Este luns sairon publicadas no DOG as normas que regulan a Selectividade deste ano 2010, onde están incluídas as famosas ponderacións, o que nos levaría a engadir un sexto punto á listaxe das máis sonadas chapuzas educativas (deixando para o sétimo o famoso novo decreto do plurilingüismo, do que falaremos a próxima semana).
A Ciug tomou como punto de partida uns criterios baseados na lexislación anterior (materias vinculadas e non vinculadas ás vías), e que levaron a disparates tales como os que detallamos máis abaixo.
Xa falamos aquí a principios de curso das accións levadas a cabo por SEECGalicia para intentar atallar esta desfeita, pero desgrazadamente non hai nada que facer ata o ano que vén.
E seguindo a vella máxima dos "Facta, non verba", pasamos a describir algunhas das consecuencias desta auténtica chapuza:
- Para facer Filoloxía Clásica contará máis ter cursado Historia da Arte (0,2) que Grego (0,1)
- Para Filosofía é mellor cursar Matemáticas, Bioloxía, Física ou Química (0,2) que Grego.
- Para o novo grao de Humanidades o mesmo que no punto anterior.
- Para obter o grao en Tradución e Interpretación, tamén contarán máis que o Grego as materias citadas anteriormente. Ou o Debuxo artístico, que tamén conta 0,2 polo 0,1 do grego. O que vén a dicir que se temos algún problema cunha lingua estranxeira, sempre podemos facer un debuxiño...
- E por último, algo que cambiou con respecto á documentación enviada pola Ciug anteriormente. Na carreira de Dereito as asignaturas que máis peso teñen (0,2) son, naturalmente, Bioloxía e Física, por diante lo latín (0,1).
Que un dos principais legados da Civilización latina sexa precisamente o Dereito, e que inmumerables térmos xurídicos de uso cotiá se manteñan vivos en latín non lles debeu parecer suficiente aos "sabios" encargados desta normativa.
pd: agora que o penso a terminoloxía científica internacional para a Bioloxía tamén está en latín, e en latín escribiron moitos dos máis afamados Físicos...