Mostrando entradas con la etiqueta galego. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta galego. Mostrar todas las entradas

9/6/11

Galicia caníbal (pero plurilingüe)

Galicia caníbal, fai un sol de carallo. Algúns dos mantras oitenteros do gran Antón Reixa.
Quizais podamos retomalos nesta época plurilingüe coa que nos bendicen os políticos. Porque ao final trátase diso, de política, non de Educación. E son precisamente eses políticos os que "de noite e de día usan gafas de sol", e non se enteran de nada do que pasa a pé de Aula. Sacan as leis educativas sen consultar a quen deben, a quen sabe: os profesores.
Os nosos veciños portugueses sempre dixeron de nós que viviamos por riba das nosas posibilidades. E  na Gallaecia somos o vivo exemplo diso.
Temos a rede viaria máis perigosa do Estado, un Sistema sanitario con longas listas de espera, un sistema Educativo que racanea o profesorado e cun orzamento por Centro que apenas chega para pagar as facturas.
E temos a Cidade da Cultura. Unha obra megalómana, esaxerada, cara, fóra totalmente do noso alcance. Un luxo inútil. Un pelotazo en toda regra que esvara duns políticos a outros. Un auténtico marrón, un despropósito. Un pobo a un mamotreto pegado. Un "Ovidio Nasón mal narigado".
Pero voltemos á Educación. O top ten dos disparates educativos, que semella nunca acabar.
Empecemos con dous episodios que vivín nas miñas clases hai uns catro ou cinco anos, cando na miña faceta de "profesor de alterne" impartía Historia nas aulas de 4º de ESO. Falaba do "cerco" a unha cidade en non sei que guerra e unha alumna preguntou que significaba o termo. Ninguén da clase o sabía así que empecei a utilizar sinónimos para explicalo, como "asedio".  Nin por esas.
Este mesmo ano, en clase de latín de 1º de Bacharelato, falando do adxectivo latino "celer", comentei algunhas evolucións ao galego e castelán, como por exemplo "celeridade/celeridad". Ninguén da clase soubo definir o seu significado. Simplemente ignoraban por completo esta palabra.
Galicia caníbal. Non ten cartos para as súas necesidades básicas e os despilfarra algremente nos delirios megalómanos dun político.
Galicia caníbal. Cun alumnado cunhas carencias básicas na expresión, no vocabulario, na sintaxe da súa propia lingua, que cando describen algo non saen do "chisme" ou da "cousa" (se polo menos usasen "chirimbolo", xa en desuso, pero cunha fermosa etimoloxía grega...!) e aos políticos de turno non se lles ocorre outra cousa que introducir o "Decreto de Plurilingüismo" para darlle as clases en francés e en inglés. Que sería daqueles alumnos meus de 4º de ESO se tivese que explicarlles a España do XIX en inglés! Dubido que acabasen o curso sabendo máis da lingua de Shakespeare, pero unha cousa é segura: da Historia de España ían saber moito menos!
Esta tolemia plurilingüísta ademais é contaxiosa. Teño unha amiga que vai a clase de Pilates e agora resulta que a "profa" tamén lla quere dar en inglés!
Pero imos ver, cantos anos de inglés ten un alumno que remate o sistema educativo? Cantas clases particulares recibiu a maiores? E que hai algunha outra asignatura que teña máis horas? Lamento non poder dar dende aquí a solución a por que neste país somos tan negados á hora de aprender outra lingua. Opinións hai para todos os gustos. Pero dende logo o problema non é de horas e de presenza no currículum. Quizais teña que ver coa metodoloxía, máis preocupada pola gramática e as oracións imposibles que polo uso vivo da lingua. 
E mentres a anglofilia medra cada día vivimos de costas ás linguas veciñas. Na comunidade valenciana ofértase a lingua chinesa como optativa na ESO. Outra xenialidade.
A alguén se lle ocurriu algunha vez ofertar en todo o Estado unha asignatura que introducise aos nosos alumnos no catalán, o euskera, o galego ou o portugués, as linguas romances da península?
Os danos colaterais.
Agora resulta que se es "profe bilingüe" tes vantaxes no concurso de traslados e pasas por riba dos demais. Aínda que sexa para dar latín e Educación Física, se a das en inglés (ou nin sequera iso, porque logo no día a día ninguén vai controlar o que fagas nas clases. Repartes unha folla en inglés o primeiro día e listo....)
Tamén tes preferencia nos horarios e nos repartos de horas nos Departamentos. Unha nova clase social no corpo que se suma aos patricios (catedráticos) e plebeios (o resto). Poderíamos chamarlles libertos, antigos esclavos liberados.
E no alumnado repítense os vellos esquemas da escola de hai corenta anos, na que os mellores se sentaban nas primeiras filas e os burros ocupaban o galiñeiro (así era cando eu estudiaba na escolar unitaria). A miña sobriña díxome que entrou na sección "plurilingüe" dun Instituto de Santiago non de motu proprio, senón porque a outra opción a relegaba á clase dos tontos (sic). Agora estudia Historia en inglés e cando lle preguntas algo daste conta de que non sabe nin Historia nin Inglés.
Un compañeiro cóntame que na súa titoría está o "mellor de cada casa" porque os bos están na "Plurilingüe" e os "non tan bos" pero que traballan e teñen interese, no PDC.
Galicia caníbal (pero plurilingüe...)


