Non puido ser, como din os comentaristas deportivos ante o fracaso do equipo local. Malia que o intentamos, malia as horas de busca e investigación ininterrumpidas, malia a todo o noso esforzo, uns erros a todas luces evitables conseguiron que ningún equipo do MGB chegase ao desempate da Fase Galega que terá lugar o vindeiro mércores.
Porque iso de poñer Marte cando se pide a pregunta expresamente "en latín", ou iso de acentuar ARGONAÚTICAS no u, pois só pode achacarse ás présas, aos nervios ou simplemente despiste (maneras de vivir...).
Tamén é certo que o famoso EPINETRON acabou con todas as nosas esperanzas, xa que ningún grupo do centro foi capaz de atopalo. Nótase, supoño, a falta de profesor de grego. O de latín, hai que recoñecelo, non estivo á altura. Porque a forza de poñer cera nos oídos para non oír as súplicas das sereas (e sereos), esqueceu proporcionar unha bibliografía axeitada para esta tarefa.
Pero así e todo estou más que satisfeito da nosa participación e moi contento coas gañas que puxeron todos os equipos (non abandonou ningún).
Así que a pensar xa na ODISEA 2012!
No hay comentarios:
Publicar un comentario