10/4/08

VAMOS, QUE NOS VAMOS!!


48 horas máis ou menos, iso é o que falta para que despegue o voo de Ryanair que nos levará a terras levantinas, seguindo a rota que nos propón este ano o noso proxecto dos "Dos mil años por correo". Alí nos esperan xa Ana e Conxa, e ata alí desprazaranse tamén o noso pater e o noso magister, dende a Lusitania e a Tarraconensis respectivamente.

Agárdanos un programa moi apretado, con visitas ao xacemento de L´Almoina e ao centro de Valentia, con paseo en tranvía ata a Malvarrosa incluído, seguindo os pasos do gran Vicent (Conxa dixit...), exposición de Pompeia no museo da Prehistoria, cidade das ciencias, etc.

E Sagùnt. Centro neurálxico de toda esta "movida" clásica, de proteica natureza, que ou ben nos aparece agrupada baixo a forma dunha web, unha asesoría divina (que luxo, aquí sería impensable unha sección do Cefore dedicada ás clásicas), unha asociación de teatro, un seminario, unha revista, ou ben disgrégase e forma, máis que un planeta, unha galaxia de bitácoras clásicas.

Aprenderemos escritura antiga da man de Salva Muñoz, regresaremos á antiga Grecia e Roma vestidos como os antigos no taller de indumentaria grega e romana, comeremos segundo as antigas receitas no taller de re coquinaria, dirixido por Charo Marco, e iluminaremos as nosas facianas xuvenís coas pocións máxicas que nos deparará o taller de cosmética, balnea et unguenta.

Tamén agarda Plauto, da man do grupo gaditano "Balbo", que nos vai ofrecer unha representación de "El Persa" no marco do restaurado Theatrum saguntinum, ultimamente en boca de todos pola tristemente célebre sentencia do tribunal supremo.

Pero antes da nosa partida teño que resaltar o gran traballo realizado polos alumnos de 1º de bacharelato no blog dos dous mil anos, coas súas entradas sobre a visita que realizamos hai un mes á cidade de Lucus Augusti. Tamén os de 2º están a piques de rematar a súa contribución sobre a romanización da Gallaecia para a wiki do proxecto.

E a tranquilidade que da saber que contamos coa protección do mesmo Hermes para a nosa viaxe.

1 comentario:

Magister-Διδασκαλος dijo...

A ver si hay suerte y nos vemos...
Saludos y buen viaje.
Luis.