.

Deixamos aquí este vídeo de mostra. Pertence á película "Oro per i Cesari", de André Roth (1963)

(...) O clip ilustra o proceso final da construcción dunha ponte romana idéntica na forma e situación a magnífica ponte do Bibei (Poboa de Trives, Ourense). A ponte do Bibei é un fito senlleiro da enxenería da Hispania romana; obra mestra e peza fundamental da Vía XVIII (Vía Nova) entre Braga e Astorga, aínda hoxe está en uso sen ningún tipo de restauración, 2000 anos despois de seren construida (...)

10/4/11

Os números dun centauro de 5 anos

Nas tardes destes últimos dous venres, 1 e o 8 de abril, cambiei de escenario e de auditorio. O último bolo deste "non ending Tour" levoume ás aulas da USC, dentro do curso de Iniciación á Metodoloxía Científica, organizado (por segundo ano xa) por SEECGalicia. Diante de min preto de 30 persoas, na súa maioría estudiantes de Filoloxía Clásica (si, aínda quedan!), pero tamén algúns profes.
Comecei por unha introdución ao mundo 2.0, repetindo mantras e tópicos xa consolidados (pero non por iso menos válidos), como a colaboración, a formación de redes e grupos, as gañas de aprender e de equivocarse, o cambio metodolóxico que implican as novas ferramentas, os novos alumnos que habitan nas aulas do s. XXI...
Na segunda xornada, nunha tarde onde se rondaron os 30 graos de temperatura, presentei a Chiron unha vez máis. Recursos, Comunidade, Historia, Presente e Futuro do noso Proxecto. Números, luces e sombras.
Queda agora a última fase. Dende a Aula Virtual de SEECGalicia agardan unhas tarefas para aprender a usar os recursos presentados e mesmo contribuír con aportacións propias.
De toda a presentación quero destacar aquí unha diapositiva. Os números de abril, ano 2011. 
5 anos despois do seu nacemento, o centauro segue medrando. Xa non é un neno. E quizais por iso necesite máis atención que nunca. Pode que unha nova estancia en Compostela este outono contribúa a refrescar ideas e a recuperar ese dinamismo dos primeiros anos, hoxe perdido, e que tanto botamos de menos.


24/12/10

Odisea 2011

Rematamos este ano de 2010 coa convocatoria dunha nova edición do Concurso Odisea, a sexta xa na Dives Gallaecia.
Este ano con dúas importantes novidades. Unha, a incorporación da sección da SEEC de Aragón  (recollida en Audentes Fortuna Iuvat e Aragón Romano), que se suma ás de Valencia-Castellón, Alacant (escoitade ás Voces Gregas) e Galicia. E outra, o tema da muller na Antigüidade Clásica, que será o fío conductor do certame.
Estas son as bases e o calendario.
E que mellor presentación para ODISEA 2011 que as palabras de Isabel Barceló:


“É fundamental nos nosos días contemplar o pasado no seu conxunto. Se deixamos fóra do campo de visión ás mulleres, a nosa percepción das sociedades antigas será parcial, distorsionada e inxusta. As mulleres aportaron ás sociedades de todos os tempos tanto como os homes. transmitiron a vida, foron creadoras e transmisoras de cultura; regalaron coidados e afectos, aspectos fundamentais para o desenvolvemento da personalidade humana; contribuíron á economía e ao equilibrio social; padeceron os mesmos males que todos os demais. No bo e no malo, foron actoras sociais.
Negarlles o papel que historicamente desempeñaron non só é unha inxustiza, senón que ten efectos no presente: a falta de respecto xeral cara ás mulleres, as dificultades para que accedan a postos de decisión e de relevancia profesional e social, a continua necesidade de xustificar as súas esixencias, son algúns deses efectos.
Paga a pena combater todos eses prexuízos e perxuízos recuperando a memoria das mulleres do pasado. Aprender a coñecelas, valoralas, amalas. Darlles o recoñecemento que merecen, volvelas á memoria e á vida. Facerlles e facernos xustiza”.


13/5/10

Plauto, os xemelgos.

Unha boa noticia para as Clásicas na Dives Gallaecia: a publicación dos "Xemelgos" de Plauto, en edición bilingüe Galego-Latín, a cargo de Xosé Antonio López Silva, amigo e compañeiro na directiva de SEECGalicia.

