26/3/11

A mala prensa do latín

Hai pouco falabamos aquí do que podía ser a enciclopedia do futuro.
Hoxe, sen ir tan lonxe, falaremos dun elemento descoñecido ata hai pouco, pero que chegou para quedarse. Se atendemos á forma de traballar dos nosos alumnos, semella que non poden imaxinar un mundo sen el (pero tampouco sen móviles ou sen botellón). Estou a falar do hipertexto.
Poñamos que este mesmo traballo que presento hic et nunc houbese sido realizado hai 20 anos. Sería unha listaxe sen máis, un texto plano que nos daría a definición de cada latinismo. O alumno quizais os aprendese todos de memoria, pero seguramente non sería capaz de empregalos no contexto axeitado.
Propuxen hai xa un par de anos aos meus alumnos un traballo colectivo, enriquecido ano tras ano coas aportacións dos integrantes dese curso de Latín II, que sempre se renova mentres nós seguimos sendo case os mesmos.
Tratábase de buscar exemplos de latinismos na prensa actual e completar a listaxe con pequenos fragmentos destes usos e ligazóns ao texto completo, citando o medio de comunicación e a data de publicación do artigo.
Este ano ademais intentamos poñer imaxes ao texto, na medida do posible con licenzas CC que permitan a súa utilización.
O resultado foi este documento en *.pdf de 32 páxinas, que ten a súa correspondencia no apartado de latinismos da nosa wiki PaulatimGallaecia. Nel aparecen exemplos de extraídos dos principais diarios do Estado. Hai novas de política, de deportes, de sociedade. Poucas, moi poucas, en galego.
E o mellor de todo é que o documento está inacabado. Faltan máis exemplos, faltan máis imaxes. Non será problema. Están agardando os de 1º, e os de 4º...
Sería un bo regalo para o decano da Facultade Periodismo da USC, que na súa cegueira ante o peso do latín nas ponderacións, fai bo o dito de "Quod Natura non dat, Compostella non praestat"

4 comentarios:

Ana Gloria dijo...

Un traballo moi bo! Parabéns! Certo que estas novas tecnoloxías permiten, entre outras cousas, estes traballos que van medrando de ano en ano e quedan aí ad aeternum. Mentres tanto, algúns aínda andamos a gardar os recortes do xornal en carpetiñas que despois quedan agochadas en caixóns e que só de cando en vez saen á luz para dicirnos "algún día terei que organizar todo isto".
Nalgunha desas carpetiñas que agora non atopo,repousan recortes de latinismos en prensa mal utilizados, deformados, ou "barbarizados" -antolóxicos "Carmiña Burana" ou o "pataca miúda"-, pescuda que varios anos encomendei á miña xentiña de latín. Tamén sería un bo complemento para enviar ós responsables da formación de futuros xornalistas.
Grazas, Álvaro, por todas as túas iniciativas.

Ana Gloria dijo...

Como podo poñer no meu blog a ventana para votar por Chiron?

Álvaro P. Vilariño dijo...

Eu tamén gardo o imborrable "Carmiña Burana", esa famosa cantante galega, daquel innombrable conselleiro de Cultura..., e o "pataca minuta" daquel outro responsable do Compostela...!!

Susana Losada dijo...

Guau (Xa non teño palabras. Algunha vez imaxinei que se podía facer algo así... Grazas por compartir non só o traballo senón a idea