Lucius Modestus, un arquitecto da Roma Clásica, perdeu a inspiración e non sabe como saír do paso. Acode ás termas esperando recibir a visita das musas, pero no seu lugar atopa un portal espazo-temporal que o vai transportar a uns baños públicos xaponeses. Sempre adaptable, Lucius aproveita a inspiración recollida nestas viaxes para revolucionar a vida romana e conseguir o favor do emperador".
Ambientada na época do emperador Adriano (s. II d.C.) e, grazas ao mencionado portal espazo-temporal, tamén no Xapón actual, este entretido Libellus nos permite imaxinar a sorpresa e admiración dun emprendedor arquitecto e deseñador romano ante un material descoñecido e versátil como o plástico, un batido de froitas ou o sistema de apertura dunha lata de refresco, novidades todas que intentará, con maior ou menor éxito, replicar na súa Roma natal.
Cun texto salpicado de latinismos en todos os capítulos (ás veces un tanto forzados, todo hai que dicilo), Thermae Romae pode servirnos tamén para iniciarnos na cultura xaponesa dos baños. A isto axudan os textos que acompaña a autora entre capítulo e capítulo, onde nos conta as súas experiencias nos baños de diferentes países, nos informa de como sería a vida cotiá dun romano ou nos compara as semellanzas e diferencias entre o ritual romano e o xaponés.
Ademais da reseña da web DeCulture.es, nesta completísima entrada da Wikipedia poderedes encontrar toda a información necesaria sobre este curioso cómic, que tivo unha adaptación cinematográfica no 2012 e anuncia unha segunda parte para 2014.
E podemos darnos unha volta tamén pola súa propia páxina web, iso si, en xaponés!
* aínda que as imaxes teñen o texto en inglés o manga está publicado en castelán por Norma Editorial
1 comentario:
Que apetecible, un manga clásico!! Aínda non pasei por Kómic,a ver se me vou reconciliando cos manga
Publicar un comentario