Mostrando entradas con la etiqueta homero. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta homero. Mostrar todas las entradas

8/4/20

Homero, Evaristo de Sela e Alessandro Baricco

Dous estilos moi distintos de ler a Homero. Evaristo de Sela, o home que invitou a Homero á súa aldea, autodidacta, que aprendeu o grego nos cárceres franquistas, ofrécenos unha lingua recia, forte, ancestral, de rabuda sintaxe e fermosos e sonoros nomes, case que diría en hexámetros galaicos. E por outro lado Alessandro Baricco, que nos invita a unha prosa rápida, simple, da que desterrou aos deuses, que nos engancha á trama dende o primeiro momento e xa non nos solta.

Nestes dous documentos en *.pdf podedes atopar as dúas versións, unha despois da outra, dos cantos I e VI da Ilíada.


Canto I da Ilíada. Tradución de Evaristo de Sela.

(O Atreídes, que menuda a que está montando, e todo por non soltar á Khryseís, a de fermosas meixelas...)

(...) ¿E quen, pois, dos deuses, cunha disputa, un contra
o outro lanzou, a se pelexaren?;
de Letó e de Zeus o fillo; pois foi el quen,
contra o rei irritado,
un andazo maligno no exército fixo xurdir,
e morrían os homes,
porque a Khryses, que era seu sacerdote, lle fixo
unha aldraxe
o Atreídes; (...)

Así dicía suplicando, e oíao Phoibos Apolon,
e baixou dos cumes do Ólympos, encolerizado
no seu corazón,
o arco ás costas traendo e o ben pechado carcax;
e resoaron, entón, as frechas sobre os ombros
do encolerizado,
ó pórse el en movemento; e el avanzaba, á noite parecido;
sentábase logo ó lonxe das naves, e en seguida
a súa frecha disparou;
e un terrible estralido saíu do arxénteo arco;
ós mulos só de primeiro atacaba e ós cans lixeiros,
mais, despois, contra eles mesmos, a frecha aguda lanzando,
disparaba; e, constantemente, numerosas piras
de cadáveres ardían. (...)

29/3/12

A guerra de Troia. Novo cómic de Marvel.

Na Ilíada e na Odisea, Homero fala principalmente dos sucesos acaecidos no noveno ano do sitio de Troia e da viaxe de regreso a casa de Ulises. Pero houbo outras obras na literatura grega, perdidas hai tempo, que nos contaban outros aspectos relacionados co antes e o despois da guerra.

  • Cipria, que trataba sucesos precedentes á Ilíada
  • a Pequena Ilíada, que continuaba a historia ata a construción do cabalo
  • Iliupersis, o saqueo de Ilión, onde se narraba a caída e destrución da cidade
  • Os Nostoi (regresos) a volta a casa, moitas veces tráxica, dos heroes gregos.

Tamén os dramaturgos tráxicos nas súas obras aportan máis información, como Eurípides en "Ifixenia en Áulide", ou Esquilo en "Troianas" e "Agamenón".
Os escritores romanos continuaron a historia, como Quinto de Esmirna coas "Posthoméricas". O sirio Luciano, nos seus Diálogos do século II d.C. relatou o "Xuízo de Paris", causa da guerra. Ovidio tamén aludiu a varios episodios da mesma nas Metamorfoses e nas Heroidas. Máis detalles aportan Apolodoro, Servio ou Pausanias.

Nestas obras podemos atopar ás veces contradiccións, versións diferentes, distintos puntos de vista, pero de todas xurdiu a gran historia épica da literatura universal, a loita por Helena de Troia.

(...) Esta novela gráfica tivo en conta todas estas fontes, 
para que a historia completa sexa de todos coñecida...(...)

Así, con esta introdución, que aparece nestas liñas lixeiramente adaptada, comeza esta nova obra da Colección de Clásicos Ilustrados Marvel, con guión do gran Roy Thomas e debuxos do español Miguel Sepúlveda, que xa traballaran xuntos na Ilíada (nesta mesma colección). A Roy Thomas debémoslle tamén a gran adaptación que fixo da Odisea (neste caso con debuxos Greg Tochhini).

A obra comeza coa aparición de Eris e o xuízo de Paris. Seguimos despois co rapto de Helena no pazo de Menelao, a busca de Ulises en Ítaca e de Aquiles na corte do rei Nicomedes, o sacrificio de Ifixenia, o abandono de Filoctetes, a captura de Briseida e Criseida como botín de Aquiles, a disputa entre Ulises e Palamedes, a chegada de Pentesilea e as amazonas e a súa morte a mans de Aquiles, a morte de Tersites e Memnón tamén causadas polo fillo de Peleo, e finalmente a morte de este pola famosa frecha disparada por Paris. A historia continúa con Aiax e Ulises recuperando o cadáver de Aquiles e a posterior disputa entre estes dous heroes que remata coa loucura e suicidio do primeiro, o rescate de Filoctetes e a morte de Paris. Cóntase tamén as discrepancias dos deuses dende o Olimpo e o combate singular entre Ares e Atenea, atallado pola intervención de Zeus. Seguen as manobras de Ulises, que percorre disfrazado as rúas de Troia e busca a colaboración de Helena, a historia do cabalo e o traidor Sinón, a morte de Laocoonte. Troia arde e Neoptolemo mata a Príamo sen ningunha piedade, Menelao fai o mesmo con Deífobo, Eneas foxe cos seus e contempla a unha Troia en chamas, Odiseo e Calcas condenan a morte a Astianacte, fillo de Héctor e Andrómaca, despeñándoo dende as murallas de Troia, e Agamenón leva con el a Casandra no seu barco, desprezando as prediccións que máis tarde se farán realidade. Na última viñeta, un Menelao e unha Helena felices e comendo perdices para o resto dos seus días.

En resumo, unha obra imprescindible para as bibliotecas dos nosos centros, unha magnífica porta de entrada na Literatura Clásica para os nosos alumnos.

1/6/10

A Odisea. Cómic por F. Villalobos e J. González.

Presentamos hoxe, dentro da serie dedicada aos "Tebeos Clásicos", dúas versións da inmortal obra de Homero.
En primeiro lugar falaremos da publicada por edicións SM, Madrid 2008, con guión de Federico Villalobos e debuxos de Jorge González. Encádrase dentro da serie editorial ¿sigues pensando que los clásicos son cosas del pasado?, así que semella perfecta para a introdución dos máis novos ao Mundo Clásico. 
Cun debuxo a coloríns, que nos recorda ás veces aos trazos expresionistas de Munch, un guión rápido e preciso percorre as aventuras máis salientables de Odiseo: a toma de Troia, a chegada ao pais dos Feacios, a estancia cos Lotófagos, o cíclope Polifemo, Circe, as sereas, Calipso e o recoñecemento de Ulises e posterior matanza dos pretendentes.
Podedes ler outras reseñas en ComicPasión ou no blog de Ricardo Helleniká.