Publicada pola editorial Andavira (1ª edición, marzo 2010, Santiago de Compostela), a obra comeza cunha longa, extensa e moi ben documentada introdución, onde se abordan os temas do teatro en Roma e Grecia, o contexto histórico e escénico da comedia plautina, a comedia Palliata posterior a Plauto, a Comedia Togata, a evolución do xénero cómico, a farsa atelana literaria e o mimo, a traxedia latina, a influencia do teatro plautino e dos Menaechmi e a tradición manuscrita (acompaña tamén unha pormenorizada bibliografía)

Logo dos textos galego e latino, o autor inclúe unha guía de lectura da obra, pensada para traballar cos nosos alumnos de bacharelato, onde nos fala da trama, estrutura, espazo escénico, tempo escénico e de representación, personaxes, lingua e estilo e métrica.

Por último engádense unhas actividades de traballo, cuestións referidas ao argumento, personaxes ou contido da obra, con suxerencias de debate (situación da muller, do escravo, o matrimonio no mundo antigo, etc.) e comentario de texto (comparación de The Comedy of Errors de Shakespeare e a obra plautina)

En resume, un recurso máis na nosa lingua, que chega xusto a tempo para afrontar as probas de Selectividade deste ano, onde é a obra elixida como lectura, e que completa o gran traballo dos profesores  ourensáns Manuel Rodríguez Santos e Mª Carmen Blanco Pardal, coa súa tradución do "Breviario da Historia de Roma" de Eutropio, que os propios autores autopublicaron en Bubok a un prezo que só recolle os custos de impresión (12€), e que merecen dende aquí o noso eloxio.

12/1/10

Odisea 2010, quinta edición do concurso.



Onte comezou o prazo de inscrición para participar neste concurso en liña de Cultura Clásica, organizado polas seccións da SEEC de Galicia, Valencia/Castellón e Alicante. Nel poden participar estudiantes de ESO e Bacharelato de calquera centro de Ensino Oficial de ditas comunidades, organizados en equipos de ata 3 persoas, e baixo a supervisión dun profesor responsable.

O concurso consiste nunhas preguntas (e algún preguntón...) que teñen que responder directamente dende a web do concurso. Hai unha primeira fase de 4 días na primeira semana de febreiro, logo un desempate entre os primeiros clasificados de cada Comunidade e logo unha fase final, moi emocionante se nos atemos ao sucedido na pasada edición, entre os campeóns das distintas sés. Os premios, en metálico e bastante xenerosos, entregaranse no festival de teatro grecolatino de Lugo, organizado tamén por SEECGalicia. Podedes consultar as bases e calendario detallado dende aquí.

Animamos dende aquí a tódolos profesores de latín e grego das Comunidades participantes a inscribirse cos seus alumnos nesta nova edición do Certame, a quinta xa.

E un desexo para as vindeiras convocatorias, que o concurso poida medrar con máis seccións da SEEC implicadas. A infraestructura, a base informática que nos permite levar o concurso á rede, está lista, preparada para admitir a cantas Comunidades estén interesadas.

16/12/09

Chiron en Compostela, novo número da revista de SEECGalicia


 Chiron·Χείρων presenta o último número de Cuadernos de literatura griega y latina, a revista da Sección Galega da SEEC, co título Chiron en Compostela. Didáctica 2.0 para las lenguas y la cultura clásicas. Trátase dun monográfico dedicado á aplicación educativa da Web 2.0 nos estudos clásicos. O volume, concebido a raíz do curso “Chiron 2.0: clásicas na aula” realizado en Santiago de Compostela (2008-2009), ofrece os siguientes artigos:
  • “Chiron: estudios clásicos en la web 2.0” por Sebastià Giralt,
  • “La mochila clásica” por Carlos Cabanillas,
  • “Taller de blogs” por Luis Inclán e Sergi Ferrús,
  • “Wikis, páginas web rápidas” por Ana Ovando e José M. Ciordia,
  • “Aulas virtuales” por Olga Díez e Álvaro P. Vilariño.
Todas as contribucións, escritas por membros de Chiron·Χείρων, pretenden conciliar a información técnica coa reflexión didáctica, sen alonxarse dunha orientación fundamentalmente práctica, de modo que sirvan de axuda ao profesorado que desexe introducirse ou profundizar no uso das TIC nas materias de clásicas.
O volume pódese descargar gratis en formato PDF dende o sitio web de SEECGalicia. Tamén é posible adquirir un exemplar en papel na editorial en líña Bubok.

19/9/09

Curso 2009/2010: alea iacta est

De novo na carreteira un ano máis. Esta vez con cambio de década incluído. En realidade o curso comezou xa a primeiros do mes de xullo, co envío por parte da CIUG do controvertido documento sobre as ponderacións na nova selectividade, onde a pobre consideración do grego chegaba ata o extremo de puntuar menos que outras disciplinas á hora de cursar Filoloxía Clásica. Houbo unha pronta reacción de SEECGalicia e do coordinador de grego J.J. Moralejo, con cartas e entrevistas cos responsables de tal despropósito. Semella que a solución terá que esperar como mínimo un ano máis. Isto é algo que non só ocorreu en Galicia, como podedes comprobar no Foro de Chiron.

