Mostrando entradas con la etiqueta cursos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta cursos. Mostrar todas las entradas

11/3/12

#ChironValladolid

Camarzana de Tera, Mansilla de las Mulas, Cerecinos de Campos, Quintanilla de Urz. Queda claro que o telón de Grelos quedou atrás.
Este fin de semana estivemos en Valladolid, desenvolvendo a fase presencial das III Jornadas de Innovación Didáctica en el Aula de Clásicas, organizadas pola Sección de Valladolid da Sociedad Española de Estudios Clásicos, o Centro Buendía da Universidad de Valladolid, e o Departamento de Filología Clásica da mesma universidade.
Na tarde do venres Sebastiá Giralt presentou o portal de Chiron e o Marcador Social do grupo, que agora, tras os últimos cambios,  engloba todos os tipos de recursos, diferenciados coas etiquetas "documento", "vídeo", "presentación" ou "audio". Son historia xa os grupos de Chiron en SlideShare, Scribd ou Vodpod.
Despois foi o meu turno, no que falei dos usos e utilidades de Moodle. Como novidade, exemplos de Recurso de ligazón a unha páxina web construída cunha busca múltipla de etiquetas de Diigo, ou a outra con coleccións feitas con esta nova ferramenta, que nos permite facer galerías de imaxes ou vídeos.
Pola noite cea en La Buena Moza e paseo polas ruás de Pucela. Fresquito, fresquito.
O sábado abriu Luis Inclán, cos usos e posibilidades que ofrecen os blogs, e que nos trouxo gratos recordos de experiencias pasadas.
Despois José María Ciordia falou de wikis e das posibilidades que nos ofrece Google. No taller práctico editamos entradas da Wikipedia, engandindo etimoloxías. Gran idea que procuraremos aplicar á nosa Galipedia, que tan necesitada anda de colaboración.
Margalida Capèlla tomou o relevo tras o café, axudándonos a atopar textos clásicos na rede e a exprimir ao máximo o Collatinus para preparar os nosos exames. Deunos tamén outra novidosa idea para exames de tradución en moodle, combinando a traducción de pequenos fragmentos con preguntas gramaticais ou de comprensión do texto.
Pechou Rodericus (Rodrigo Portela) que, no seu Rubicón particular, disertou sobre os diferentes métodos para escribir en grego no ordenador ou para usar caracteres con símbolos fonéticos no caso do latín.
As xornadas foron seguidas intensamente no twitter, en  #chironvalladolid.
O meu agradecemento a Ana e Cristina, as organizadoras do evento, pola súa cálida acollida, que fago extensivo a todos os participantes no mesmo.
Voltamos coa satisfacción de re-presentar a Chiron unha vez máis, de coñecer por fin, en vivo e en directo, a Carlos Viloria,  e coa feliz nova da próxima participación de Castilla y León na edición 2013 do concurso Odisea.
Máis imaxes, do curso e da biblioteca de Santa Cruz de Valladolid,  neste álbum.



29/4/11

Un centauro na corte do rei Ortega

Mércores 27 de abril, 2011. Un dos últimos bolos da tempada. III encontro de experiencias Proxecto Ponte dos Brozos, patrocinado pola Fundación Amancio Ortega. Centro tecnolóxico de Arteixo. Na avenida de Arsenio Iglesias. Edificio Ultramoderno. Sillóns de pel no auditorium. Madeiras nobres. Dentro, todo o que un centauro 2.0 poida necesitar. Preséntanse varias experiencias en formato Pecha Kutxa. 20 diapositivas programadas de 20 segundos cada unha. Non todo o mundo o segue. Me gusta. Antídoto contra ponentes non gratos. Se non interesa, son só 6 minutos de suplicio. Bonum si breve, bis bonum. En definitiva, nihil novum sub sole.

10/4/11

Os números dun centauro de 5 anos

Nas tardes destes últimos dous venres, 1 e o 8 de abril, cambiei de escenario e de auditorio. O último bolo deste "non ending Tour" levoume ás aulas da USC, dentro do curso de Iniciación á Metodoloxía Científica, organizado (por segundo ano xa) por SEECGalicia. Diante de min preto de 30 persoas, na súa maioría estudiantes de Filoloxía Clásica (si, aínda quedan!), pero tamén algúns profes.
Comecei por unha introdución ao mundo 2.0, repetindo mantras e tópicos xa consolidados (pero non por iso menos válidos), como a colaboración, a formación de redes e grupos, as gañas de aprender e de equivocarse, o cambio metodolóxico que implican as novas ferramentas, os novos alumnos que habitan nas aulas do s. XXI...
Na segunda xornada, nunha tarde onde se rondaron os 30 graos de temperatura, presentei a Chiron unha vez máis. Recursos, Comunidade, Historia, Presente e Futuro do noso Proxecto. Números, luces e sombras.
Queda agora a última fase. Dende a Aula Virtual de SEECGalicia agardan unhas tarefas para aprender a usar os recursos presentados e mesmo contribuír con aportacións propias.
De toda a presentación quero destacar aquí unha diapositiva. Os números de abril, ano 2011. 
5 anos despois do seu nacemento, o centauro segue medrando. Xa non é un neno. E quizais por iso necesite máis atención que nunca. Pode que unha nova estancia en Compostela este outono contribúa a refrescar ideas e a recuperar ese dinamismo dos primeiros anos, hoxe perdido, e que tanto botamos de menos.


