31/5/10

Arde Lucus 2010

Lemos na prensa que nos vindeiros 25, 26 e 27 de xuño vaise celebrar en Lugo unha nova edición do Arde Lucus. E digo lemos na prensa porque, como desgrazadamente é habitual, a menos dun mes para o inicio dos actos, na propia web do evento (de vistoso deseño pero cunha navegación difícil e engorrosa e escaso ou nulo contido) non podemos atopar nin o programa nin o cartel para 2010.
Pola prensa nos enteramos tamén de que este ano se vai poñer en marcha o "Tapitorium", unha rota de tapas polos bares da cidade. Outra aberración (lingüística como pouco) á que tamén nos teñen acostumados os organizadores (recordades o "comilonum"?).
Pero se isto fose pouco, tamén os diarios informan dunha especie de "evento paralelo", o Lux Nox Festival, onde poderemos ver a afamados DJs vestidos de romanos...!
Como vemos, non só non avanzamos nada dende o ano 2008, cando escribín o de "Arde Tarraco e Fumea Lucus", senón que mesmo retrocedemos. Podería repetir este ano as mesmas palabras que usara entón.
Seguimos empeñados na festa gastronómica como principal obxectivo, non hai oferta de actos culturais paralelos (conferencias, cine, talleres), nin se invita ás asociacións de recreación histórica, especialistas en darlle a cor necesaria a estes días (só participan as de Lugo), etc.
Só temos que darnos unha volta pola web de TarracoViva para darnos conta de ata onde se pode chegar con actos deste tipo. Con que aquí se fixese a décima parte, co mesmo criterio histórico e didáctico, daríame por contento.
Pero moi preto da cidade das murallas tamén nacen boas iniciativas, aínda que fóra da organización, como este desfile de moda protagonizado polos alumnos e alumnas de Cultura Clásica do IES de Melide.


3 comentarios:

Anónimo dijo...

Hola, boas.
Como todo nesta vida, o ARDE LUCUS tamén ten diversas dimensións, e, se cadra, a túa crítica está enfocada directamente o carácter histórico-didáctico do evento. Nembargantes, como lucense residente en A Coruña, síntome orgulloso do ARDE LUCUS. É impresionante a capacidade de convocatoria e o recoñecemento "popular" acadado en tan poucas edicións. Gústame velo como o que é, unha festa. Unha recreación lúdica, que non rigurosa. Evidentemente ten fallas históricas, supoño, pero consigue enganchar o asistente e envolvelo nese espíritu festivo tan necesario. Por iso, a pesar das súas deficiencias, que viva o ARDE LUCUS e por moitos anos.

Álvaro P. Vilariño dijo...

Eu asistín a dúas edicións ata o momento, e se algo teño que destacar é precisamente a participación cidadán, o incrible ambiente que se respira eses días nas rúas de Lugo, e espero que esta festa se consolide, mellore, e dure moitos anos.
Pero vexo tamén que as cousas poden facerse mellor, e un mínimo de rigor histórico é obrigado (polo menos aos ollos dun profesor de Clásicas)
O primeiro ano que asistín puiden ver como, ao lado dos actos propios da festa, estábase celebrando un combate de boxeo actual, con cuadrilátero, árbitro e calzóns de colores para os púxiles.
Fan iso na Festa da Historia de Ribadavia, por exemplo? Non o creo.
Creo que o espírito lúdico-festivo e o rigor histórico mínimo esixible nestes casos non son incompatibles.
O feito de empregar, por exemplo, esas palabras como "comilonum" ou "tapitorium", botan por terra quizais o que serían unhas boas iniciativas, a pouco que se coidase o rigor, neste caso, lingüístico.
E o segundo ano, no que acudimos varios institutos de varios puntos do estado cos nosos alumnos, tivemos que esperar case ata a semana anterior a que estivese publicado o programa na web, algo que ten visos de repetirse nesta edición.
Pero non é a miña intención restarlle valor ao conseguido por esta festa, que é moito.
Quizais precisamente por iso, porque xa está consolidada e medra ano tras ano, deberían coidarse cada vez máis estes detalles, e darlle unha dimensión máis ampla que a puramente gastronómica.

ocio dijo...

Para que no te pierdas nada de la fiesta, puedes consultar el programa completo del Arde Lucus 2010 en: http://www.ocioenlugo.com/mostrarSeccion.php?id=63&verNoticia=895&pagina=*