Mostrando entradas con la etiqueta power point. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta power point. Mostrar todas las entradas

31/3/08

O PESO DA TIZA


Teño que recoñecelo, cada día cústame máis coller unha tiza. É algo xa físico, cuestión de tacto, de sensacións, dese po branco que se pega ás mans, á roupa, dese rechinar de dentes nas freadas ao límite máis propias de motoGP, deses anacos tan pequenos que se che desfán nos dedos antes de poder escribir unha letra.

Escribir no encerado. Que nobre arte. Para aqueles privilexiados que dominen esta técnica, claro, porque eu sempre digo que isto no é como empeza (liñas rectas), senón como acaba (a beleza do trazo curvo, da letra enrugada, unha mestura das máximas de Rubens e Adolfo Domínguez)

Recordo a un dos meus primeiros mestres, un auténtico Litterator (magister ludi), Don Pepe, dotado dunha caligrafía marabillosa, máis espectacular se cabe no seu trazado no encerado, liñas rectas, maiúsculas imposibles.

O peso da tiza. Algo que as novas xeneracións recordarán con asombro, tal e como lembramos hoxe o famoso "pizarrín" do que falaban os nosos ancestros, que non era senón unha versión posta ao día das Tabulae ceratae. Ou aqueles pupitres de dúas prazas, unidos por un ferro verde e provistos dun estraño burato negro, que facía ás veces de depósito de tinta, cousa que a nós, fillos da xeneración bic, sempre nos deixaba alucinados, imaxinando que podería saír daquel tebroso abismo.

Cambiarán sen dúbida as habilidades taquigráficas, que algúns perfeccionaron ata convertirse na réplica perfecta do prodixioso Tirón. Temos que recoñecer que pasabamos a maioría das clases máis pendentes de escribir ben o que se nos dictaba que de concentrarnos na explicación pertinente. E que dicir das famosas "fichas", unha revolucionaria proposta das TIC de entón (a outra eran os fabulosos conxuntos e as súas enigmáticas propiedades de sonoros nomes latinos: bi-uní-voca, trans-itiva...), que tiñamos que facer primeiro "en sucio", para despois pasalas "a limpo". A ninguén lle parecía importar a resposta. O principal era que o escrito na ficha estivese impoluto.

A quen formaban, a quen formamos? A futuros escribanos? Debemos seguir perdendo esa cantidade inxente de tempo na aula en escribir textos ou esquemas? Debe o alumno interactuar como un mera fotocopiadora, aplicando o seu esforzo a reproducir con maior ou menor éxito o escrito xa na pizarra? É imprescindible "coller apuntes", facer que o alumno pase toda a hora escribindo cando podemos proxectalo nunha pantalla e despois colgalo nun arquivo na rede para a súa descarga?

En entradas anteriores quixen explicar as vantaxes que pode aportar un sinxelo power point na explicación de textos para tradución ou mesmo nas cuestións gramaticais. Se os temas son de civilización as posibilidades multiplícanse, coa inserción de fotografías, vídeos, ligazóns a sitios web, etc. Na sección de presentacións de Chiron colaboramos moitos profesores para poñer a disposición de todos un bo número de exemplos de todo tipo, que medra cada día, e así poder implementalas nas nosas clases.

Confeso que hoxe son un privilexiado. Imparto as miñas clases nunha aula con canón e conexión a internet. Supoño que así se debería sentir aquel magister ao que por primeira vez lle instalaron un encerado na aula. Recoñézome na ledicia que debeu sentir cando un dos seus colegas lle falou da existencia dunhas novas e maravillosas tizas de cores!




20/2/08

FLASH EN BLOGGER


Un proceso un tanto laborioso para chegar ata este resultado. Elaboramos unha presentación en power point, pasámola a *.swf con flash spring, como xa explicamos nunha entrada anterior, aloxamos o arquivo nun servidor e inserimos este código html:(sen asteriscos)
<*embed src="http://enderezodoarquivo.swf" width="430" height="400"><*/embed>
Deixo aí a terceira declinación como exemplo.

17/12/07

AB POWER POINT IN FLASH ET MOODLE

Navegando polos procelosos mares do planeta de blogs de Chiron, vin dar na bitácora de Fernando Lillo, onde facía referencia a unha presentación en flash sobre as vías romanas, colgada na web do IES Santo Tomé de Freixeiro de Vigo, de grato recordo para este cronista, xa que foi aí onde aprobou as oposicións, na última década do século pasado...
Fíxeime entón que esa presentación estaba feita cun programa, flashspring, convertidor de power point a flash. Entón puxen rumbo á páxina do mesmo e isto é o que descubrín.

Este programa ten varias versións, unha que converte de power point a flash, chamada Flashspring Pro 3.0 (xenera un arquivo flash *.swf e outro index.html que contén a citada animación). Existe unha versión de pago a 199 dólares, e outra totalmente gratuíta, coas mesmas funcións e que se pode descargar dende a mesma páxina. A única diferencia é que esta última leva un pequeno logo de publicidade nos arquivos que xenera.

Outra versión do programa, de enorme utilidade para os usuarios de Moodle ou outras plataformas LMS, é a FlashSpring Ultra 2.4, que xenera, a partir dunha presentación Power Point, un paquete scorm compatible coa maioría delas. Hai unha versión de pago de 499 dólares, e outra gratuíta, coa mesma particularidade que a anterior.

Así pois descarguei ambos programas (ocupan menos de 10 megas cada un) na versión gratis total, instaleinos e comprobei o fácil que é converter arquivos *.ppt en flash, ou en paquetes scorm. Logo da instalación créase unha pequena barra de ferramentas no power point e con só darlle a un botón temos a animación feita!! Quedei sorprendido pola excelente calidade dos arquivos xerados, que respectan todas as animacións orixinais, e a súa impecable adaptación a moodle.

Todo un descubrimento para os usuarios das aulas virtuais, e, seguro, unha ferramenta de uso intensivo a partir de agora!!