We can be heroes, just for one day.
Este mantra que cantaba Bowie nos últimos anos 70 d.C., e do que este cronista se valeu en non poucas ocasións, parece que estivo presente na mente de David Rubín (Ourense, 1977- Blog personal) cando se decidiu a debuxar a historia do heroe por excelencia, Heracles.
Publicado por Astiberri no mes de abril de 2011, chega ás librerías este primeiro tomo (libro 1 de dous) que leva por título "El Héroe", e que narra as aventuras do fillo de Zeus e Alcmena.
A narración comeza no pazo de Hera, coas maquinacións desta para conseguir que sexa Euristeo e non o Heracles, o que reine en Argos. Logo dun breve paso pola infancia dos dous primos comezan os traballos do heroe: o león de Nemea, a hidra de Lerna, a cerva de Cerinia, o xabarín de Erimanto, as cortes do rei Auxías, as aves do Estínfalo, o touro de Creta, as eguas de Diomedes e o cinto de Hipólita.
Ambientado nunha Grecia fantástica, atemporal (os personaxes visten ao modo grego pero parecen vivir nunha sociedade do século XXI), o autor interpreta libremente o mito, ben cambiando a propia historia (a cerva de Erinia convírtese en muller para enganar ao heroe, o xabarín de Erimanto era en realidade un mozo que rexeitou os apetitos dun rei e foi convertido en monstro, etc.) ou ben outorgando a célebres personaxes papeis que non lles corresponden (Ariadna malamente podería pasar por unha esposa que espera a Teseo na casa para rifarlle se se mete en problemas...)
Hai espazo tamén para a parodia, cuns espectaculares pósters que recordan á estética americana dos anos 50 e delatan a comercialización e trivialiación das figuras dos nosos heroes actuais (e todo isto a pesares das advertencias e esforzos dun Chiron que máis que bondadoso centauro semella un cabreado Mourinho defendendo ao seu CR diante dos micrófonos dunha rolda de prensa)
Se vindes por Santiago antes do 26 de xuño, podedes ver unha exposición na Zona C de Santo Domingo de Bonaval, con orixinais a lápiz, entintados e láminas finais desta historia, así como unha excelente curtametraxe sobre a obra de David como debuxante de tebeos.
Asimesmo, o vindeiro venres día 13 de maio, o autor asinará exemplares da obra na librería compostelana Kómic, na rúa San Pedro de Mezonzo.
Deixámosvos con este vídeo a modo de pequeno trailer de "El Héroe". Picade na parte inferior da pantalla para elixir a opción de visualización en HD e pantalla completa.
1 comentario:
Acabo de coller o cómic cunha dedicatoria preciosa para o IES de Melide. Nada máis abrilo xa me enganchei, encántame o tratamento de superheroes e o comezo que me recorda a superman, Planetary... (e iso que os superheroes non me acaban de convencer!). Creo que estamos de boa racha os amantes dos clásicos de do cómic!
Publicar un comentario