Mostrando entradas con la etiqueta transmisión. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta transmisión. Mostrar todas las entradas

31/10/19

Copia, que (afortunadamente) algo queda!

Durante a mañá de onte, e tal como fixemos o curso pasado, os alumnos de latín de 2º de Bacharelato do MGB visitaron a Biblioteca América da USC, sita no Pazo de Fonseca de Santiago.

Este ano, ademais de poder ver e tocar a edición fácsimil do orixinal de 1055 do Libro de Horas de Fernando I, tivemos a oportunidade (única tamén para min) de ter diante dos nosos ollos edicións antigas de clásicos da literatura latina, como Plauto, Terencio, Cicerón ou Ovidio.

Estamos a falar por exemplo dunha edición de Plauto do ano 1540, ou doutra de Cicerón datada no 1584. As de Terencio e Ovidio eran máis recentes, tan só de hai 300 anos!

E este un tema, o da transmisión literaria, que malia que figura no currículum, moitas veces non recibe a atención debida. E motivos para telo en conta non lle faltan.

Botemos senón unha ollada a estas pequenas e imprescindibles parcelas do saber:
  • soportes e instrumentos de escritura (do papiro ata o libro electrónico e o audiolibro!) 
  • as bibliotecas da Antigüidade
  • os factores que influíron na transmisión
  • a labor dos copistas
  • os tipos de letra
  • a chegada da imprenta
  • os incunables
  • o aparato crítico
  • os palimpsestos...
Para nós cobra vida cada ano na nosa web, nutríndose dos novos descubrimentos e novas que saen a cotío nos medios de comunicación.


8/11/18

Transmisión literaria (un pouco de Filoloxía)

A raíz dunha nova publicada na Voz de Galicia no mes de outubro, e inmersos como estamos na edición da nosa nova páxina web, xurdiu a idea dunha visita a Santiago para coñecer de primeira man o "Libro de Horas de Fernando I", un códice do ano 1055, anterior ao Códex Calixtinus, 

Esta mañá fomos recibidos por Javier Villar, bibliotecario da universidade, que nos deu unha amena charla, primeiro sobre a "Biblioteca de América" e o seu fundador, e logo, xa entrando en materia, sobre a fascinante historia da transmisión dos textos, a aparición da imprenta, os incunables, códices, papiros e pergameos.

Como mostra dos tesouros que se gardan nos fondos da USC, tivemos a ocasión de ter na nosas mans a edición fácsimil do orixinal de 1055 do Libro de Horas de Fernando I (o orixinal está gardado en cámara acorazada). Unha preciosidade que ademais é único, non só pola súa Antigüidade, senón tamén por ser dos poucos que nos dan información sobre os seus autores: o copista Petrus, e o iluminador, Fructuosus.

Nesta ligazón podemos obter unha versión dixitalizada do mesmo.

A raíña Sancha de León encargou a monxes, amanuenses e iluminadores, un Libro de Horas como regalo ao seu marido, o rei Fernando I de León. Feito en vitela, pel de animal recén nacido, adornado con 280 capitais e 3.500 iniciais en vermello e ouro. 226 folios.

Máis imaxes neste album de Flickr.



14/11/16

A transmisión da literatura grecolatina na prensa

A prensa e unha fonte inagotable de recursos para as nosas clases. Ademais dos latinismos, que nos deixan novos exemplos de uso todos os días, podemos atopar nas páxinas dos diarios excelentes materiais para a aula.

Para o tema da transmisión da literatura grecolatina deixo aquí esta relación de artigos e novas, que con toda seguridade seguirá crecendo no futuro.



  • En primeiro lugar, un artigo de El País, onde nos conta a historia duns textos recuperados a partir dun papiro calcinado pola erupción do Vesubio, a fascinante historia da Vila dos papiros.
  • Logo temos a rocambolesca historia do roubo e posterior recuperación dunha das xoias da coroa, o códice Calixtino. Podemos lela neste artigo de El mundo, ademais de enterarnos de que é un códice e da ímproba labor de copia nos mosteiros medievais.
  • E para códices famosos, que mellor que "O libro máis misterioso do mundo", que podemos ler no diario El País.
  • Para saber algo máis dos tipos de letra, un factor que tamén influiu na transmisión, atopamos esta lectura, "El monje de la mala letra", tamén no diario El País, sobre a historia, o presente e o futuro da caligrafía, da man de Ewan Clayton, un personaxe entre monxe medieval e gurú de Silicon Valley.
  • Outro factor decisivo na perda de obras literarias foron as guerras e catástrofes, que provocaron entre outros o incendio da Biblioteca de Alexandría (máis que un, varios deles...). Ben, pois aquí temos unha crónica da BBC na que nos conta o que a guerra actual do Estado Islámico está facendo cos restos arqueolóxicos de Palmira.
  • E falando de Alexandría, por qué non considerar esta Biblioteca o Google do século II a.C.? Isto é o que propón esta entrada de CanalHistoria.
  • Na cuestión do cambio de soportes, non está de máis volver a abrir o debate da loita entre o libro de papel e o libro electrónico, porque parece que o primeiro goza aínda dunha "mala saúde de ferro", como Churchill. Así o pensa e demostra con cifras e datos estatísticos Joseba Eola, dende este artigo de El País.
  • As labores dos copistas nos códices que poden ser a cuna do español, "Os cartularios de Valpuesta", neste artigo de El País.
  • E por último, para os instrumentos de escritura, a curiosa historia do bolígrafo, que resulta ser un invento moi recente, nin máis nin menos que de mediados do século XX. Lémolo na Voz de Galicia.
Imaxe dun rolo de papiro da Torá | Wikipedia