Mostrando entradas con la etiqueta grego. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta grego. Mostrar todas las entradas

21/6/19

Obradoiro de cociña grega - IES MGB xuño 2019



RECEITA Τζατζίκι

Συστατικά (ingredientes)

  • 300 γρ. γιαούρτι στραγγιστό (300 gramos de iogur escurrido)
  • 1 αγγούρι (1 pepino)
  • 1/3 σκ. σκόρδο (12 dentes de allo)
  • 3 κ.σ. ξίδι από λευκό κρασί ή μηλόξιδο (vinagre de viño branco)
  • ¼ ματσάκι άνηθο, ψιλοκομμένο (προαιρετικά) (¼ eneldo, picado fino)
  • 2 κ.σ. ελαιόλαδο (2 tbl. aceite de oliva)
  • 1 πρέζα αλάτι (1 pizca de sal)
  • πιπέρι (pementa)
Μέθοδος Εκτέλεσης (preparación)
  1. Escurrir o iogur deixándo varias horas sobre un colador. Verter logo nun bol.
  2. Pelar o pepino e raialo sobre un pano de cociña, engadindo o vinagre e a pementa.
  3. Escurrilo apretando o pano de cociña para que solte a auga e engadilo ao bol.
  4. Mazar nun morteiro o allo e o aceite e engadir a o bol
  5. Finalizar picando unhas ramiñas de eneldo e engadindo un pouco de aceite.
  6. Descargar *.pdf
  7. En vídeo: https://youtu.be/ZVOXCNxapdg
 RECEITA Μελιτζανοσαλάτα

Συστατικά (Ingredientes)

  • 1 κιλό μελιτζάνες φλάσκες, μέτριες (1 kilo de berenxenas medianas)
  • 1 πιπεριά Φλωρίνης (1 pemento)
  • 1 σκ. σκόρδο (4γρ.) (1 allo)
  • 30 ml μηλόξυδο ή ξύδι από λευκό κρασί (30 ml de vinagre de sidra ou vinagre de vino blanco)
  • ½ ματσάκι μαϊντανό (½ presa de pirixel)
  • 2 τεμ. φρ. κρεμμύδι (50 γρ.) (2 pezas de cebola)
  • 60 ml ελαιόλαδο (60 ml de aceite de oliva)
  • αλάτι (sal)
  • πιπέρι (pementa)

Μέθοδος Εκτέλεσης (Preparación)

  1. Precalentar o forno a 180º. Pinchar as berenxenas e fornealas co pemento durante 40min. Sacarlle o recheo as berenxenas, poñelas nun pano e escurrir. Despois de escurrir, picar e poñer nun bol. Sacarlle a pel e as sementes ao pemento, picar e engadir ao bol.
  2. Mesturar o vinagre e o aceite pola batidora e engadir.
  3. Engadir o sal, a pementa, o allo e o pirixel e mesturar.
  4. Servir e botar a cebola e un pouco de pirixel por enriba, cun chorriño de aceite para decorar.
  5. Descargar *.pdf
  6. En vídeo: https://youtu.be/yY1jv7U0I60


18/9/15

Ler grego é fácil (cuestionario para moodle)

Pois si, ler grego é fácil, é moito máis se para iso nos acompañamos da presentación de Ana Ovando do mesmo título, que leva xa máis de 200.000 visitas dende o ano 2007 (por algo será...)



Como sabedes tod@s os que en algunha ocasión a tedes utilizado na aula, a medida que van transcorrendo as diapositivas coas letras gregas se van introducindo cuestións referidas á mitoloxía, xeografía ou personaxes célebres da Antigüidade grega e romana.

Ben, pois tomando como base ditas cuestións elaborei un cuestionario de 19 preguntas para incluír no noso curso moodle. Hai preguntas de resposta breve, de escolla múltiple, etc, todas elas acompañadas dunha ilustración.

O arquivo onde se recollen estas preguntas podedes descargalo dende esta ligazón.

Neste videotitorial se dan as instrucións necesarias para realizar a importación do cuestionario ao noso curso moodle.

Espero que vos sexa de utilidade nestes primeiros días de alfabeto!

salutem plurimam omnibus!



16/10/12

Mil Naves

Mil naves é o título do primeiro tomo da monumental obra gráfica sobre o ciclo troiano realizada por Eric Shanower, guionista-debuxante, gañador entre outros do prestixioso premio Eisner 2001 e 2003.
Dos 7 volumes previstos, actualmente están rematados tan só 3: Mil naves, Sacrifice e Betrayal. En realidade trátase de volumes recompilatorios, pois cada un deles inclúe os 3 episodios publicados en España por separado anteriormente (os 9 issues, na edición americana)

Aquí de momento só contamos co primeiro destes volumes, Mil naves. De Sacrificio están publicados os 3 episodios por separado e de Traizón só os 2 primeiros. Podedes ver dende aquí a serie completa.

Existe tamén unha versión dixital en castelán dos 27 primeiros números (formatos epub, web, ios), que se pode adquirir nesta web.