3/12/10

A Web 2.0 (sive One Love)

Vale, xa sabemos que non é un título moi orixinal, pero así foi presentada a miña ponencia nun bolo moi especial que tiven esta semana que hoxe acaba.
O mércores, logo de pasearme co LLPSI nas mans entre os pupitres dos meus alumnos de 1º de Latín enumerando as armas e demais equipamento dun miles romanus, puxen rumbo a un dos mellores hoteis de Santiago, onde me esperaba unha audiencia dunhas 50 persoas, de 30 a 80 anos, e un inhalámbrico diminuto conectado dende a miña camisa a un equipo de son que sería envexa da mesma París de Noia.
Alí disertei sobre a Dura lex, sed lex, que outorga ao alumno o dereito a ser formado coa competencia dixital necesaria, sobre o nacemento da 2.0 (Atenea xurdindo da cabeza dun Zeus de só lectura?), sobre nativos e inmigrantes dixitais. Falei de compartir, de participar, de grupos e redes, da folksonomía e das etiquetas, e das "gañas de equivocarse" que tantas veces invoco e que escoitei por vez primeira ás sabias Voces Gregas.
A Unión de Consumidores de Galicia, por "esas cosas raras de la vida", púxose en contacto comigo para participar nunhas xornadas que levaban por título "As Asociación de Consumidores no século XXI".
Malia que no tríptico o meu nome figuraba co epígrafe de "Técnico da Consellería de Educación", eu presenteime como o que son, profesor de latín de setembro a xuño (vale, isto último non o dixen...)
E teño que dicir que, a medida que ía falando e pasaban as diapositivas, empecei a notar unha especial conexión coa xente, esa empatía que che fai sentir que realmente te están escoitando, e o que é moito peor, que te están escoitando con interese e atención, o cal, para un profesional do ensino non deixa de ser unha auténtica bendición, vindo como vimos doutros mundos (pero que están neste...)
E se ao final chegan os aplausos e as felicitacións persoais á saída digamos que xa entramos directamente nos campos Elíseos dos ponentes xustos.
No turno de preguntas houbo un chaval (digamos de tres cuartos de século...), algo ofendido quizais pola fenda dixital que mostraba o vídeo do Pai e Fillo e o portal Wap, que nos retaba a que o pechásemos nunha habitación cun nativo dixital adolescente, e que logo de "cortarlle o cable" (sic) lles puxésemos aos dous cantas operacións matemáticas ou traducións de latín quixeramos, e a ver quen resolvía mellor. (logo, nunha segunda intervención, propuxo tamén unha nova clasificación para os grandes inventos da humanidade, onde a anestesia quedaría por diante da roda, da imprenta ou do ordenador. E non vou ser eu quen llo discuta...)
Esta foi a presentación que utilicei, con ligazóns aos vídeos utilizados.


E para rematar o post (unidade de medida na comunicación 2.0) este vídeo que nos amosa o poder da colaboración, da intelixencia colectiva, das redes que podemos crear (e o incrible talento musical que teñen algúns...)

30/4/10

Chiron en Ourense

O pasado mércores tivo lugar en Ourense unha sesión máis do curso "A lingua latina na LOE", organizado polo CFR da cidade. Logo das intervencións en días anteriores de Fernando Lillo e Xosé Manuel Otero, chegou o meu turno para presentar a Chiron ante un grupo de profesores de Clásicas, onde non faltaban vellos amigos, compañeiros de carreira e mesmo participantes daquel xa mítico curso de "Chiron en Compostela"....
A cidade das Burgas, que fóra a miña casa durante os 9 anos que botei no IES San Mamede de Maceda, recibiume con más de 30 graos de temperatura e despediume, logo da triste hecatombe azulgrana, con unha espectacular tormenta que non aforrou saraiba, chuvia, tronos e lóstregos.
Esta primeira aproximación ao proxecto serviunos para coñecer todo o que se agocha na nosa web: os recursos (Galerías de imaxes, vídeos, presentacións, documentos, Wiki de Recursos, Marcador social, Calendario), a Comunidade (Planeta de Blogs, Rede social, Aula Virtual, Foro), o traballo na formación do profesorado, a Defensa das Clásicas.
Houbo tempo tamén para falar de como nace un Centauro, facer balance do acadado nestes anos (con luces e sombras), e tamén para os díxitos, que non paran de medrar día tras día. Crece o número de colaboradores, e crecen tamén os traballos subidos.
O vindeiro mércores será o día onde poremos en práctica todo o aprendido nesta última xornada. Mediante un curso deseñado na Aula Virtual realizaremos unha serie de tarefas para aprender, en primeiro lugar, a buscar información nas seccións de Chiron, e para colaborar activamente despois, colgando os nosos propios materiais na rede.
E como falabamos antes de números, aquí vai unha mostra:


