
48 horas máis ou menos, iso é o que falta para que despegue o voo de
Ryanair que nos levará a terras levantinas, seguindo a rota que nos propón este ano o noso proxecto dos "
Dos mil años por correo". Alí nos esperan xa
Ana e
Conxa, e ata alí desprazaranse tamén o noso
pater e o noso
magister, dende a Lusitania e a Tarraconensis respectivamente.
Agárdanos un programa moi apretado, con visitas ao xacemento de
L´Almoina e ao centro de Valentia, con paseo en tranvía ata a Malvarrosa incluído, seguindo os pasos do gran
Vicent (
Conxa dixit...), exposición de Pompeia no museo da Prehistoria, cidade das ciencias, etc.
E Sagùnt. Centro neurálxico de toda esta "movida" clásica, de proteica natureza, que ou ben nos aparece agrupada baixo a forma dunha
web, unha
asesoría divina (que luxo, aquí sería impensable unha sección do Cefore dedicada ás clásicas), unha
asociación de teatro, un
seminario, unha
revista, ou ben disgrégase e forma, máis que un planeta, unha
galaxia de bitácoras clásicas.
Tamén agarda
Plauto, da man do grupo gaditano "
Balbo", que nos vai ofrecer unha representación de "
El Persa" no marco do restaurado
Theatrum saguntinum, ultimamente en
boca de todos pola tristemente célebre sentencia do tribunal supremo.
Pero antes da nosa partida teño que resaltar o gran traballo realizado polos alumnos de 1º de bacharelato no
blog dos dous mil anos, coas súas entradas sobre a visita que realizamos hai un mes á cidade de
Lucus Augusti. Tamén os de 2º están a piques de rematar a súa contribución sobre a romanización da Gallaecia para a
wiki do proxecto.