O volume que nos ocupa hoxe arranca co pastor Paris nas ladeiras do monte Ida, dende onde se dispón a baixar ata a corte do rei Príamo, quen logo duns xogos atléticos recoñecerá ao seu fillo perdido. Seguen logo o famoso rapto de Helena e os preparativos dos aqueos para a inminente guerra, que inclúen a busca dalgúns heroes que intentan evitar a súa participación, como son o caso de Aquiles escondido na corte do rei Licomedes, ou Ulises, que se fai o tolo en Itaca. As últimas viñetas recollen a partida das "Mil naves" dende as costas de Áulide cara a Troia.

Inclúense ao final unhas páxinas que recollen a Historia da casa de Atreo (Los Hijos del Horror), glosario de personaxes, bocetos e entrevistas co autor, así como unhas fermosas ilustracións a todo color. No comezo do libro contamos cunha introdución que nos conta os feitos principais da historia da Guerra de Troia e das excavacións realizadas no xacemento arqueolóxico.

Na web Age of Bronze atoparemos toda a información necesaria: resumes dos libros, índices de personaxes, ligazóns relacionadas (botade unha ollada a esta fermosísima web sobre Troia), guía de pronunciación dos nomes, fondos de escritorio, etc.

E por último, unha delicatessen. A versión a todo color para Ipad (de momento só en inglés e dos primeiros fascículos), por 0,79€ cada un.

Unha obra obrigada para as bibliotecas dos nosos centros. Esperamos que o editor español se anime cos seguintes volumes e poidamos desfrutar deles canto antes (e que se anime Eric tamén e remate os que lle faltan!!)

19/9/12

Brevissimae Bracae (Finitae sunt...)

Sen entrar en conflito coa triloxía panchiana da saúde, diñeiro e amor, quizais, só quizais, a felicitas buscada pode ser directamente proporcional á cantidade de tempo que podemos levar as brevissimae bracae do Lexicon Recentis Latinitatis. Pero sempre chega setembro.

Velaquí os datos deste novo curso 2012/13 dende o MGB da Estrada.
2 profesores menos (1 de plástica e 1 de francés). 19 horas lectivas para min, distribuídas do seguinte xeito:

  • 3 horas de latín de 4 ESO (11 alumnos)
  • 4 horas de latín 1BAC (13 alumnos)
  • 4 horas de grego 1BAC (10 alumnos)
  • 4 horas de latín 2BAC (10 alumnos)
  • 4 horas de TIC 1BAC (18 alumnos)

Volve o grego ao MGB logo de 2 anos onde os alumnos "de letras" tiñan que cursar obrigatoriamente latín e economía. Había que facer algo. A montaña e Mahoma.

Hoxe, na primeira clase de grego, empezando co alfabeto, o tempo pasou tan rápido que nin os rapaces podían crer que tocara o timbre. Claro que éramos varios profes na Aula. Dende o primeiro día deixei claro que detrás da mesa estarei eu pero detrás de min estará Ana e o seu neno grego.


* Ceos de Arousa dende o illote de Pombeiriño, a illa de Sálvora ao fondo. Detrás, espera Oceanus.

29/3/12

A guerra de Troia. Novo cómic de Marvel.

Na Ilíada e na Odisea, Homero fala principalmente dos sucesos acaecidos no noveno ano do sitio de Troia e da viaxe de regreso a casa de Ulises. Pero houbo outras obras na literatura grega, perdidas hai tempo, que nos contaban outros aspectos relacionados co antes e o despois da guerra.

  • Cipria, que trataba sucesos precedentes á Ilíada
  • a Pequena Ilíada, que continuaba a historia ata a construción do cabalo
  • Iliupersis, o saqueo de Ilión, onde se narraba a caída e destrución da cidade
  • Os Nostoi (regresos) a volta a casa, moitas veces tráxica, dos heroes gregos.

Tamén os dramaturgos tráxicos nas súas obras aportan máis información, como Eurípides en "Ifixenia en Áulide", ou Esquilo en "Troianas" e "Agamenón".
Os escritores romanos continuaron a historia, como Quinto de Esmirna coas "Posthoméricas". O sirio Luciano, nos seus Diálogos do século II d.C. relatou o "Xuízo de Paris", causa da guerra. Ovidio tamén aludiu a varios episodios da mesma nas Metamorfoses e nas Heroidas. Máis detalles aportan Apolodoro, Servio ou Pausanias.

Nestas obras podemos atopar ás veces contradiccións, versións diferentes, distintos puntos de vista, pero de todas xurdiu a gran historia épica da literatura universal, a loita por Helena de Troia.

(...) Esta novela gráfica tivo en conta todas estas fontes, 
para que a historia completa sexa de todos coñecida...(...)

Así, con esta introdución, que aparece nestas liñas lixeiramente adaptada, comeza esta nova obra da Colección de Clásicos Ilustrados Marvel, con guión do gran Roy Thomas e debuxos do español Miguel Sepúlveda, que xa traballaran xuntos na Ilíada (nesta mesma colección). A Roy Thomas debémoslle tamén a gran adaptación que fixo da Odisea (neste caso con debuxos Greg Tochhini).

