21/1/10

De linguae disputatione


Hoxe estamos de folga moitos profesores e alumnos de Galicia. O motivo: o absurdo borrador de decreto que presentou a Consellería, e que eles mesmos denominan pomposamente "bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia

Nas últimas semanas asistimos a un auténtico aluvión de notas de prensa, de artigos de opinión, e mesmo recibimos no noso correo persoal un morno lavado de cerebro por parte das nosas autoridades.
Cómpre salientar que conseguiron o que semella imposible: unir a tódoles sectores da Comunidade Educativa na súa oposición a este Borrador.

Un breve resumo da situación, para a xente que nos le dende outras partes do Estado. No ano 2004 houbo un acordo entre todas as forzas políticas que asinaron por unanimidade o plan de normalización da lingua galega. No ano 2007 esta plan é completado por un decreto que especifíca que "como mínimo, o 50% das materias deben impartirse en galego no ensino primario e secundario".

A razón destas medidas é obvia. A lingua galega sufriu durante moitos anos unha discriminación absoluta fronte ao castelá (non conseguiu a cooficialidade ata o final dos anos setenta, por mor da Guerra civil), e hoxe en día está nunha situación de clara inferioridade. Eu por exemplo non cursei lingua galega e literatura nos meus estudos, non tiven opción, nin no BUP e COU nin na Universidade. Se prendemos o televisor veremos que temos 15 canais en castelán por 1 (ou dous) en galego, no noso teléfono móvil non temos a opción de idioma galego na maioría dos casos, en moitos programas do noso ordenador tampouco podemos traballar en galego. Nin sequera conseguimos aínda un domino galego na internet. Na rede a situación da nosa lingua con respecto a outras como o castelán ou mesmo o catalán é penosa.
Se falamos das nosas disciplinas veremos tamén que a balanza inclínase sempre do lado castelán: libros de texto, materiais curriculares, novelas históricas, tradución dos autores greco-latinos, etc.
É lóxico e normal que dende as institucións se intente discriminar positivamente á lingua desfavorecida, que se intente corrixir unha situación anómala, que vén de moitos anos atrás.
Tamén nós, como educadores, intentamos ofrecer aos nosos alumnos unha educación en galego, creando materiais, traducións, blogs, colaborando na Galipedia, etc.

E que fan as autoridades educativas?
Quizais puidésemos titular esta película "por un puñado de votos", porque detrás deste borrador plurilingüístico non vexo máis que motivos políticos, compromisos electorais que agoran se teñen que pagar e que nin sequera contentan aos seus debedores, como Galicia (mono)lingüe.
Primeiro envían unha enquisa aos centros que desprezaba todas as normas da Estatística (preguntas capciosas, reparto desigual, absoluto descontrol sobre quen cubría os datos, etc)
Logo publican "o borrador do decreto do plurilingüismo" en plenas vacacións de Nadal. De covardes. De arteiros políticos para minimizar o seu rexeitamento. Non o conseguiron.

Este establece unhas curisosas porcentaxes para a lingua vehicular do ensino, que igualarían ao galego, castelá e inglés!! Preténdese que moitas materias sexan impartidas na lingua de Shakespeare, e anuncian prebendas e recompensas (prazas, concurso de traslados, horarios...) para aqueles profesores dispostos a participar nesta descomunal chapuza.

Eu dei clase de historia hai uns anos, cuarto de ESO. Clase normal, non especialmente conflictiva. Nunha explicación utilicei a palabra "asedio", para referirme a o asalto dunha cidade nunha guerra. Mans levantadas. Que significa "asedio"? Acudín ao latín: pois un "cerco" dixen. Mans levantadas. Que significa "cerco"?
Isto é o que temos nas clases. Este é o material humano co que traballamos os profesionais. E preténdese que a esta xente se lle explique a Revolución Francesa ou a Historia do século XIX en España en inglés?
Ao sabio pai desta idea, parente ideolóxico daquel que inventou que na ESO se pasaba de curso con todas suspensas e que os exames de xuño eran perniciosos para o intelecto xuvenil, o mandaba eu un ano de manobras con un grupo de ESO. En inglés.
E doutra banda estamos os profesores. Estamos preparados para dar as nosas materias en inglés?

Un irónico comentario (en inglés) na Voz de Galicia aconsellábanos aos galegos que deixaramos dunha vez de usar os dialectos do latín (castelán incluído) e que o noso sistema educativo empregase o inglés como única lingua. Así, explicaba, os camareiros e empregadas do fogar en Inglaterra terían moitísimos menos problemas coa lingua e desempeñarían mellor o seu traballo.
Na vertente política deste discurso pro-británico subxace unha idea subliminal, recollida polos nosos políticos: hai que desterrar as linguas minoritarias e de pouco alcance (a nosa) e abrazar a nova lingua do Imperio.

Queremos potenciar esta lingua. Moi ben. Semella que non chegan 1 ano de preescolar, 6 de primaria, 4 de ESO e 2 de bacharelato.
Quizais os profesores de inglés deban facer algunha reflexión sobre a súa metodoloxía didáctica (que faríamos nós se tivésemos 13 anos de latín? Aposto porque os nosos alumnos escribirían e falarían un latín máis que aceptable...)
Quizais deberían sacar a relixión e alternativas das Aulas, e potenciar as linguas estranxeiras.
Quizais reducir as horas de TIC (hoxe 4 horas no Bacharelato por 3 do inglés)
Quizais mellorar a atención ás escolas de idiomas (e non precisamente reducir plantel e presuposto como curiosamente fixeron a principios deste curso!)
Quizais abrir canles de cooperación con institucións estranxeiras, para que os nosos alumnos poidan viaxar, facer intercambios, estadías, etc, porque unha lingua donde realmente se aprende e no páis de orixe, mediante a "inmersión" lingüística pura e dura (isto xa o dicía Comenius en 1643). Podo afirmar que nos meus intercambios con institutos franceses (dúas semanas en total) aprendín tanto francés como nun ano enteiro na escola de idiomas.

A Real Academia da Lingua Galega emitiu un informe demoledor e moi ben razoado, con referencias a Comenius e a ditos latinos como o que pecha esta entrada:

"Tot linguas calles, tot homines valles"

pd: unha última recomendación bibliográfica. A nova edición do Gran Diccionario Xerais da Lingua.

3 comentarios:

Susana Losada dijo...

Noraboa,Álvaro, polo magnífico resumo da cuestión lingüística galega(enviarei o enlace a algún colega de fóra). Só che falta traducilo ao inglés e ao castelán. Coincido moito contigo na reflexión que fas sobre os problemas de aprendizaxe co inglés, pero non me atrevía a dicilo...

cmaguirre dijo...

"Quizais os profesores de inglés deban facer algunha reflexión sobre a súa metodoloxía didáctica (que faríamos nós se tivésemos 13 anos de latín? Aposto porque os nosos alumnos escribirían e falarían un latín máis que aceptable...)"

Mientras la mayoría de los profesores se dediquen a enseñar gramática latina de forma descriptiva sin aprender su uso activo, te aseguro que aunque tuviesemos 15 años de latín, los alumnos seguirían sin aprender nada.

El latín es una lengua facilísima para un hispanohablante, enseñándola con el método natural en dos años es perfectamente posible alcanzar un nivel de competencia activa bastante razonable, y lograr que un alumno la lea, hable y escriba con bastante soltura. ¿Cuántos profesores en España logran eso hoy?

Álvaro P. Vilariño dijo...

Falas de dous anos, pois imaxínate 14 anos co método de Orberg!!

Leríamos a Ovidio dende a ESO!!