Pero a nosa loita polos nosos estudos aínda tería un capítulo máis este mes de setembro. A iniciativa de SEECGalicia para o envío dunha carta masiva dirixida á Consellería, onde se recollían as nosas reivindicacións con respecto aos seguintes puntos.
  • Modificación do número mínimo de alumnos para poder impartir na ESO as materias optativas (C. Clásica) e opcionais (Latín 4º).
  • Modificación do número mínimo de alumnos para poder impartir no Bacharelato materias propias de modalidade (Grego I e II, Latín I e II).
  • Supresión da obrigatoriedade da Historia do Mundo Contemporáneo (1º bacharelato) e Xeografía (2º de bacharelato).
Noutro orde de cousas, van aparecendo xa citas importantes no noso calendario. Unha delas é a nova edición (a X) do festival de teatro grecolatino Lugo 2010, onde este ano temos que destacar a coordinación de SEECGalicia, ornanizadora do evento, e os responsables dos grupos de traballo de grego e latín das PAAU, para poder ofrecer as representacións das obras elixidas nas probas de Selectividade.

Outra actividade interesante é a viaxe a Italia para profesores e alumnos organizada tamén por SEECGalicia, unha boa opción cando no noso centro non contamos co número suficiente de alumnos para un evento de este tipo.

Sorte a tod@s!

27/4/09

Asemblea SeecGalicia, mércores 29 abril 2009,

O vindeiro mércores 29 de abril, os socios da Sección Galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos (SEECGALICIA) celebraremos unha asemblea, onde, como punto principal da orde do día, se vai tratar da situación das nosas disciplinas nos novos plans educativos, da súa aplicación no IES e das medidas a tomar.
Como vedes, nihil novum sub sole, pois deber ser innato á nosa especialidade esa loita pola supervivencia, na que levamos practicamente dende a nosa saída da Facultade.
Aí pode que empezasen xa os nosos problemas, cando en vez de graduarnos todos como "Profesores de linguas clásicas" sufrimos a nosa primeira división: os de latín e os de grego. Despois virían outras: catedráticos de primeira (de cando as oposicións diferenciadas), catedráticos de segunda (sive "apura que xa vén a xubilación..."), soldados rasos sen galóns ningúns ...
Mala situación dende logo para un colectivo que precisa estar unido.
E como está hoxe a situación das nosas materias en Galicia segundo o novo (de momento) plan educativo?
Na ESO temos a Cultura Clásica de oferta obrigada en 3º e en 4º (como no anterior), pero cunha modificación (negativa): os que a collan en 3º non a poderán cursar en 4º. E logo está o Latín, o noso gran logro nas ¿últimas? negociacións coas autoridades educativas, pero quizais en moitos casos o causante da "morte" da Cultura Clásica, que, alomenos no meu Centro, cada ano ten menos alumnos. Benvido sexa, por outro lado, xa que nos permitirá acadar un nivel moito máis alto logo nos cursos de Bacharelato, volvendo a aquela situación que tiñamos no COU.
No Bacharelato de Humanidades e Ciencias sociais hai unha asignatura obrigatoria, Xeografía, (algo que sucede en Galicia pero non noutras comunidades), 6 materias propias de modalidade e un número variable de optativas. O alumno pode elixir dúas das propias de modalidade e unha optativa, que pode ser tamén unha terceira materia propia de modalidade.
Tanto o Grego como o Latín figuran como materias propias de modalidade en 1º e en 2º curso.
A oferta educativa, sen embargo, pode variar substancialmente en cada Centro: hai quen, como no caso do meu Instituto, oferta as 6 propias de modalidade e 4 optativas, ofrecendo así liberdade de elección ao alumno, e hai que configura unha especie de "itinerarios", onde as opcións se restrinxen notablemente.
Ante esta situación creo que é difícil chegar a unha postura común como colectivo, posto que o que ser bo para un nun Centro determinado, pode ser perxudicial para outro. Hai uns días unha compañeira comentaba que ela "sacrificaba" ao Grego II, deixando que figurase como optativa, para asegurarse alumnos en Latín, que formaba parte dun itinerario pechado con Arte.
O cabalo de batalla está noutro lado: no número de alumnos mínimo para impartir unha asignatura, sexa como optativa ou como propia de modalidade. Esa é a nosa loita. Aí é onde debemos concentrar os nosos esforzos para intentar evitar o que podería ser a desaparición de moitas horas de Cultura Clásica, Grego ou Latín (Véxase o Informe Chiron, onde se compara a situación nas distintas comunidades)
Pero non todo vai ser preocupación e malas noticias. Eu por exemplo teño máis alumnos este ano que nunca, 20 en latín de 4º de ESO, 20 en Latín I e 10 en latín II, e a Xefa de Estudos apunta a posibilidade de un segundo grupo de latín de 4º para o vindeiro curso.
Por outro lado a USC vén de aprobar o Grao de Filoloxía Clásica, que entrará en vigor xa o próximo setembro.
Sexamos positivos. Por se isto fose pouco, a asemblea do mércores brindará unha nova ocasión para facer unha demostración da nosa proverbial unión como colectivo e da nosa capacidade de mobilización.
Un dato: na última asemblea celebrada hai varios anos, descontando á directiva, a asistencia chegou mesmo ata as 5 persoas!!
pd: Pero tranquilos, que a culpa de todo sempre é da Administración. No meu primeiro ano de Instituto había un profesor que acaparaba sempre os turnos de palabra nos Claustros, e consumía horas e horas botándolle as culpas de todo a ese ente denominado "A Administración". Eu nunca souben a que se refería, nunca souben poñerlle unha faciana, dotala dun corpo propio, non como outro amigo meu de Ourense, que un día confesoume que sempre pensou que "o pelotón" dunha carreira ciclista era un corredor máis, que sempre chegaba de último...!

