Mostrando entradas con la etiqueta google. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta google. Mostrar todas las entradas

5/12/10

Novela Histórica e dereitos de autor


Hai unhas semanas o profesorado galego recibiu esta información da Consellería:
---------
(Texto proposto polo grupo de traballo constituído a instancia da Comisión Xeral da Conferencia Sectorial de Educación para analizar o límite legal da ilustración para o ensino, establecida na Lei de propiedade intelectual)

INFORMACIÓN PARA OS CENTROS ESCOLARES SOBRE OS DEREITOS DE AUTOR
A Administración Educativa debe impulsar o respecto aos dereitos de autor nas aulas e na xestión e actividade diaria dos centros. É por isto que todos os membros da comunidade educativa deben coñecer que a propiedade intelectual dunha obra literaria, artística ou científica corresponde ao autor por o só feito da súa creación, e que ser autor conleva o ter recoñecidos unha serie de dereitos que todos debemos respectar.
A Lei de propiedade intelectual regula eses dereitos e tamén nos describe os límites que se lles aplican.
En concreto, o profesorado da educación regrada non necesita autorización do autor para realizar actos de reprodución, distribución e comunicación pública de pequenos fragmentos de obras ou de obras illadas de carácter plástico ou fotográfico figurativo.
Esta utilización unicamente pode ter lugar para a ilustración das actividades educativas nas aulas; e as obras, para poder utilizarse de forma fraccionada, han de estar, previamente, divulgadas, e no posible, o profesorado deberá facer referencia a quén é o autor e a fonte de onde se extraeu o fragmento.
Santiago de Compostela, outubro de 2010
-----------
Hai anos xa que veño traballando nas miñas clases con pequenos fragmentos de ensaio ou novela histórica. Neles cito sempre ao autor, ano de publicación, editorial e páxinas utilizadas. Acompaño ao final unha serie de preguntas relativas ao texto empregado.

Antes creaba sempre unha tarefa de edición en liña no moodle, onde copiaba estas cuestións para que os meus alumnos as editasen despois. Agora, coa implantación no noso centro de Google Apps, creo unha tarefa non en liña na Aula Virtual só para poñer as cualificacións pero fago as correccións nos documentos que os rapaces comparten comigo en Google Docs (a edición é para eles moito máis sinxela e fiable e eu podo insertar comentarios cunha nota á marxe ao corrixir).

A comunicación da Consellería animoume a publicar estes cuestionarios, que tan bo resultado me levan dando.

Antes pasaba moitas horas escaneando as páxinas e retocándoas despois cun programa de recoñecemento de caracteres (OCR). Pero hai pouco descubrín que outras persoas fixeran antes por min este engorroso traballo e que practicamente toda canta novela histórica hai publicada neste país pode atoparse en *.pdf ou en *.doc cunha simple pregunta (capciosa, eso sí...) ao mago Google.

Aquí queda unha pequena lista dalgúns dos fragmentos que eu traballei, coas cuestións na última páxina, por se poden ser de utilidade para algún colega.

* imaxe de btr1dot.com en flickr

30/9/10

30 de setembro, día de Google

Así deberíamos chamar dende hoxe a esta data, nun mes por certo ben cargado de efemérides.
Porque hoxe conflúen dous feitos que ben merecen esta reseña, y que cada vez outorgan máis valor a este mantra, que eu oín por vez primeira ao noso Dux Ubibene, durante a estancia de Chiron en Compostela:
"Google fixo (e fai) máis pola educación que moitos gobernos"
Dende logo bastante más que a Consellería de Educación da Xunta de Galicia, que hai un ano suprimiu a conta de correo-e edu.xove para os nosos alumnos e que leva todo este inicio de curso 2010/2011 con problemas no servidor onde están aloxadas todas as webs e Aulas Virtuais dos centros, o que se traduce na imposibilidade case total de traballar nestes ámbitos, xa que o sistema está colapsado ou caído unhas veces sí e outras tamén.

Pero volvamos aos feitos a destacar.
  • O primeiro: dende hoxe Google traduce latín. Ou iso proclama. Aínda que a xulgar polos resultados que lemos nos Dies de Dèdal creo que os nosos alumnos conseguirán mellores resultados traducindo eles mesmos. (Probade palabra a palabra, como un diccionario, a cousa mellora moito!!)
  • O segundo: Google vén de conceder hoxe ao noso centro un dominio de contas de correo para todo o alumnado e comunidade educativa, con todo o que iso conleva: acceso a todas as ferramentas de google, grupos de correo, calendario compartido, e moitísimas cousas máis que aínda estamos por descubrir. (Todo isto grazas ao gran traballo do meu compañeiro Sindo Monteagudo. Un crack!)
30 de setembro, día de Google

    24/2/10

    "Apadriña un monumento". VRBS ROMA MGB 2010

    De entre os millóns de webs que ao longo dun día poden xurdir nos todopoderosos servidores do gran irmán Google, hoxe queremos destacar esta nova web colaborativa, VRBS ROMA MGB 2010, creada por mor da viaxe que imos realizar no meu centro á Cidade Eterna na primeira semana de abril deste ano,  e na que participaremos 40 alumnos e 3 profesores. 
    Organizada polos departamentos de Latín e Xeografía e Historia do MGB, esta nova web, que editarán os propios rapaces segundo mandan os cánones do constructivismo máis ortodoxo, servirá non só de guía de referencia a tódolos monumentos e museos que visitemos, senón que tamén fará as funcións de blog de viaxe, onde colgaremos todas as novas que se produzan antes, durante e despois da mesma. 
    Está estructurada da seguinte maneira: unha páxina de inicio a modo de blog de novas e presentación, e un menú lateral que leva ás páxinas dedicadas aos monumentos e lugares de interese da cidade, agrupados por outeiros ou zonas.
    Dentro da consigna "apadriña un monumento", o alumno editará a páxina correspondente engadindo texto, imaxes (á espera de engadir as nosas propias, de momento só están permitidas as que posúan unha licencia CC), presentacións, vídeos e información relevante sobre a localización no mapa e o medio de transporte (metro, autobús, etc). Unha vez finalizado o seu traballo deberá expor o mesmo ante os seus compañeiros na clase (e quen sabe se facer de guía profesional na propia visita, aínda que isto último non está sendo moi ben recibido polo persoal...)
    Para o que traballou con FrontPage no século pasado e logo con Dreamweaver nos comezos deste, é de agradecer agora contar cunha ferramenta tan sinxela de uso e ao mesmo tempo tan potente como GoogleSites. Unha web e un blog integrados, audio, vídeos, presentacións, imaxes, e todo isto posible sen instalar ningún programa, nin pagar ningún aloxamento, nin ter un gran coñecemento de informática, e que toda a clase pode editar dende a súa casa con só un nome de usuario e un contrasinal...! 
    Íamolo crer se nolo din hai dez anos?
    Aínda que estamos empezando e a maioría dos apartados están agardando pola pluma do seu redactor, tomeime a libertade de engadir un fermoso e preciso texto do noso amigo Xosé Manuel Otero, referente aos espazos urbanos para actividades físicas (O Foro romano), que publicou hai ben pouco no Olmo dos falsos soños.
    E como lle dixen a el: con estas ferramentas, estes textos, a colaboración cada día máis intensa entre colegas e a imponente biblioteca de recursos do vello Centauro... 
    quen bota de menos o sagrado "Libro de Texto"?