Mostrando entradas con la etiqueta Gallaecia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Gallaecia. Mostrar todas las entradas

20/10/11

Cliphistoria

Hoxe queremos presentar aquí o excepcional traballo dun colega, Manuel González, profesor de historia no IES Concepción Arenal de Ferrol e responsable de Cliphistoria, un canal de YouTube (100.000 visitas!) que conta con máis de 1.000 fragmentos  extraídos de preto de 400 películas e documentais, dende a Prehistoria ata o 18 de xullo de 1936, data que o autor se puxo como límite. 50 películas o separan de conseguir ese obxectivo.
"Trátase de parcelar a Historia de España, de América, e o que existe de Galicia, a través de pequenos clips, para que os alumnos vaian descubrindo como era cada época", explicaba nunha entrevista concedida ao diario El País o pasado agosto.

Manuel non é un recén chegado ao mundo da imaxe, como testemuña o seu paso pola Axencia Audiovisual Galega, promotora, entre outros moitos proxectos, da creación de Flocos TV, peza angular do audiovisual galego, que recollía tanto a nova produción como materiais históricos, e que co último cambio de goberno pasou a mellor vida: "esta web xa non está operativa", pode lerse, a modo de esquela, neste enderezo (estou seguro que coa metade do que custaron as baldosas que adornan o aparcadoiro da Cidade da Cultura podería manterse a web durante 10 anos máis).

O mundo clásico tamén está presente no canal. Temos unha lista de reprodución dedicada á historia de Galicia, onde podemos atopar, entre outros, clips sobre a vida castrexa, Lucus Augusti, Aquis Querquennis, a construción da Ponte Bibei, Gallaecia contra Roma ou o ouro do val do Sil. Pero hai máis: os gregos descobren Iberia, Aníbal sae de Hispania, Roma invade a península ibérica, etc.

Manuel falará con nós de todo isto e máis na charla que abrirá o curso Chiron en Compostela 2011, o vindeiro venres 25 de novembro ás 16:30 horas, no IES Xelmírez I de Santiago (Campus universitario), nunha actividade organizada por SEECGalicia.

Deixamos aquí este vídeo de mostra. Pertence á película "Oro per i Cesari", de André Roth (1963)

(...) O clip ilustra o proceso final da construcción dunha ponte romana idéntica na forma e situación a magnífica ponte do Bibei (Poboa de Trives, Ourense). A ponte do Bibei é un fito senlleiro da enxenería da Hispania romana; obra mestra e peza fundamental da Vía XVIII (Vía Nova) entre Braga e Astorga, aínda hoxe está en uso sen ningún tipo de restauración, 2000 anos despois de seren construida (...)

28/6/09

A Torre de Hércules, patrimonio da humanidade.


A torre de Hércules convertiuse en Patrimonio da Humanidade o pasado sábado 27 de xunho de 2009.
Así o decidiu o comité do patrimonio mundial da UNESCO reunido en Sevilla.
É o cuarto monumento galego en gozar desta distinción, logo da catedral de Santiago (1985), o camiño (1993) e a muralla de Lugo (2000), o único faro romano en activo do mundo, construído por Caio Servio Lupo no II d.C.
Aquí tedes unha guía das diferentes reseñas aparecidas na prensa:


17/6/09

Top 5 das chapuzas educativas. Xunho 2009.

Selecta.
  1. En primeiro lugar, sen ningúna dúbida, aquela primeira ESO onde pasaban de curso suspendendo todo. Xenial. Dificilmente superable.
  2. En segundo lugar, un clásico dende Valencia, que parece que cobra outra vez protagonismo: a educación para a cidadanía en inglés con dous profesores por aula, onde un repite o que di o outro. En tempos de crise, onde se recortan plantillas. Dous profesores por asignatura e grupo. Esperpento.
  3. De recente aparición e escalando posicións, a reforma da promoción dos alumnos en segundo de bacharelato, que tan ben explica Luis. Caos.
  4. Seguimos coa reforma do bacharelato para o vindeiro ano. Relixión ou hora de alterne en 2º. Festa rachada (nun curso no que o que non sobra e tempo precisamente)
  5. Entrando forte na lista esta mesma semana, a enquisa aos pais sobre o uso do galego no ensino. Chapuza.
Como pode ser que fóra da Gallaecia non se coñeza moi ben como foi todo este proceso, intentarei explicalo.
Tiñamos aquí, ou polo menos parecía, un consenso xeneralizado no que atingue ao uso da lingua. Un plan de normalización aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia por todas as forzas políticas (2004) e un decreto posterior do 2007. Pretendíase con iso que os alumnos recibisen alomenos o 50% das materias en galego, para que así fosen plenamente competentes nas dúas linguas oficiais. E non había problema ningún.
E nestas chegaron os políticos. E houbo algún que quixo aprenderlles o himno galego aos parvuliños e outros que para gañar unhas eleccións fixeron de emperatríz Sisí (ou sexa, dixeron a todo e a todos que si, si).
Esta semana chegaron as enquisas aos centros, unhas enquisas que non están a ter ningún tipo de control. Que xa as vimos tiradas polos corredores, que as pode cubrir quen queira, mesmo os alumnos. Que teñen unhas preguntas que chaman ao engano. Que permiten que unha familia de tres fillos teña 3 votos, etc. E o peor de todo e que Galicia conta cun instituto estatístico oficial, que ben se podería ter encargado de todo isto, e máis cando se fala de que todo este proceso custou arredor dos 50 millóns das antigas pesetas (Crise, que crise!)
Porque, a ver, como é posible que se poñan de acordo a asociación de directores dos centros, os sindicatos, a Real Academia Galega, as universidades, senón é porque estamos diante dunha monumental chapuza?
Como se pode deixar á marxe ao profesorado nunha cuestión relativa ao proceso de ensino?
E por se fose pouco a Inspección prohibiunos aos centros informar aos pais da nosa opinión. Máis ben intentou prohibir, como fixeron tamén (e non conseguiron) no caso do Prestige.
No noso centro enviamos un comunicado aos pais xunto coa enquisa, dándolles a nosa opinión sobre todo o proceso. Por unanimidade (nun Claustro unanimidade!!)