14/3/09

Festival Teatro Lugo 2009

Grupo Balbo - Mostellaria
Un ano máis, e xa van uns cantos, os alumnos "clásicos" do MGB acudimos puntuais á cita do festival de teatro clásico grecolatino de Lugo, organizado por SeecGalicia, e que tivo lugar no auditorio Gustavo Freire da cidade das murallas os pasados luns 9, martes 10 e mércores 11 de marzo, dacordo co seguinte programa.
O luns, día da inauguración do festival, fíxose entrega dos premios aos equipos gañadores da fase galega do concurso Odisea 2009, que tan boa acollida tivo este ano.
O día elixido por nós foi o martes 10 de marzo, 26 cumpleanos do que suscribe estas liñas (pois si, porque o ano pasado dixen que era o 25, e agora teremos que ir sumando un ...) onde o grupo Balbo, del Puerto de Santa María (Cádiz), ofreceunos a representación de Antígona, pola mañá, e Mostellaria, pola tarde.
De Antígona pouco se pode dicir. Quizais que acusou demasiado os nervos da estrea. Vimos unha obra sen forza, cun Creonte demasiado fallón na dicción, e unha Antígona relegada a un papel secundario, lonxe da protagonista que debería ser.
Pola tarde todo cambiou. Xa o ano pasado en Sagunt, Balbo demostrou que é un grupo nado para a comedia. O público non parou de rir e berrar, de revolverse nos seus asentos en todas e cada unha das incursións dos actores entre as butacas. Incrible foi a xuventude e o saber estar dos cómicos, cunha graza andaluza inimitable.
Deixovos aquí unha completa galería de fotos deste día (co tan alabado Hemón en tanga incluído...)

7/2/08

COMITIA

Dende logo non se pode negar que estamos ante un ano electoral. Caucus nos USA, precampaña en España, eleccións na SEEC, eleccións en SEECGalicia o vindeiro 15 de febreiro.
Clinton/Obama, Zapatero/Rajoy, Siles/López Eire, e tamén aquí, na Gallaecia, Cecilia Criado/López Pereira. A dualidade imponse.
Con respecto ás animadas disputas xeradas en torno ás candidaturas que se presentan á Xunta directiva da SEEC, remítome ás doctae meditationes do noso xove magister.
Pero en canto aos comicios aquí en SEECGalicia, dende Dives Gallaecia véxome na obriga de pedir o voto para a candidatura de Cecilia Criado, da que formo parte como secretario.
Se queres saber quen somos ou o que pensamos do programa da candidatura rival visita o noso blog.
* ilustración: Graffitis electorais da Casa de Xulio Polibio en Pompeia.

1/3/07

II EDICIÓN CONCURSO ODISEA 2007

Con 219 equipos inscritos pertencentes a máis de 50 centros de ensino de Galicia, arranca a nova edición do concurso de Cultura Clásica ODISEA 2007.
Un ano máis a Delegación Galega da SEEC organiza este certamen, que pretende "sacar a Cultura Clásica das aulas, alomenos por uns días".
Os gañadores, ademais dun premio en metálico, estarán invitados á inauguración do festival de teatro grecolatino Lugo 2007, que terá lugar no auditorio Gustavo Freire desta cidade, o luns 16 de abril.
O concurso empeza o luns 5 de marzo, e consiste nunha serie de preguntas que os equipos contestan directamente dende un formulario web.