11/6/12

Exame das PAU de Latín - xuño 2012

Este foi o exame que tiveron que facer os nosos alumnos o pasado xoves.
Na opción A, un texto de Eutropio sobre a guerra de Roma contra os tarentinos, moi asequible e que ademais tivemos a sorte de facer en clase, co famoso Hi Pyrrhum, que alguén traduciu por "Que tal? Pirro.."
As cousas do plurilingüismo.
A opción B "A raposa e a aguia", de Fedro, presentaba xa máis dificultades, fundamentalmente porque é un texto mutilado, como podemos ver máis abaixo, o que sen dúbida dificulta a súa compresión (o verso que falta é a oración introducida pola conxunción ne e constitúe o CD do verbo orare, cuxo sentido queda así incompleto, e a frase "tuta quippe in ipso loco" enténdese de verdade cando traducimos a última parte da fábula, na que a raposa se toma cumprida vingaza e consegue que a aguia devolva as crías sans e salvas, ao non ser tan "seguro" o nido como se pensaba).
As demais preguntas seguen a tónica habitual dos últimos anos, aínda que un se pregunta se non habería lecturas máis proveitosas que o discurso de Calgaco...

pd: Esta sería a versión completa da fábula de Fedro (en negriña, os versos da proba)
Liber I, 28
Quamvis sublimes debent humiles metuere, 
vindicta docili quia patet sollertiae. 
Vulpinos catulos aquila quondam sustulit, 
nidoque posuit pullis, escam ut carperent. 
Hanc persecuta mater orare incipit, 
ne tantum miserae luctum importaret sibi.  (verso mutilado)
Contempsit illa, tuta quippe ipso loco. 
Vulpes ab ara rapuit ardentem facem, 
totamque flammis arborem circumdedit, 
hosti dolorem damno miscens sanguinis. 
Aquila, ut periclo mortis eriperet suos, 
incolumes natos supplex vulpi reddidit.
Paau Latin Xuño 2012

3 comentarios:

Xosé Manuel Vélez dijo...

Que ben que, como outros anos, poidamos utilizar os comentarios do divesgallaecia do amigo Álvaro para comentar o exame de Selectividade de Latín. Parabéns, amigo Álvaro, por "sacalo" tan raudamente.
O texto de Fedro non está só mutilado, senón manipulado. Fixádevos nas edicións que tedes: no texto orixinal no di "carperent", di "carperet"!!! O sentido, claro, é: "para esmiuzallar (ela, a aguia nai) (os raposiños) como alimento (para os seus poliños de aguia)". Si, certamente é moi "gore", pero é así. Os paxariños (meus "anxiños")non comen a carne eles sós, no seu niño...
En canto ó texto de Calgaco, discrepo con Álvaro: é unha magnífica crítica ó imperialismo romano dende dentro, e ten aquela frase de "fixeron un deserto e chamáronlle paz..."
Un saúdo.
X. M. Vélez.

Álvaro P. Vilariño dijo...

Grazas polo teu comentario Vélez.
De todas as edicións que busquei na rede na maioría sae "carperent", aínda que ten moito máis sentido o que ti dis, porque efectivamente é a nai dos polos a que esmiuza a comida, singular polo tanto. O certo é que tamén hai varias páxinas onde pon "carperet", moito máis lóxico e atinado.
Terei que darlle outra oportunidade a Calgaco, quizais non me dei conta do que se lle pode sacar de verdade ao texto.
Propósito de enmenda para o ano que vén!

caos dijo...

Efectivamente: os meus alumnos quedaron moi despistados cos dous últimos versos; seguro que lles sairía mellor o texto se tiveran oportunidade de darlle un sentido completo.
Estou con Vélez. Ao principio non entenden nada do discurso de Calgaco, pero cun pouco de axuda acaban identificados con el e sentindo o seu espírito libertario.
Grazas por compartir impresións. (Luz Quinteiro)