E o que nos queda.



6/5/09

Flocos TV: o cineclube do audivisual galego

Non acostumo facer unha entrada para recomendar un vídeo. Para iso está a galería de Chiron.
Pero hoxe é un caso especial. Un alumno de 2º de bacharelato acaba de deixarme unha mensaxe na Aula Virtual onde, ademais de lamentar os seus erros no exame de tradución de hoxe, recoméndame esta web onde podemos atopar dous vídeos moi recomendables sobre a romanización da Gallaecia: un sobre a Via Nova (e o campamento de Aquis Querquennis) e outro sobre o castro de Viladonga, ámbolos dous dirixidos por Ignacio de la Cierva. Unha mágoa os erros de visión no primeiro. Grazas Plácido!

16/3/09

Web do Patrimonio Cultural de Galicia


A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura e Deporte, acaba de presentar un atractivo web enteiramente dedicado ao patrimonio cultural de Galicia.

Destacamos estas 5 completas fichas que nos falan do noso pasado romano:

Campamento romano e mansión viaria de Aquis Querquennis
Monumento de Santa Eulalia de Bóveda
Muralla romana de Lugo
Torre de Hércules
Xacemento romano de Cambre

* Imaxe do campamento romano de Aquis Querquennis (Ourense)

17/9/08

Os Tonechos na "Gallaecia"

Tonecho A: pero hai algho máis típico ghalegho  que unha lavadora tirada no monte?
Tonecho B: un somier.
*Extraído dun dos seus sketches.
E cando non encargamos a unha máquina que leve por diante o antigo trazado da Via Nova, inventamos curiosas maneiras de facer o recheo para pistas forestais, como podemos ler na edición dixital da Voz de Galicia, malia que algúns desaprensivos se empeñan en perder estas vellas tradicións que dan carácter ao noso pobo, contratando arqueólogos que paralizan as obras ao atopar 4 fornos romanos nos traballos realizados no porto seco de Vigo (un deles é o que aparece na fotografía).

4/6/08

PAAU Latín - Exame de setembro 2007

Nestes días onde xa estamos preparando as probas da selectividade deste ano, presentamos aquí o exame coas solucións correspondente á convocatoria de setembro do ano pasado.

10/12/07

A GRAN HISTORIA DE GALICIA

Este é o título da colección que está saíndo coa Voz de Galicia nas súas edicións do martes e o xoves.
A Galicia romana foi protagonista en dous volumes, o primeiro dedicado á conquista, ocupación do territorio e cultura material, e o segundo que trata da economía, sociedade, relixión e arte.
Os textos van firmados por José Manuel Caamaño Gesto, profesor titular de Arqueoloxía da USC, e contan con abundantes ilustracións a todo color que inclúen restos arqueolóxicos, mapas, reproduccións de edicións antigas de autores romanos, etc.
En resumen, uns textos que nos poderán ser de moita axuda neste proxecto dos dous mil anos por correo. Se ir máis lonxe, na páxina 98 do volumen II, temos unha magnífica reproducción da Tabula de Castromao, onde aparece o noso protagonista, Antonivs Aqvilus Novagvstanus. Podedes atopar un extracto en *.pdf do capítulo referido á conquista militar, na sección de civilización latina da wiki de recursos de Chiron.

7/11/07

Excursión ás Médulas

O vindeiro luns día 12 de novembro os profesores e alumnos "clásicos" do MGB, ademais doutros invitados que axiña o serán, faremos unha excursión ás Médulas de Carucedo, no marco dun proxecto quironiano do que falaremos máis adiante, cando os deuses do MEC nos sexan propicios...
A saída está fixada para as 8:45 horas e a volta contra as 20:30. Ao chegar alá visitaremos a aula arqueolóxica, unha media hora, e despois faremos a rota guiada que durará máis ou menos hora e media.
Teremos que levar unha mochila para a comida e bebida, e roupa e calzado axeitados para andar polo monte (os "modelitos" quedan para mellor ocasión, que as haberá, xa vereredes...)
Levade tamén cámara fotográfica para deixar inmortalizado este gran evento. Subiremos despois tódalas fotos á rede e crearemos unha nova galería.
Se aínda non a tedes, descargade esta guía didáctica que aparece na web da Fundación las Médulas.

