30/04/10

Chiron en Ourense

O pasado mércores tivo lugar en Ourense unha sesión máis do curso "A lingua latina na LOE", organizado polo CFR da cidade. Logo das intervencións en días anteriores de Fernando Lillo e Xosé Manuel Otero, chegou o meu turno para presentar a Chiron ante un grupo de profesores de Clásicas, onde non faltaban vellos amigos, compañeiros de carreira e mesmo participantes daquel xa mítico curso de "Chiron en Compostela"....
A cidade das Burgas, que fóra a miña casa durante os 9 anos que botei no IES San Mamede de Maceda, recibiume con más de 30 graos de temperatura e despediume, logo da triste hecatombe azulgrana, con unha espectacular tormenta que non aforrou saraiba, chuvia, tronos e lóstregos.
Esta primeira aproximación ao proxecto serviunos para coñecer todo o que se agocha na nosa web: os recursos (Galerías de imaxes, vídeos, presentacións, documentos, Wiki de Recursos, Marcador social, Calendario), a Comunidade (Planeta de Blogs, Rede social, Aula Virtual, Foro), o traballo na formación do profesorado, a Defensa das Clásicas.
Houbo tempo tamén para falar de como nace un Centauro, facer balance do acadado nestes anos (con luces e sombras), e tamén para os díxitos, que non paran de medrar día tras día. Crece o número de colaboradores, e crecen tamén os traballos subidos.
O vindeiro mércores será o día onde poremos en práctica todo o aprendido nesta última xornada. Mediante un curso deseñado na Aula Virtual realizaremos unha serie de tarefas para aprender, en primeiro lugar, a buscar información nas seccións de Chiron, e para colaborar activamente despois, colgando os nosos propios materiais na rede.
E como falabamos antes de números, aquí vai unha mostra:


27/04/10

Las Águilas de Roma (volumes I-II)

Baixo este suxerente título, coa pluma de Enrico Marini, e publicado por Norma Editorial, agóchase unha historia ambientada na Roma de Augusto, no ano 9 a.C., que trata sobre a amizade e aventuras de dous mozos, un fillo dun militar romano de alto rango e un refén xermano, fillo dun príncipe, que está a ser educado en Roma.
A educación, a casa romana, a vida no exército, a relixión, a excravitude, a época de Augusto, son algúns dos temas que desfilan polos dous volumes publicados ata o momento (a historia queda en suspenso, así que se espera a continuación). A elaboración dun cuestionario sobre eles que complete a súa lectura podería ser unha boa maneira de sacarlle o máximo partido nas aulas.
Con algúns momentos un pouco subidos de ton, quizais deberíamos pensar que, en comparación do que os nosos alumnos poden atopar na rede, estas escenas poden considerarse ao nivel das aventuras de Marco e Heidi (ou máis ben Mazinguer Z e Afrodita A...)

Cuestionario sobre os textos.

Reseñas na rede:
Ficha editorial:

21/04/10

Video Roma 2010 MGB

O que contei na entrada anterior, pero con imaxes (e música...), crónica que, por obra e graza das Voces Gregas, foi engadida á wiki de Actividades de Cultura Clásica
Unha última recomendación: un apartado que medra día a día na WiChiron, o dedicado á Arte Clásica. Alí podedes atopar materiais para preparar a vosa viaxe, incluíndo tamén algunhas audioguías dos museos para descargar en formato mp3.

18/04/10

Imaxes de Pompeia

Nesta galería podedes encontrar imaxes para utilizar nas clases. Hainas para falar da casa romana, das comidas, das termas, do Lupanar, etc.

17/04/10

Roma 2010, guía práctica


Fonte do Tritón, Bernini. Piazza Barberini. Imaxe propia.

Xa temos unha razón máis para contestar a fatídica pregunta de para que vale estudiar latín e grego: para comprender Roma. Iso foi o que contestei nunha pequena (e sempre eterna) discusión xurdida ao abeiro da elección de "ciencias" ou "letras" entre os alumnos que nos acompañaron nesta viaxe. E a xulgar polo silencio que seguiu todos deberon darse por convencidos. Non houbo réplica.  Roma locuta est, causa finita.