A obra comeza coa aparición de Eris e o xuízo de Paris. Seguimos despois co rapto de Helena no pazo de Menelao, a busca de Ulises en Ítaca e de Aquiles na corte do rei Nicomedes, o sacrificio de Ifixenia, o abandono de Filoctetes, a captura de Briseida e Criseida como botín de Aquiles, a disputa entre Ulises e Palamedes, a chegada de Pentesilea e as amazonas e a súa morte a mans de Aquiles, a morte de Tersites e Memnón tamén causadas polo fillo de Peleo, e finalmente a morte de este pola famosa frecha disparada por Paris. A historia continúa con Aiax e Ulises recuperando o cadáver de Aquiles e a posterior disputa entre estes dous heroes que remata coa loucura e suicidio do primeiro, o rescate de Filoctetes e a morte de Paris. Cóntase tamén as discrepancias dos deuses dende o Olimpo e o combate singular entre Ares e Atenea, atallado pola intervención de Zeus. Seguen as manobras de Ulises, que percorre disfrazado as rúas de Troia e busca a colaboración de Helena, a historia do cabalo e o traidor Sinón, a morte de Laocoonte. Troia arde e Neoptolemo mata a Príamo sen ningunha piedade, Menelao fai o mesmo con Deífobo, Eneas foxe cos seus e contempla a unha Troia en chamas, Odiseo e Calcas condenan a morte a Astianacte, fillo de Héctor e Andrómaca, despeñándoo dende as murallas de Troia, e Agamenón leva con el a Casandra no seu barco, desprezando as prediccións que máis tarde se farán realidade. Na última viñeta, un Menelao e unha Helena felices e comendo perdices para o resto dos seus días.

En resumo, unha obra imprescindible para as bibliotecas dos nosos centros, unha magnífica porta de entrada na Literatura Clásica para os nosos alumnos.

25/4/11

A canción de Ariadna

Unha pequena reseña deste manga recén aparecido e ambientado na Grecia Clásica.
Non busquemos nel fidelidade á Historia ou ao Mito. 
Simplemente pasemos un bo rato con esta fermosa historia (de amor) con final feliz. Coa princesa Ariadna e o príncipe Órelan...
Autora: Irene Roga
Edita: Gaijin Manga - Glenat

Máis en:

24/9/10

Alfa e Omega

Alfa e Omega. Principio e fin. Setembro e xuño.
Chiron en Gijón, primavera do 2008. Un tema de Santiago Menor, dende Avilés.
Imaxes: La mirada griega.
Para Nausícaa e Ricardo, dende a Dives Gallaecia:

18/9/10

Omne principium difficile

Como tódolos setembros produciuse outra vez a milagre, a cerimonia de transformación. O paso das estacións. Volvemos.
Escoitamos con ledicia como outros compañeiros gañan fieis, e mesmo logran bula para abrir a igrexa a un só feligrés (aquí gastámolo todo na cidade da Cultura e logo pasa o que pasa...)
Do meu recente periplo por terras catalanas, ademais do privilexio da visita a Girona con tan egrexio cicerone (outros non puideron asistir por mor dos males propios da xuventude), traio noticias sobre o novo calendario que nos espera, e que estreaban alí este curso: comézase unha semana antes e logo en febreiro-marzo vén unha semana de vacacións, comúnmente coñecida como semana branca, aínda que a xulgar polo visto na viñeta quizais habería que pensar na mudanza de calificativo. Tamén comezaba alí a implantación dos libros dixitais, algo parecido ao "Proxecto Abalar". En principio somos todos moi modernos e renovadores, quizais para acabar onde xa estabamos: cos libros tradicionais escaneados e presentados en pantalla.
En Galicia comezamos o curso cun recorte importante de profesorado, con máis alumnos por aula, cun decreto para o uso do galego que vai ser ignorado olímpicamente nos Claustros, e cunha paixón colectiva, enfermiza case, polas seccións bilingües, aínda a risco de esquecer a nosa propia.
No IES Manuel García Barros da Estrada desaparece o Grego neste curso. Despois de que apenas un par de alumnos escollesen a asignatura e dada a imposibilidade de crear grupos con tal número, a titular de Grego foi desprazada a un centro de Santiago. A situación desta materia semella xa desesperada. Se non se toman medidas rapidamente as cousas só poden ir a peor. Non creo que sexa toda a culpa da Administración. Son os rapaces os que non a piden. Ou se cambia o programa de xeito radical ou o descenso de alumnado será imparable. O aoristo, a voz media e a reduplicación terán que ceder o paso a outros contidos más axeitados para os rapaces do século XXI.
Ademais do grego tamén perdemos, eu neste caso, o latín de 4º de ESO. A progresión desta materia foi alarmante: de 20 alumnos hai dous anos, 10 alumnos o ano pasado e ningún neste (só a pediron 2 e como optativa e o recén creado itinerario LATIN-MUSICA non foi escollido por ninguén!). É só un feito puntual? Cambiarán as tornas no futuro?
Así comezamos este curso de 2010/2011. Algo nos avisa, na boca do estómago, que mañá subimos ao escenario.
Con menos público.

*Viñeta publicada no diario La Manyana, de Lleida