Mostrando entradas con la etiqueta paulatimgallaecia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta paulatimgallaecia. Mostrar todas las entradas

26/3/11

A mala prensa do latín

Hai pouco falabamos aquí do que podía ser a enciclopedia do futuro.
Hoxe, sen ir tan lonxe, falaremos dun elemento descoñecido ata hai pouco, pero que chegou para quedarse. Se atendemos á forma de traballar dos nosos alumnos, semella que non poden imaxinar un mundo sen el (pero tampouco sen móviles ou sen botellón). Estou a falar do hipertexto.
Poñamos que este mesmo traballo que presento hic et nunc houbese sido realizado hai 20 anos. Sería unha listaxe sen máis, un texto plano que nos daría a definición de cada latinismo. O alumno quizais os aprendese todos de memoria, pero seguramente non sería capaz de empregalos no contexto axeitado.
Propuxen hai xa un par de anos aos meus alumnos un traballo colectivo, enriquecido ano tras ano coas aportacións dos integrantes dese curso de Latín II, que sempre se renova mentres nós seguimos sendo case os mesmos.
Tratábase de buscar exemplos de latinismos na prensa actual e completar a listaxe con pequenos fragmentos destes usos e ligazóns ao texto completo, citando o medio de comunicación e a data de publicación do artigo.
Este ano ademais intentamos poñer imaxes ao texto, na medida do posible con licenzas CC que permitan a súa utilización.
O resultado foi este documento en *.pdf de 32 páxinas, que ten a súa correspondencia no apartado de latinismos da nosa wiki PaulatimGallaecia. Nel aparecen exemplos de extraídos dos principais diarios do Estado. Hai novas de política, de deportes, de sociedade. Poucas, moi poucas, en galego.
E o mellor de todo é que o documento está inacabado. Faltan máis exemplos, faltan máis imaxes. Non será problema. Están agardando os de 1º, e os de 4º...
Sería un bo regalo para o decano da Facultade Periodismo da USC, que na súa cegueira ante o peso do latín nas ponderacións, fai bo o dito de "Quod Natura non dat, Compostella non praestat"

14/1/09

De wiki con Eutropio en PaulatimGallaecia

Esta semana estamos de wiki nas aulas de latín de 2º de Bacharelato do MGB.
Cando empezaba a explicar o tema das formas nominais do verbo, participios e infinitivos, foi cando se me ocurriu.
A idea sería unha vez máis ir do particular ao xeral, da práctica á teoría. Non perderse na gramática. Elixir, atopar os nosos propios exemplos. Encaixar as pezas, traballar en grupo, axudarnos uns a outros como clase. Un proxecto común. Unha ferramenta 2.0.
Así que pouco a pouco, paulatim, fun poñendo aos meus alumnos a traballar na wiki PaulatimGallaecia.
Este é o plan de traballo:



Traballando con Eutropio


Nesta sección faremos unha recopilación de extractos do texto dese autor, clasificándoos segundo o esquema proposto, e ilustrando así os apuntes da gramática latina.

Eutropio
Propónse que sexan os propios alumnos os que colaboren nesta sección.
Utiliza o seguinte formato:
  • negriña para o texto latino
  • paréntese para ubicar o texto no libro e capítulo
  • cursiva para a tradución ao galego
Exemplo:
Dimissis exercitibus (Liber VI, 19). Licenciado o seu exército, despois de licenciar ao seu exército.
  • Usa o símbolo (...) para indicar a elisión de parte do texto:
Exemplo:
Rediens ex Gallia victor (...). (Liber VI, 19). No seu regreso dende a Galia coma vencedor / regresando vencedor dende a Galia (...)

¿Alguén máis se anima a participar? Podedes seguir o xa empezado cos vosos alumnos.
Nós estamos fundamentalmente co libro VI.
Recordade que facilita moito a labor de control e coordinación o feito de rexistrarse (Join in) en wikispaces antes de empezar a traballar. É gratuíto e faise nun minuto.

Paulatim, paseniño.

9/12/08

PaulatimGallaecia

Como complemento á nova sección da WiChiron que anunciabamos na entrada anterior, concibida como un repositorio documental, nace agora PaulatimGallaecia, unha wiki-taller onde poderemos construír entre todos os recursos necesarios para a preparación das probas de latín da Selectividade galega (PAAU).
Así se explica o seu nome, "Paulatim", pouco a pouco, paseniño, de vagar.
Guiados pola man do centauro temos á nosa disposición unha nova ferramenta para o traballo colectivo.
Quere ser este un espazo de todos e para todos os profesores de latín que queiran participar na elaboración de materiales de calidade para os nosos alumnos.
Debemos cambiar a nosa forma de traballar. Nun mundo cada vez máis 2.0, con moitos recursos á nosa disposición, cada vez ten menos sentido o traballo individual, illado.
Agora estamos estragando as posibilidades que ofrece a nosa intellixencia colectiva. Non podemos seguir cada un no seu antrum, elaborando listas de topónimos ou latinismos, traducindo ao galego as pasaxes de lectura, confeccionando temas de literatura, et cetera.
Demasiado traballo para un só profesor. Temos que unirnos e traballar todos xuntos neste proxecto.
Paso a paso, de vagar, paulatim.
Os beneficiados seremos todos. Os profesores, porque facer todo este traballo, cando a penas existen materiais en galego, é unha tarefa demasiado grande para unha soa persoa. Os nosos alumnos, porque ao fin e ao cabo, son eles os que recibirán o froito desta iniciativa.
Participar é moi sinxelo. Só hai que entrar en http://paulatimgallaecia.wikispaces.com, e xa poderemos editar calquera páxina.
Aínda así recomendo a todo o mundo que se rexistre en wikispaces: é gratuíto e só leva un par de minutos. Ao entrar como usuario rexistrado pódese subir arquivos ao sitio e sempre deixaremos o noso nome no historial de cambios. Facilitaremos tamén a tarea de vixiancia fronte ao posible vandalismo ao administrador do sitio. É moi recomendable tamén poñer un pequeno resumo cando fagamos unha modificación (na parte inferior da pantalla de edición aparece unha pequena caixa para facelo).
O armazón está feito. Só queda poñer o noso gran de area e ir completando todos os apartados. Traballemos entre todos, traballemos xuntos.
Paulatim.