26/1/10

As outras "Galescolas" de Europa

As Outras Galescolas de Europa
Con este título aparecía un artigo na Voz de Galicia do pasado 24 de xaneiro, firmado por Juan Oliver. Nel recollíase a situación de varias das linguas minoritarias de orixe indoeuropea faladas na UE no que se refire ao Ensino ou ás políticas que as distintas Administracións poñen en práctica no seu territorio.
Engadín unhas cuestións na última páxina, que penso poden ser de utilidade para reflexionar cos nosos alumnos dende un punto de vista filolóxico, aínda que o debate pode ser máis amplo.

Porque iso foi o que estudiamos na Universidade, non? Filoloxía...

21/1/10

De linguae disputatione


Hoxe estamos de folga moitos profesores e alumnos de Galicia. O motivo: o absurdo borrador de decreto que presentou a Consellería, e que eles mesmos denominan pomposamente "bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia

Nas últimas semanas asistimos a un auténtico aluvión de notas de prensa, de artigos de opinión, e mesmo recibimos no noso correo persoal un morno lavado de cerebro por parte das nosas autoridades.
Cómpre salientar que conseguiron o que semella imposible: unir a tódoles sectores da Comunidade Educativa na súa oposición a este Borrador.

Un breve resumo da situación, para a xente que nos le dende outras partes do Estado. No ano 2004 houbo un acordo entre todas as forzas políticas que asinaron por unanimidade o plan de normalización da lingua galega. No ano 2007 esta plan é completado por un decreto que especifíca que "como mínimo, o 50% das materias deben impartirse en galego no ensino primario e secundario".

A razón destas medidas é obvia. A lingua galega sufriu durante moitos anos unha discriminación absoluta fronte ao castelá (non conseguiu a cooficialidade ata o final dos anos setenta, por mor da Guerra civil), e hoxe en día está nunha situación de clara inferioridade. Eu por exemplo non cursei lingua galega e literatura nos meus estudos, non tiven opción, nin no BUP e COU nin na Universidade. Se prendemos o televisor veremos que temos 15 canais en castelán por 1 (ou dous) en galego, no noso teléfono móvil non temos a opción de idioma galego na maioría dos casos, en moitos programas do noso ordenador tampouco podemos traballar en galego. Nin sequera conseguimos aínda un domino galego na internet. Na rede a situación da nosa lingua con respecto a outras como o castelán ou mesmo o catalán é penosa.
Se falamos das nosas disciplinas veremos tamén que a balanza inclínase sempre do lado castelán: libros de texto, materiais curriculares, novelas históricas, tradución dos autores greco-latinos, etc.
É lóxico e normal que dende as institucións se intente discriminar positivamente á lingua desfavorecida, que se intente corrixir unha situación anómala, que vén de moitos anos atrás.
Tamén nós, como educadores, intentamos ofrecer aos nosos alumnos unha educación en galego, creando materiais, traducións, blogs, colaborando na Galipedia, etc.

