Fonte do Tritón, Bernini. Piazza Barberini. Imaxe propia.
Xa temos unha razón máis para contestar a fatídica pregunta de para que vale estudiar latín e grego: para comprender Roma. Iso foi o que contestei nunha pequena (e sempre eterna) discusión xurdida ao abeiro da elección de "ciencias" ou "letras" entre os alumnos que nos acompañaron nesta viaxe. E a xulgar polo silencio que seguiu todos deberon darse por convencidos. Non houbo réplica. Roma locuta est, causa finita.
A Urbs asoballa, abruma, non da descanso. Zumega arte e historia por cada recuncho. Unha historia, unha arte que non pode ser explicada sen unha formación clásica. O que aquí segue pretende ser unha guía práctica que poida servir de utilidade para quen queira organizar unha viaxe deste tipo no futuro.
Cun grupo de 40 alumnos como o noso, son necesarios 3 profesores acompañantes. Non é fácil moverse con axilidade e sen perder a ningún membro no camiño, sobre todo no metro ou no Vaticano. Así que, manu militari, sempre había un profesor en cabeza da marcha e outro de último, a retagarda que impedía que ninguén pasmase máis do recomendable. Cada alumno pagou uns 690€. No prezo incluíase o vo, o hotel con almorzo e cea, a excursión a Pompeia e Nápoles (con guía, entradas e comida incluídas), as entradas á Villa Borguese, ao museo Nacional nas Termas de Diocleciano (máis baratas se se compran in situ coa listaxe de alumnos que por internet!) e as entradas do Coliseo e Vaticano (imprescindible, se non se queren colas interminables, reservar e comprar por internet). E obrigatorio tamén levar varias listaxes dos alumnos e profesores co selo do centro. Dan dereito a importantes descontos na maioría dos museos e restos arqueolóxicos (o carnet de profesor internacional e o de estudante foron completamente inútiles). Para movernos pola cidade usamos o autobús e o metro, que precisan un billet único que custa 1 euro por viaxe e que se vende nas propias estacións e na maioría de kioscos de prensa da cidade. Aviso: nos vos molestedes en ticar o billete no autobús, só o fan os guiris. Ou é gratis total ou non paga ninguén.
Na mañá do primeiro día visitamos o Coliseo-Foro-Palatino. Agora a entrada é única. Antes o Foro era de entrada libre. Xa non. Éntrase pola avenida dos foros imperiais (enfronte da columna traxana) e sáese pola Via Sacra en dirección ao Coliseo ou ben polo clivus capitolinus cara ao Capitolio. Unha visita en condicións dura toda a mañá, dende as 9:00 horas ata as 13:00. Se se traballou previamente o urbanismo na clase pódese sentir a emoción nos alumnos cando descobren a realidade que agocha tralo estudio, a satisfacción do coñecemento. Despois dun tempo libre para comer (recomendo o barrio xudeu, por detrás do teatro de Marcelo) entramos nos museos Palatinos (forte desconto coa listaxe de estudiantes, 3€ e profes gratis, e unha guía moi recomendable por só 15€). Dende a miña última visita no 2004 os museos contan agora cunha nova sala onde están expostas a Loba Capitolina, a estatua de Marco Aurelio e a de Constantino e Hércules en bronce. Unha sala luminosa, de teito de cristal, que me recordaba ao British Museum. Logo da visita chegou o turno do Foro Boario, onde agardaban a Bocca della Veritá (había tanta xente que se accedía nunha cola de dous en dous e só deixaban 2 minutos para unha foto), os templos, o ponte rotto e o arco de Xano.
O segundo día fomos a Pompeia. Case tres horas de autobus ida e outras tantas volta. Pero paga a pena. E tanto. Saímos ás sete da mañá, e a visita comenzou ás once. Tiñamos guía, aínda que polo que se viu resulta prescindible con un mínimo coñecemento do lugar. Visitamos o anfiteatro, a via da Abundancia, a casa do Faunus, a Fullonica de Sthepano (si, a que sae no DVD de "Pompeia, o último día"), as termas do foro, o macellum e o Lupanar (aberto ao público hai catro anos, cuns frescos máis que interesantes...) Non houbo tempo, ou iso lle pareceu á guía, para a Villa dos Misterios nin para os teatros. Para esta visita debemos advertir sobre todo ás nosas alumnas que leven un calzado axeitado, senón pode ser un auténtico calvario. Despois de comer nun thermopolium cercano, unha visita breve a Napoli. O castelo, a galería de Vittorio Enmanuelle e pouco máis.