17/10/07

Vias Atlánticas

De moi interesante paso a calificar esta web das Vías Atlánticas.
Nos seus obxectivos figuran a valorización e conservación dos recursos patrimoniais, naturais e lugares de interese arqueolóxico no percorrido das vias XIX e XX, segundo o itinerario de Antonino, que unían Bracara Augusta con Asturica Augusta, nos territorios da Dives Gallaecia...
Hai unha boa colección de fotos, abundante cartografía (con versión para google maps e google earth), rotas senderistas, novas de actualidade...
Seguro que nos vai servir de moita axuda cando empecemos con ese novo proxecto de agrupacións de centros chironianos. Xa se me está ocurrindo facer algunha desas rotas de sendeirismo.
En inglés, castelá, portugués.... pero non en galego!

11/6/07

Ardeu Lucus



- Señora, ¿por onde se vai a Roma?
- Meu fillo, pois non che sei, non che son de aquí, veño dunha aldea de Friol... (La voz de Galicia)

- ¿viras algunha vez un senador romano fumando?
- Pois non, a verdade ...
(achégase o senador, e di moi serio:)
- E que os romanos fumaban moito . . . (enviado especial Dives Gallaecia)
Son algunhas das conversas que puideron oirse este de fin de semana na cidade das murallas. Semella que nun vago rincón da memoria agóchase o recordo dun pasado romano e castrexo, e a xente de Lugo saíu ás rúas a demostralo. Nenos e maiores vestidos de soldados, patricios ou senadores, damas lucindo as súas stolas sen renunciar aos tacóns, bandas de guerreras galaicas dispostas a todo, druidas, escravos, gladiadores, togas praetextas, xefes castrexos, bigas, falcóns pousados no ombreiro do seu amo, zancos, lume, queimada . . .
Podedes ler as crónicas de prensa da Voz de Galicia neste dossier.

29/5/07

Arde Lucus

Do 8 ao 10 de xuño celébrase en Lugo unha nova edición do "Arde Lucus", unha recreación histórica do mundo romano, na liña de Tarraco Viva, que ofrece ao visitante a posibilidade de facer compras de productos artesáns no seu macellum, practicar o tiro con arco, asistir á instrucción militar do campamento, participar nun obradoiro de elaboración de armas antigas ou de traxes romanos, ver desfilar unha biga polas rúas de Lucus Augusti, asistir á batalla final entre celtas e romanos ou mesmo participar nunha bacanal!!

26/5/07

A arqueogastronomía de KuanUm



Navegando polo proceloso mar dos planetas de Chiron, vin a dar coa xente de KuanUm, un peculiar equipo de arqueogastrónomos, que o pasado mes de xaneiro ofreceron unha degustación do mulsum e o defrutum romanos, nunha exposición sobre o castro de Elviña que tivo lugar na Coruña, tal e como recolle a Voz de Galicia na súa edición dixital.

Neste artigo, do que fixen unha edición en *pdf incluíndo as imaxes aparecidas no suplemento dominical do periódico e unhas cuestións para os alumnos, podemos descubrir o que se comía na antiga Gallaecia, tomando como base os restos arqueolóxicos, así como aventurarnos na elaboración dalgunha receita romana.

30/4/07

A vida cotiá na Galicia romana

Este é o título do libro de Ana María Suárez Piñeiro, publicado en Ed. Lóstrego, Verín-Santiago, 2006.
Segundo nos conta Xavier Lombardero nunha reportaxe publicada na Edición Dixital da Voz De Galicia do 27/04/07, a vida cotiá dos galegos de hoxe en día débelle moito ao mundo romano.
Tomando como exemplo a cidade de Lucus Augusti, a autora fai un repaso dos centros termais da Galicia romana, recorda as ocupacións favoritas do ocio (caza, xadrez romano, dados, tres en raia), costumes de aseo persoal, cambios na dieta (industria do salazón, introducción do viño, etc.)
Fala tamén da hipótese do Teatro e Anfiteatro de Lugo, aínda non confirmada pola arqueoloxía.
O que sí parece confirmado é a importancia de Lugo e a súa muralla, e resalta que o seu fundador, Paulo Fabio Máximo, aínda non teña unha rúa que leve o seu nome.
Podedes descargar este artigo de prensa en formato *.pdf picando aquí.

13/11/06

Aparece un novo miliario en Pontevedra


Segundo puidemos ler na Voz de Galicia do pasado 9 de novembro, os arqueólogos que traballan na escavación do Burgo lograron extraer un segundo miliario romano aínda sen datar, logo do aparecido en 1988, datado na época de Adriano, no ano 134 da nosa era. Se queres máis información podes baixar o arquivo completo desta nova en *.pdf e outros documentos sobre a romanización pulsando aquí.