29/04/11

Greek Street (no día do libro)

Neste vídeo realizado polos meus alumnos de Tics, formulamos 7 preguntas a diversos membros da comunidade educativa: por que les?, cando?, onde?, a que idade comezaches?, cales son os teus xéneros preferidos? e que obra recomendarías?
A miña resposta ás dúas últimas tivo que ver co Cómic e con Greek Street, a última obra de temática clásica dentro deste xénero que caeu nas miñas mans.
Con guión de Peter Milligan e debuxo de Davide Gianfelice, por esta historia negra e turbia, ambientada nos baixos fondos de Londres, desfilan personaxes que volven dar vida aos grandes temas da traxedia grega.
Un Edipo (Eddie) que busca e (desgrazadamente para ambos) encontra á súa nai, unha Casandra adolescente de atormentadas visións á que ninguén cre, un erudito experto na obra de Eurípides, un actor porno á imaxe de Pan, Erinias vingadoras, Ménades, un Áyax que regresa da guerra (de Afganistán), un coro (de stripers) que comenta ou adianta feitos da trama principal, uns deuses que se burlan de todo o que acontece ao ser humano, alleos ás súas desgrazas, fríos e distantes como os retrataba Homero, e un detective, Dédalo, que intentará atopar a saída deste laberinto de crimes e paixóns tan humanas hoxe como o foron hai 2.000 anos.
Unha gran obra, sen concesións á galería, que aúna os mecanismos narrativos da traxedia clásica coa linguaxe da banda deseñada, e que apreciará o lector versado no Mundo Antigo. Crúa, caótica por momentos, sen dúbida destinada a engrosar a lista de cómics censurados do Departamento de Latín do MGB.

Outras reseñas en:
*Preme na opción 720p HD para ver o vídeo en alta definición (parte inferior da imaxe).

    Un centauro na corte do rei Ortega

    Mércores 27 de abril, 2011. Un dos últimos bolos da tempada. III encontro de experiencias Proxecto Ponte dos Brozos, patrocinado pola Fundación Amancio Ortega. Centro tecnolóxico de Arteixo. Na avenida de Arsenio Iglesias. Edificio Ultramoderno. Sillóns de pel no auditorium. Madeiras nobres. Dentro, todo o que un centauro 2.0 poida necesitar. Preséntanse varias experiencias en formato Pecha Kutxa. 20 diapositivas programadas de 20 segundos cada unha. Non todo o mundo o segue. Me gusta. Antídoto contra ponentes non gratos. Se non interesa, son só 6 minutos de suplicio. Bonum si breve, bis bonum. En definitiva, nihil novum sub sole.

    25/04/11

    A canción de Ariadna

    Unha pequena reseña deste manga recén aparecido e ambientado na Grecia Clásica.
    Non busquemos nel fidelidade á Historia ou ao Mito. 
    Simplemente pasemos un bo rato con esta fermosa historia (de amor) con final feliz. Coa princesa Ariadna e o príncipe Órelan...
    Autora: Irene Roga
    Edita: Gaijin Manga - Glenat

    Máis en:

    10/04/11

    Os números dun centauro de 5 anos

    Nas tardes destes últimos dous venres, 1 e o 8 de abril, cambiei de escenario e de auditorio. O último bolo deste "non ending Tour" levoume ás aulas da USC, dentro do curso de Iniciación á Metodoloxía Científica, organizado (por segundo ano xa) por SEECGalicia. Diante de min preto de 30 persoas, na súa maioría estudiantes de Filoloxía Clásica (si, aínda quedan!), pero tamén algúns profes.
    Comecei por unha introdución ao mundo 2.0, repetindo mantras e tópicos xa consolidados (pero non por iso menos válidos), como a colaboración, a formación de redes e grupos, as gañas de aprender e de equivocarse, o cambio metodolóxico que implican as novas ferramentas, os novos alumnos que habitan nas aulas do s. XXI...
    Na segunda xornada, nunha tarde onde se rondaron os 30 graos de temperatura, presentei a Chiron unha vez máis. Recursos, Comunidade, Historia, Presente e Futuro do noso Proxecto. Números, luces e sombras.
    Queda agora a última fase. Dende a Aula Virtual de SEECGalicia agardan unhas tarefas para aprender a usar os recursos presentados e mesmo contribuír con aportacións propias.
    De toda a presentación quero destacar aquí unha diapositiva. Os números de abril, ano 2011. 
    5 anos despois do seu nacemento, o centauro segue medrando. Xa non é un neno. E quizais por iso necesite máis atención que nunca. Pode que unha nova estancia en Compostela este outono contribúa a refrescar ideas e a recuperar ese dinamismo dos primeiros anos, hoxe perdido, e que tanto botamos de menos.