3/12/09

As TICs nosas de cada día

Ese foi o título que me inspirou a Musa (aliquando dormitat Homerus...) para unha xornadas que impartín onte no centro de recursos para profesores (CFR, antes CEFOCOP, antes CEFORE ou CEFIRE...) da Coruña. Quixen contar a experiencia do meu centro, o papel que como dinamizadores TICS (os Tikismiquis, que xa temos alcume...) xogamos tanto eu e o meu colega Sindo Monteagudo. Quizais podades encontrar aquí algunha boa idea que vos poida servir a vós...
Houbo tamén tempo para algunha que outra reflexión. O papel do profesor cando se transforma en alumno. Ao mellor é unha traizón do subconsciente e sentimos un desexo irrefreable de facer xusto aquilo que detestamos que nos fagan a nós...
Porque, acaso deixamos que os nosos alumnos teñan o móvil encendido durante a clase? deixamos que contesten, se teñen algunha chamada, as criaturas....? consentimos que coman na aula, se teñen fame, pobriños? parécenos ben que estén a facer outras cousas que nada teñen que ver coa materia mentres explicamos? A todos nos pasa, tódolas mañáns. Non o soportamos, prohibímolo, rifamos, castigamos, berramos, ameazamos.
Pero pola tarde temos curso, e entón opérase a transformación...

21/11/09

Sexo, mentiras e ponencias de Clásicas.

Ave Viator.
Se estás lendo esta entrada ou ben es un amigo ou seguidor deste blog ou ben premeches na ligazón atraído polo absurdo do título. Non hai sexo (esa é a mentira). O único que atoparás aquí é unha ponencia de Clásicas presentada no Inforensino de Lugo 2009 e á que só acudiron 5 persoas. Había outras dúas ponencias simultáneas, as dúas abarrotadas de xente.
"Proxecto Chiron (así rezaba o título, e ata aí ben...): Estudos Clásicos na web 2.0" (desafortunado como pouco)
É certo que logo había un epígrafe explicando que se trataba dun proxecto colaborativo de profesores, etc. Demasiado tarde. A maioría da xente quedouse na primeira liña. O de Estudos Clásicos foi o pasaporte directo ao desastre.
Vale viator.

19/11/09

Chiron en Inforensino Lugo 2009

Al linguas Clásicas estarán representadas nas xornadas de Inforensino 2009 que se celebrarán en Lugo este vindeiro sábado día 21 de novembro.
O que isto escribe, legatus chinonianus na Gallaecia, falará sobre "O proxecto Chiron: Estudos Clásicos na web 2.0". Podedes ver o programa completo nesta ligazón.



E como o tema hoxe vai de cursos, velaquí a intervención no foro dun profe-alumno nun curso sobre a web 2.0 que estou a impartir no CFR de Santiago...

"Vaia coas linguas mortas!. A verdade que para ser un profesor de "linguas mortas, mantén a súa en febril actividade, (...) quedei gratamente sorprendido da actividade do curso (realizei o ano pasado o de pizarra dixital (...) no que non fixemos practicamente nada (nin sequera tocamos a Pizarra). E sorprendinme tamén das posibilidades que se lle están dando as novas tecnoloxías nas chamadas asignaturas de letras, que as están usando para mudar metodoloxías en contraposición aos de Ciencias que as usamos para facilitar tarefas ou facer as cousas máis atractivas, pero que no fondo seguimos a facer o mesmo..."

Cando poderemos acabar co sambenito ese das "linguas mortas"? Quizais debín recomendarlle a lectura desta entrada...



10/11/09

Web 2.0. CFR de Santiago

Con este título tan pouco orixinal comezo hoxe un curso organizado polo Centro de Profesores e Recursos (CFR) de Santiago, respondendo á confianza que temerariamente depositou en min o amigo Benxa.
Así que esta tarde disertarei sobre esta presentación, elaborada a partir de traballos anteriores de varios e preclaros quironianos "que en el mundo han sido...".
Nesta páxina recóllese un impresionante catálogo de recursos educativos na web 2.0. Semella que nos falta tempo para fedellar en todo o que aí sae...