A Urbs asoballa, abruma, non da descanso. Zumega arte e historia por cada recuncho. Unha historia, unha arte que non pode ser explicada sen unha formación clásica. O que aquí segue pretende ser unha guía práctica que poida servir de utilidade para quen queira organizar unha viaxe deste tipo no futuro.

Cun grupo de 40 alumnos como o noso, son necesarios 3 profesores acompañantes. Non é fácil moverse con axilidade e sen perder a ningún membro no camiño, sobre todo no metro ou no Vaticano. Así que, manu militari, sempre había un profesor en cabeza da marcha e outro de último, a retagarda que impedía que ninguén pasmase máis do recomendable. Cada alumno pagou uns 690€. No prezo incluíase o vo, o hotel con almorzo e cea, a excursión a Pompeia e Nápoles (con guía, entradas e comida incluídas), as entradas á Villa Borguese, ao museo Nacional nas Termas de Diocleciano (máis baratas se se compran in situ coa listaxe de alumnos que por internet!) e as entradas do Coliseo e Vaticano (imprescindible, se non se queren colas interminables, reservar e comprar por internet). E obrigatorio tamén levar varias listaxes dos alumnos e profesores co selo do centro. Dan dereito a importantes descontos na maioría dos museos e restos arqueolóxicos (o carnet de profesor internacional e o de estudante foron completamente inútiles). Para movernos pola cidade usamos o autobús e o metro, que precisan un billet único que custa 1 euro por viaxe e que se vende nas propias estacións e na maioría de kioscos de prensa da cidade. Aviso: nos vos molestedes en ticar o billete no autobús, só o fan os guiris. Ou é gratis total ou non paga ninguén.

Na mañá do primeiro día visitamos o Coliseo-Foro-Palatino. Agora a entrada é única. Antes o Foro era de entrada libre. Xa non. Éntrase pola avenida dos foros imperiais (enfronte da columna traxana) e sáese pola Via Sacra en dirección ao Coliseo ou ben polo clivus capitolinus cara ao Capitolio. Unha visita en condicións dura toda a mañá, dende as 9:00 horas ata as 13:00. Se se traballou previamente o urbanismo na clase pódese sentir a emoción nos alumnos cando descobren a realidade que agocha tralo estudio, a satisfacción do coñecemento. Despois dun tempo libre para comer (recomendo o barrio xudeu, por detrás do teatro de Marcelo) entramos nos museos Palatinos (forte desconto coa listaxe de estudiantes, 3€ e profes gratis, e unha guía moi recomendable por só 15€). Dende a miña última visita no 2004 os museos contan agora cunha nova sala onde están expostas a Loba Capitolina, a estatua de Marco Aurelio e a de Constantino e Hércules en bronce. Unha sala luminosa, de teito de cristal, que me recordaba ao British Museum. Logo da visita chegou o turno do Foro Boario, onde agardaban a Bocca della Veritá (había tanta xente que se accedía nunha cola de dous en dous e só deixaban 2 minutos para unha foto), os templos, o ponte rotto e o arco de Xano.

O segundo día fomos a Pompeia. Case tres horas de autobus ida e outras tantas volta. Pero paga a pena. E tanto. Saímos ás sete da mañá, e a visita comenzou ás once. Tiñamos guía, aínda que polo que se viu resulta prescindible con un mínimo coñecemento do lugar. Visitamos o anfiteatro, a via da Abundancia, a casa do Faunus, a Fullonica de Sthepano (si, a que sae no DVD de "Pompeia, o último día"), as termas do foro, o macellum e o Lupanar (aberto ao público hai catro anos, cuns frescos máis que interesantes...) Non houbo tempo, ou iso lle pareceu á guía, para a Villa dos Misterios nin para os teatros. Para esta visita debemos advertir sobre todo ás nosas alumnas que leven un calzado axeitado, senón pode ser un auténtico calvario. Despois de comer nun thermopolium cercano, unha visita breve a Napoli. O castelo, a galería de Vittorio Enmanuelle e pouco máis.