Terceiro día. Vaticano. A satisfacción de ter as entradas xa compradas por internet (cola indescriptíbel) e entrar coma VIPs sen agardar nada. Que podo dicir dos museos? Os seus fondos son inabarcables. Non podo calcular cantos días se precisarían para ter un coñecemento preciso dos mesmos. Pero é unha vergonza a pouca información que presentan as pezas. Se non compras a audioguía estás perdido. Pero se xulgamos a cantidade de xente que entra tódolos días, semella que lles da igual. Clientes non faltan. Pola tarde, despois de comer, veu San Pedro, con subida á cúpula incluída (5€ sen ascensor e 7€ con ascensor). Agora a entrada está á dereita da basílica, pola parte de fóra, por onde se entra tamén ás tumbas dos papas. Ao saír, paseando ata a piazza Navona e o Panteón (aínda é gratis, pero non sei por canto tempo).
Cuarto día. Villa Borguese. Non se poden facer fotos nin gravar vídeo. As entradas, por internet (colga o cartel de "completo" case tódolos días). A formación clásica salvoume de novo. Entregáronnos uns aparellos que consistían nunha especie de walkie-talkie. Eu pensaba que sería unha audioguía na que o profesor recibiría explicacións e as transmitiría aos seus monitorizados alumnos. Pois non. A pao seco. Tiven que improvisar a explicación de toda a Villa, retransmitíndoa aos rapaces por esta especie de radio (todos levaban auriculares e eu transmisor e micrófono). Salváronme Apolo e Dafne, Níobe, Hades e Perséfone, Eneas, Anquises e Iulo. A todos eles, grazas. Unha recomendable excursión en bicicleta polo parque (templo de Esculapio), a visita pola tarde ás termas de Caracalla (gratis coa listaxe de alumnos) e logo ao Trastévere no solpor pecharon o día.
O domingo foi o día do Quirinale, onde nos saudaron as estatuas de Cástor e Pólux e o mesmísimo presidente da República, que saía nese momento en coche oficial. Visita ao museo nacional nas Termas de Diocleciano, cos frescos da casa de Livia, o famoso puxilista, os retratos de Augusto e tantas outras pezas de mención. Seguiron as Quattro Fontane, a piazza Barberini co Tritón de Bernini, Santa María Maggiore, San Pietro in vincoli...
O luns fomos ata San Giovanni in Laterano, a que fora antiga se papal antes do Vaticano. Conserva as maxestuosas portas de bronce da Curia no seu umbral, e un maravilloso claustro (2€ regateables) con inscricións funerarias do s. I a.C. Por moi pouco, chegamos cando estaban pechando, non puidemos visitar o altar de Mitra na igrexa de San Clemente, moi preto do Coliseo. Por certo, alí non hai ningunhas catacumbas, como nos dicía a guía de El País que levabamos. Seguiron os foros imperiais, o de Augusto, o de Traxano, a exedra, a columna, a basílica Ulpia. E outra vez ao Pantéon e piazza Navona, e a despedirnos na fontana de Trevi, lanzando a moeda cara atrás, pero con coidado, xa que está sempre ateigada de xente (outro lugar onde se pode perder facilmente a algún alumno que se poña a intercambiar coñecementos cunha excursión de francesas ou coas integrantes doutra de Alicante, que de todo había...)
En fin, que se hai un Memphis, Tenessee, para os adoradores de Elvis, tamén hai unha Roma para os profesores de Clásicas.
pd: Agora, a segunda parte do traballo, será colgar as nosas propias fotos na web que creamos para esta ocasión.
3 comentarios:
¿En la web? y en Chiron, espero :D
Menuda envidia de viaje, me alegro de que todo saliera bien y de que lo hayáis disfrutado a tope. Te echamos mucho de menos en el conventus, pero con tu crónica me he quedado más tranquila, la excusa era incuestionable.
Si no te molesta, enlazo esta entrada en la wiki de actividades complementarias para clásicos, seguro que a algún compañero que piense organizar un viaje así le sirve de ayuda.
Por supuesto Ana, una selección comentada de las mejores fotos irá a la galería de Chiron. Tengo 3 gigas, así que habrá que hacer una buena labor de selección...
Buena idea lo de la wiki. Siento que mi crónica sea tan poco académica...!
Hola, me parece muy interesante vuestro viaje y que todo saliera bien. También me parece una idea estupenda que te propone Ana para vincular con la wiki de CHiron.
Saludos, Irene.
Publicar un comentario