E que fan as autoridades educativas?
Quizais puidésemos titular esta película "por un puñado de votos", porque detrás deste borrador plurilingüístico non vexo máis que motivos políticos, compromisos electorais que agoran se teñen que pagar e que nin sequera contentan aos seus debedores, como Galicia (mono)lingüe.
Primeiro envían unha enquisa aos centros que desprezaba todas as normas da Estatística (preguntas capciosas, reparto desigual, absoluto descontrol sobre quen cubría os datos, etc)
Logo publican "o borrador do decreto do plurilingüismo" en plenas vacacións de Nadal. De covardes. De arteiros políticos para minimizar o seu rexeitamento. Non o conseguiron.

Este establece unhas curisosas porcentaxes para a lingua vehicular do ensino, que igualarían ao galego, castelá e inglés!! Preténdese que moitas materias sexan impartidas na lingua de Shakespeare, e anuncian prebendas e recompensas (prazas, concurso de traslados, horarios...) para aqueles profesores dispostos a participar nesta descomunal chapuza.

Eu dei clase de historia hai uns anos, cuarto de ESO. Clase normal, non especialmente conflictiva. Nunha explicación utilicei a palabra "asedio", para referirme a o asalto dunha cidade nunha guerra. Mans levantadas. Que significa "asedio"? Acudín ao latín: pois un "cerco" dixen. Mans levantadas. Que significa "cerco"?
Isto é o que temos nas clases. Este é o material humano co que traballamos os profesionais. E preténdese que a esta xente se lle explique a Revolución Francesa ou a Historia do século XIX en España en inglés?
Ao sabio pai desta idea, parente ideolóxico daquel que inventou que na ESO se pasaba de curso con todas suspensas e que os exames de xuño eran perniciosos para o intelecto xuvenil, o mandaba eu un ano de manobras con un grupo de ESO. En inglés.
E doutra banda estamos os profesores. Estamos preparados para dar as nosas materias en inglés?

Un irónico comentario (en inglés) na Voz de Galicia aconsellábanos aos galegos que deixaramos dunha vez de usar os dialectos do latín (castelán incluído) e que o noso sistema educativo empregase o inglés como única lingua. Así, explicaba, os camareiros e empregadas do fogar en Inglaterra terían moitísimos menos problemas coa lingua e desempeñarían mellor o seu traballo.
Na vertente política deste discurso pro-británico subxace unha idea subliminal, recollida polos nosos políticos: hai que desterrar as linguas minoritarias e de pouco alcance (a nosa) e abrazar a nova lingua do Imperio.

Queremos potenciar esta lingua. Moi ben. Semella que non chegan 1 ano de preescolar, 6 de primaria, 4 de ESO e 2 de bacharelato.
Quizais os profesores de inglés deban facer algunha reflexión sobre a súa metodoloxía didáctica (que faríamos nós se tivésemos 13 anos de latín? Aposto porque os nosos alumnos escribirían e falarían un latín máis que aceptable...)
Quizais deberían sacar a relixión e alternativas das Aulas, e potenciar as linguas estranxeiras.
Quizais reducir as horas de TIC (hoxe 4 horas no Bacharelato por 3 do inglés)
Quizais mellorar a atención ás escolas de idiomas (e non precisamente reducir plantel e presuposto como curiosamente fixeron a principios deste curso!)
Quizais abrir canles de cooperación con institucións estranxeiras, para que os nosos alumnos poidan viaxar, facer intercambios, estadías, etc, porque unha lingua donde realmente se aprende e no páis de orixe, mediante a "inmersión" lingüística pura e dura (isto xa o dicía Comenius en 1643). Podo afirmar que nos meus intercambios con institutos franceses (dúas semanas en total) aprendín tanto francés como nun ano enteiro na escola de idiomas.

A Real Academia da Lingua Galega emitiu un informe demoledor e moi ben razoado, con referencias a Comenius e a ditos latinos como o que pecha esta entrada:

"Tot linguas calles, tot homines valles"

pd: unha última recomendación bibliográfica. A nova edición do Gran Diccionario Xerais da Lingua.