20/10/11

Cliphistoria

Hoxe queremos presentar aquí o excepcional traballo dun colega, Manuel González, profesor de historia no IES Concepción Arenal de Ferrol e responsable de Cliphistoria, un canal de YouTube (100.000 visitas!) que conta con máis de 1.000 fragmentos  extraídos de preto de 400 películas e documentais, dende a Prehistoria ata o 18 de xullo de 1936, data que o autor se puxo como límite. 50 películas o separan de conseguir ese obxectivo.
"Trátase de parcelar a Historia de España, de América, e o que existe de Galicia, a través de pequenos clips, para que os alumnos vaian descubrindo como era cada época", explicaba nunha entrevista concedida ao diario El País o pasado agosto.

Manuel non é un recén chegado ao mundo da imaxe, como testemuña o seu paso pola Axencia Audiovisual Galega, promotora, entre outros moitos proxectos, da creación de Flocos TV, peza angular do audiovisual galego, que recollía tanto a nova produción como materiais históricos, e que co último cambio de goberno pasou a mellor vida: "esta web xa non está operativa", pode lerse, a modo de esquela, neste enderezo (estou seguro que coa metade do que custaron as baldosas que adornan o aparcadoiro da Cidade da Cultura podería manterse a web durante 10 anos máis).

O mundo clásico tamén está presente no canal. Temos unha lista de reprodución dedicada á historia de Galicia, onde podemos atopar, entre outros, clips sobre a vida castrexa, Lucus Augusti, Aquis Querquennis, a construción da Ponte Bibei, Gallaecia contra Roma ou o ouro do val do Sil. Pero hai máis: os gregos descobren Iberia, Aníbal sae de Hispania, Roma invade a península ibérica, etc.

Manuel falará con nós de todo isto e máis na charla que abrirá o curso Chiron en Compostela 2011, o vindeiro venres 25 de novembro ás 16:30 horas, no IES Xelmírez I de Santiago (Campus universitario), nunha actividade organizada por SEECGalicia.

Deixamos aquí este vídeo de mostra. Pertence á película "Oro per i Cesari", de André Roth (1963)

(...) O clip ilustra o proceso final da construcción dunha ponte romana idéntica na forma e situación a magnífica ponte do Bibei (Poboa de Trives, Ourense). A ponte do Bibei é un fito senlleiro da enxenería da Hispania romana; obra mestra e peza fundamental da Vía XVIII (Vía Nova) entre Braga e Astorga, aínda hoxe está en uso sen ningún tipo de restauración, 2000 anos despois de seren construida (...)

4 comentarios:

Susana Losada dijo...

Eu coñezo o canal de Manuel González dende hai pouco, pero non o mirara o suficiente e non sabía que tamén tiña da vida castrexa. Todo un luxo telo no curso! xa me tarda

Clliphistoria dijo...

Moitas grazas pola propaganda... Verdadeiramente comecei un pouco de broma para os alumnos do Ferrol e a cousa foíseme das mans.. non sabía en qué lio me metia (se o sei non veño, dende logo). Por actualizar a información: xa son 650 filmes; 1103 clips, 185 000 visionados e 360 subscritores moitos deles de Latinoamérica. E que conste que non fixen ningunha acción promocional.. Este é a maxia e o milagre de Internet. De novo graciñas e ata pronto...

Fendetestas dijo...

Verdadeiramente que ten mérito e traballo o que fai Manuel... A ver quen se lanza a facer o mesmo pero con pelis de romanos e gregos, que hai unha chea...

Fendetestas dijo...

Eu sempre quixen facer iso mesmo, pero por falta de tempo (e de poñerme, porque todo é poñerse...) seguro que coas indicacións de Manuel o fago, porque a colección de peplums que teño... madia leva! O que máis me interesa é o tema dos dereitos de autor e o programa que utiliza para facer os clips. Xa nos contarás en Santiago. Boa fichaxe, Álvaro!