A afirmación de que Cicerón é un dos personaxes máis coñecidos da antigüidade romana parece aínda máis certa despúes da lectura deste magnífico libro. Nel, o profesor de Historia Antiga da universidade de Zaragoza, Francisco Pina Polo, desgrana aos poucos a vida do Arpinate, desde a súa formación como político ata a súa morte, acompañando en todo momento textos sacados das propias obras de Cicerón para ilustrar os seus argumentos. As citas son tan abundantes que contamos cun material de primeira man para poder entender a complexa figura do orador. Ademais dunha correcta introdución e dos capítulos que correspoden ás diferentes etapas da vida do noso protagonista, 10 en total, o autor proporciónanos información sobre as súas finanzas, o seu pensamento político e a súa paixón pola oratoria. Acompáñanse ademais 3 anexos. O primeiro versa sobre Mommsen e a lenda negra de Cicerón; o segundo é un curioso estudo psicolóxico realizado por Paul Briot na década dos 60, e o terceiro un estudo do seu carácter titulado Cicerón ante o espello. O volume complétase cunha Cronoloxía, Bibliografía e Índice de nomes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario