Mostrando entradas con la etiqueta Latinismos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Latinismos. Mostrar todas las entradas

13/4/15

Memento mori

Onte, no Salón Teatro de Santiago, tivo lugar a estrea mundial de Memento mori, a última curtametraxe de Artekille, ou sexa, Marisa Otero, compañeira de galego e colaboradora en varios dos proxectos de Dives Gallaecia.
A factura, profesional. Os actores fantásticos. Iluminación e fotografía, cabeceira, efectos especias, un dez! Espero que dentro de pouco poidamos ter un proxecto similar relacionado con Mundo Clásico!
De momento terémonos que contentar cos versos de Horacio que figuran no tráiler:

"Filtra o teu viño, e neste espazo de tempo
recorta as esperanzas a longo prazo.
Mentres falamos terá fuxido o tempo.
Goza do presente, sen fiar o máis mínimo no mañá".

Dum loquimur,
fugerit invida aetas

Carpe diem, quam minimum
credula postero.

Vina liques, et spatio brevi
spem longam reseces.

Tu ne quaesieris quem mihi,
quem tibi finem di dederint

E se vos parecen esaxerados os meus eloxios anteriores, xuzgade vós mesmos:



Tráiler Memento Mori from Artekille on Vimeo.

26/3/11

A mala prensa do latín

Hai pouco falabamos aquí do que podía ser a enciclopedia do futuro.
Hoxe, sen ir tan lonxe, falaremos dun elemento descoñecido ata hai pouco, pero que chegou para quedarse. Se atendemos á forma de traballar dos nosos alumnos, semella que non poden imaxinar un mundo sen el (pero tampouco sen móviles ou sen botellón). Estou a falar do hipertexto.
Poñamos que este mesmo traballo que presento hic et nunc houbese sido realizado hai 20 anos. Sería unha listaxe sen máis, un texto plano que nos daría a definición de cada latinismo. O alumno quizais os aprendese todos de memoria, pero seguramente non sería capaz de empregalos no contexto axeitado.
Propuxen hai xa un par de anos aos meus alumnos un traballo colectivo, enriquecido ano tras ano coas aportacións dos integrantes dese curso de Latín II, que sempre se renova mentres nós seguimos sendo case os mesmos.
Tratábase de buscar exemplos de latinismos na prensa actual e completar a listaxe con pequenos fragmentos destes usos e ligazóns ao texto completo, citando o medio de comunicación e a data de publicación do artigo.
Este ano ademais intentamos poñer imaxes ao texto, na medida do posible con licenzas CC que permitan a súa utilización.
O resultado foi este documento en *.pdf de 32 páxinas, que ten a súa correspondencia no apartado de latinismos da nosa wiki PaulatimGallaecia. Nel aparecen exemplos de extraídos dos principais diarios do Estado. Hai novas de política, de deportes, de sociedade. Poucas, moi poucas, en galego.
E o mellor de todo é que o documento está inacabado. Faltan máis exemplos, faltan máis imaxes. Non será problema. Están agardando os de 1º, e os de 4º...
Sería un bo regalo para o decano da Facultade Periodismo da USC, que na súa cegueira ante o peso do latín nas ponderacións, fai bo o dito de "Quod Natura non dat, Compostella non praestat"

11/4/07

Reunión co Coordinador das PAAU de latín - Listaxe de Topónimos

Un grupo de profesores tivemos onte unha reunión en Santiago co Sr. Pereira, director do grupo de traballo de latín para as probas de selectividade deste ano 2007, dentro dunha serie de xuntanzas que se están levando a cabo nas catro provincias galegas.
É de agradecer, polo tanto, que despois de tantos anos de sermos ignorados, por fin se nos teña en conta á hora de elaborar o contido e formato desta proba.
En liñas xerais pódese dicir que as modificacións do programa tiveron boa acollida polo profesorado, en concreto a acotación de temas de literatura e textos de traducción. Houbo varias suxerencias respecto á edición destes textos, pedindo que consten sempre os nomes propios en nota ao pé, ou que se manteña a grafía v en vez de u. Despois de todos estes anos nos que sufrimos erros de todo tipo (mesmo repetición de textos) non podemos menos que sorprendernos (agradablemente) por todas estas atencións.
No que toca á elección de autores para traducción, semella que se van manter Eutropio e Floro. O sr. Pereira avoga por que un grupo de profesores elabore unha antoloxía de textos de varios autores mediante un ano sabático (sic). Nós nos preguntamos cal é o cometido do seu "grupo de traballo", que, por certo, insinúa que vai renovar ...
Por fin foi desvelada a razón pola que a lista de topónimos rematase no "s". Polo visto foi un erro informático. Preguntado o sr. Pereira por que motivo non volve a enviar o arquivo correcto, deixanos outra vez na dúbida existencial. Quizais para o vindeiro ano se poida desvelar este misterio. De tódolos xeitos prométenos que os topónimos que van caer serán ós máis fáciles e que o exercicio vai ser do tipo que figura no modelo de exame.
Promete tamén que non vai preguntar nada de mitoloxía (pois entón non sei para que o menciona nas súas "novas orientacións").
En canto ao da romanización da Gallaecia aclara que só se van preguntar cuestións referidas á arqueoloxía ou á Historia.
Faiselle saber, xa ao final da reunión, que o cambio de coordinador e as novas orientacións das probas debéronse facer antes do comezo do curso, e non en novembro coas programacións xa feitas.
Gracias a Benigno Riveiro Arjones, comes do que escribe estas liñas, dispoñemos dunha listaxe de topónimos comentados , cunha versión máis breve, axeitada para darlla aos alumnos. Recordade que tamén podedes descargar a listaxe de latinismos 2007.
pd: en qué consistirá o traballo do "grupo de traballo"?

27/2/07

Os latinismos na prensa

Traballando cos alumnos na listaxe de latinismos para as PAAU 2007 moitas veces ocorre que, aínda que saben o que significa determinado aforismo latino, non o saben empregar no contexto axeitado. Na páxina do departamento de latín e grego do MGB pódese atopar unha galería de imaxes dos latinismos na prensa , onde se recollen noticias máis ou menos actuais que inclúen moitos deles, como a que ilustra esta entrada, onde a universidade escocesa de St. Andrews honra a Dylan como doctor honoris causa. Ofrece tamén XII exercicios diferentes para poder traballar o uso e significado dos mesmos.

18/1/07

Aforismos nas PAAU de 2007

A semana pasada chegou ós centros un correo-E do Director do Grupo de Traballo de Latín cunha listaxe de latinismos e topónimos de cara ás probas de Selectividade do 2007.
  • Podedes descargar dende o wiki de recursos clásicos de Chiron, na sección de Latín - Diccionarios e Vocabularios, unha listaxe con estes aforismos comentados e algún outro máis.
¿Alguen sabe o que temos que facer cos cos topónimos?
¿E por que a lista acaba na letra "T"?
Admítense comentarios. Premios para todos!!.