Terceiro día. Vaticano. A satisfacción de ter as entradas xa compradas por internet (cola indescriptíbel) e entrar coma VIPs sen agardar nada. Que podo dicir dos museos? Os seus fondos son inabarcables. Non podo calcular cantos días se precisarían para ter un coñecemento preciso dos mesmos. Pero é unha vergonza a pouca información que presentan as pezas. Se non compras a audioguía estás perdido. Pero se xulgamos a cantidade de xente que entra tódolos días, semella que lles da igual. Clientes non faltan. Pola tarde, despois de comer, veu San Pedro, con subida á cúpula incluída (5€ sen ascensor e 7€ con ascensor). Agora a entrada está á dereita da basílica, pola parte de fóra, por onde se entra tamén ás tumbas dos papas. Ao saír, paseando ata a piazza Navona e o Panteón (aínda é gratis, pero non sei por canto tempo).

Cuarto día. Villa Borguese. Non se poden facer fotos nin gravar vídeo. As entradas, por internet (colga o cartel de "completo" case tódolos días). A formación clásica salvoume de novo. Entregáronnos uns aparellos que consistían nunha especie de walkie-talkie. Eu pensaba que sería unha audioguía na que o profesor recibiría explicacións e as transmitiría aos seus monitorizados alumnos. Pois non. A pao seco. Tiven que improvisar a explicación de toda a Villa, retransmitíndoa aos rapaces por esta especie de radio (todos levaban auriculares e eu transmisor e micrófono). Salváronme Apolo e Dafne, Níobe, Hades e Perséfone, Eneas, Anquises e Iulo. A todos eles, grazas. Unha recomendable excursión en bicicleta polo parque (templo de Esculapio), a visita pola tarde ás termas de Caracalla (gratis coa listaxe de alumnos) e logo ao Trastévere no solpor pecharon o día.

O domingo foi o día do Quirinale, onde nos saudaron as estatuas de Cástor e Pólux e o mesmísimo presidente da República, que saía nese momento en coche oficial. Visita ao museo nacional nas Termas de Diocleciano, cos frescos da casa de Livia, o famoso puxilista, os retratos de Augusto e tantas outras pezas de mención. Seguiron as Quattro Fontane, a piazza Barberini co Tritón de Bernini, Santa María Maggiore, San Pietro in vincoli...

O luns fomos ata San Giovanni in Laterano, a que fora antiga se papal antes do Vaticano. Conserva as maxestuosas portas de bronce da Curia no seu umbral, e un maravilloso claustro (2€ regateables) con inscricións funerarias do s. I a.C. Por moi pouco, chegamos cando estaban pechando, non puidemos visitar o altar de Mitra na igrexa de San Clemente, moi preto do Coliseo. Por certo, alí non hai ningunhas catacumbas, como nos dicía a guía de El País que levabamos. Seguiron os foros imperiais, o de Augusto, o de Traxano, a exedra, a columna, a basílica Ulpia. E outra vez ao Pantéon e piazza Navona, e a despedirnos na fontana de Trevi, lanzando a moeda cara atrás, pero con coidado, xa que está sempre ateigada de xente (outro lugar onde se pode perder facilmente a algún alumno que se poña a intercambiar  coñecementos cunha excursión de francesas ou coas integrantes doutra de Alicante, que de todo había...)

En fin, que se hai un Memphis, Tenessee, para os adoradores de Elvis, tamén hai unha Roma para os profesores de Clásicas.

pd: Agora, a segunda parte do traballo, será colgar as nosas propias fotos na web que creamos para esta ocasión.



01/04/10

Ulises (Sócrates, o semi-can)

Un can filósofo que fala. Heracles no palazo de Ítaca "consolando" a Penélope porque Ulises, logo do seu traballado regreso, marchou inesperadamente (aburríase, polo visto...). Un cíclope aedo, de nome Homero. Poseidón, Circe, Telémaco. Canibalismo e mesmo unha fellatio entre dous heroes.
Se todo o anterior non é suficiente para picar a túa curiosidade é lanzarte á divertida lectura deste cómic (antes eran tebeos...) é mellor que non sigas lendo.
ULISES é a segunda entrega das aventuras de Sócrates, el semi-perro. A primera entrega leva por título HERACLES, e a terceira EDIPO EN CORINTO. Están firmadas polos franceses Joan Sfar (guión) e  Christopher Blain (debuxos), e publicadas por edicións Sins Entido.

Máis información na rede: